![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/05/Mohamedu_bin_Ra%25C5%25A1idu_Almakt%25C5%25ABmu.jpg/640px-Mohamedu_bin_Ra%25C5%25A1idu_Almakt%25C5%25ABmu.jpg&w=640&q=50)
Mohamed bin Rashid Al Maktum
político emiratí / From Wikipedia, the free encyclopedia
Mohamed bin Rashid Al Maktum (en árabe محمد بن راشد المكتوم), tamén coñecido como Xeque Mohamed, nado en Dubai o 15 de xullo de 1949, é o actual primeiro ministro e vicepresidente dos Emiratos Árabes Unidos. É tamén o presidente do emirato de Dubai.
![]() |
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Foi o artífice dunha serie de reformas no goberno dos Emiratos Árabes Unidos, encabezados pola Estratexia de Goberno da Federación, que foi lanzada en 2007. En 2010, participou na implantación da estratexia UAE Vision 2021, que ten como obxectivo converter os Emiratos Árabes Unidos "nun dos mellores países do mundo"[1] en 2021.
O xeque Mohamed impulsou a transformación de Dubai, que se converteu nunha importante cidade global, e grazas aos seus esforzos conseguiu situar aos EAU na escena mundial.[2]
É propietario do 99,67% de Dubai Holding, un conglomerado dedicado a investimentos e ao desenvolvemento de empresas diversificadas, entre elas, as grandes compañías Emirates Airline, DP World e Grupo Jumeirah.
O xeque Mohamed xogou un papel decisivo no desenvolvemento económico e arquitectónico de Dubái, supervisando importantes proxectos dentro de diferentes sectores. Así, no campo do comercio, contribuíu á creación de JAFZA, unha das zonas francas máis importantes dos EAU; no campo das tecnoloxías da información e a comunicación, creou Dubai Internet City, un centro de tecnoloxía e zona franca para empresas de tecnoloxía e comunicación dixital; no sector das finanzas, impulsou a construción do centro financeiro Dubai International Finance Centre; e no ámbito do turismo, dirixiu grandes proxectos como a construción de Palm Islands, o emblemático hotel Burj al-Arab e o rañaceos Burj Khalifa, o edificio máis alto do mundo.[3]
É un gran afeccionado aos cabalos e un recoñecido xinete. Foi o fundador da corte de carreiras Godolphin, propiedade da familia Maktoum, e é o propietario de Darley, unha compañía de cría de razas de cabalos que opera en seis países. En 2012, montou o cabalo Madji Du Pont durante 160 km para facerse co Campionato Mundial de Enduro da FEI.[4]
É un recoñecido poeta en árabe.[5] Ten unha relación moi estreita con Mohammed bin Zayed Al Nahyan, que é o príncipe herdeiro do emirato de Abu Zabi, e o vice-comandante supremo das Forzas Armadas dos Emiratos Árabes Unidos.[6]