From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo mouros[1] refírese ós habitantes musulmáns do Magreb, da Península Ibérica, Sicilia e Malta durante a Idade Media, que orixinalmente eran de ascendencia bérber e árabe.[2][3][4] É un termo popular e coloquial, cuxo uso habitual pode ou non ter connotacións pexorativas. Os mouros non son un pobo autodefinido,[5] e os principais estudosos observaron en 1911 que "o termo 'Mouros' non ten valor etnolóxico."[6] Os europeos medievais e modernos empregaron o nome para facer referencia a árabes, bérberes, africanos do norte e musulmáns europeos.[7]
No ano 711, os mouros invadiron a Península Ibérica dende o Norte de África e chamaron ó territorio Al-Andalus, que abranguía a meirande parte das actuais España e Portugal. Os mouros ocuparon Mazara en Sicilia no ano 827, desenvolvéndoa como un porto,[8] e posteriormente consolidáronse no resto da illa e en Italia. As diferenzas de relixión e cultura comportaron un conflito que durou por séculos cos Reinos Cristiáns de Europa, que tentaron recuperar o control das áreas musulmás. Este período foi coñecido como Reconquista. En 1224, os musulmáns foron expulsados dende Sicilia até o asentamento de Lucera, que foi destruído polos cristiáns en 1300. A caída de Granada en 1492 marcou o final do dominio musulmán na Península Ibérica.
Mouro deriva do latín maurus, "habitante da Mauretania" (Mauretania Cesariense ou Tinguitana), vinculado tamén ao topónimo Mauritania. Outros topónimos non proveñen desa orixe directa, como o de Mauricio aínda que si a través do nome Maurits (por Maurits de Nassau o brasileiro, o mesmo que as palmeiras do xénero Mauritia, o Mauritshuis ou o continente Mauritia).
Os nomes Mauro, Maurice, Mauricio ou Morris son derivacións do latino Mauritius, común no Imperio Romano; outros como o gaélico Muirheas ou mesmo Moses, que algunha vez se vincularon con este étimo, terían outra orixe. [9]
Outra teoría afirma que "mouro" e "mauro" proveñen das linguas bérberes (tamazight) ⴰⵎⵓⵔ pronunciado "amur" (terra) que derivaría no latín maurus.[10] O termo relacionado "Sarraceno" provén do árabe شرقيين xarquiin, plural de شرقي xarquii ("oriental"), a través do grego bizantino Σαρακηνοί sarakenoí e do latín sarracenu.[11]
Os termos mouro e moura da mitoloxía galega non derivan do referido aos musulmáns nin do latino maurus / mauritius / mauretanea, aínda que é unha das hipóteses. Segundo Isidoro Millán vén do precelta *marwo (morto). Outras teorías son que o termo provén do grego moira (μοίρα), que significa "destino", e das moiras da mitoloxía grega; ou do celta "mori", que significa mar, ou "mori-morwen", que designa serea, probabelmente relacionando as mouras coas ondinas ou ninfas, espíritos que habitaban nos ríos e regatos.
O apelido galego Mouro tería orixe toponímica, vinculado a calquera destas acepcións.[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.