A olaría é o traballo con arxila cocida co obxecto de elaborar utensilios tal que potas, pratos, vasos, porróns e moitas outras pezas.[1] A olaría é un dos máis antigos inventos da humanidade, orixinada antes do neolítico, con obxectos cerámicos como a Venus de Dolní Věstonice[2] ou os vasos de cerámica descubertos en Jiangxi.

Thumb
Oleira traballando cun torno.

A olaría fabrícase formando obxectos de cerámica (a miúdo de arxila) coa forma desexada e quentándoos a altas temperaturas (600-1600 °C) nunha fogueira, pozo ou forno que induce reaccións que levan a cambios permanentes, incluídos o aumento da forza e rixidez do obxecto. Moita olaría é puramente utilitaria, mais tamén se pode considerar unha forma de arte.

Historia

Os primeiros obxectos de olaría aparecen no período Gravetiense (Paleolítico Superior) e trátase de pequenas representacións de divindades materiais e de culto á fertilidade como a chamada Venus de Dolní Věstonice datada arredor de 29 000 ou 25 000 a. C.[3] Unha das pezas máis antigas que se coñecen é unha vasilla do período Jōmon da época da prehistoria do Xapón (10 000 a. C. / 8000 a. C.), peza que se expón no Museo Nacional de Toquio. O seu nome vén das marcas de corda coas que está decorada.[4] Atopáronse outras evidencias na conca do río Amur en Rusia que revelaron rastros de cerámica que datan do 14 000 - 13 000 a. C.[5][6] Existen anacos de olaría que se encontraron no sur da China e que foron datados por carbono 14 entre o 9000 e o 14 000 a. C.; en novas escavacións realizadas na cova Xianrendong en Jiangxi os restos chegan ata o 20 000 a. C.[7]

Unha das técnicas que caracterizan as culturas neolíticas e que se considera unha proba para a ordenación cronolóxica é a cerámica ou arxila modelada. As pequenas figuras de arxila cocida xa se atopaban no Paleolítico Superior,[8] aínda que é no neolítico cando aparece o baleiro a partir do traballo coa arxila e polo tanto se atopa unha utilidade nas vasillas, que se empregan para a elaboración dos alimentos cocinados no lume. No próximo oriente apareceu cerámica un ou dous milenios anterior á aparición do cultivo dos cereais, polo que a asociación entre o nacemento da olaría coa práctica agrícola e culinaria é aínda confusa.[9]

Os primeiros artesáns especializados apareceron en Mesopotamia, e inventaron as ferramentas para traballar mellor a arxila, como o torno de oleiro e o forno para cocela contra o 3400 a. C.[10][11] Igualmente en Grecia e nos Balcáns a influencia da cultura de Anatolia apréciase nas vasillas con forma de tulipa e con engobe, vermello e branco. En Grecia comezaron a decorarse as pezas con motivos xeométricos, que eran os detalles máis habituais xunto con reproducións de plantas e escenas cotiás, que se facían imitando a arte da escultura.[12]

Estrabón e Plinio o Vello atribuíron a invención da roda ao oleiro escita Anacarsis que morreu arredor de 550 a. C. Non obstante, Homero fala xa dela nas súas obras e sábese que o pai da poesía grega precedeu en varios séculos ao discípulo de Solón. Os toscanos, en tempo de Porsena, traballaban tan ben esta arte que os seus artefactos se pagaban a un prezo máis elevado en tempos de Augusto que os de prata e ouro.[13]

Na Europa mediterránea as pezas máis antigas son, probabelmente, as atopadas no sitio de Camprafaud (Languedoc) e Verdelpino (Cuenca), pezas datadas no VI milenio a. C.; non presentan ningún tipo de decoración. Tamén hai pezas do III milenio a. C. atopadas en Cataluña, Provenza, Córsega e Dalmacia; neste caso, a súa decoración baséase na impresión con cunchas mariñas, técnica chamada "montserratina" pola súa grande abundancia no macizo de Montserrat e coñecida tamén como cerámica cardial.[14]

Thumb
Cerámica exipcia da cultura Naqada I, circa 3700 a. C.

Os achados arqueolóxicos no Alto Exipto, na fase Naqada I, fan supoñer que dende o 4500 ao 3500 a. C. se practicaba a agricultura. Tamén se enterraban os mortos en tumbas, onde era frecuente o uso de enxovais funerarios entre os que era habitual atopar vasillas de terracota vermella con motivos pintados en branco; as decoracións que predominaban eran as de tipo xeométrico, como por exemplo triángulos, semicírculos e espigas.[15] Contra o 4000 a. C. en Badari fabricábanse vasillas de olaría finas e puídas e atopáronse grandes cantidades de obxectos pintados con figuras de animais e escenas de barcos de remos de aproximadamente 3600 a. C.[16]

Thumb
Cerámica cardial da cova de La Sarsa, Valencia.

Durante o neolítico medio, a cultura Dímini, en Grecia, produciu unha cerámica cunha gran variedade de formas e ornamentación polícroma, sobre todo de espirais e grecas. Ao final deste período e a principios do Neolítico final empregouse unha olaría negra bruñida, de influencia anatólica. O chamado neolítico danubiano do centro de Europa, que tivo lugar a comezos do V milenio a.C., producía unha cerámica que se caracterizaba pola decoración de «bandas», con formas extremadamente sinxelas de vasos sen asas e gorxa larga. As liñas da decoración estaban realizadas a base de incisións paralelas e puntuados.[17] No mesmo período neolítico, a olaría doméstica apareceu en pequenas poboacións como no sitio de Hacilar (oeste de Turquía). Estas pezas son vasillas cocidas a baixas temperaturas e decoradas con faixas lisas pintadas con arxila branca non ferrosa. Do IV milenio son os grupos de olaría atopados nos sitios de Gumelnitsa e Salcutsa en Romanía e Tripole e Cucuteni en Ucraína de formas con perfil convexo na parte superior e cóncavo na inferior e decoración xeométrica.[18]

Características

A olaría non é o mesmo ca outros produtos artísticos como son a cerámica, a terracota, a porcelana ou produtos como a vaixela fina. Olaría é un termo antigo e probablemente en moitas partes adoptouse a palabra cerámica, substituíndo a olaría, a partir do ceramic en lingua inglesa. Ademais, olaría é tamén o nome do obradoiro onde se elaboran estas pezas así como a denominación da tenda onde se venden. Á persoa que elabora olaría coñécella como oleiro, topónimo común no territorio de Galiza. Diferénciase do ceramista en que este último continúa a elaborar a peza mediante o engadido de esmaltes e outras técnicas que requiren unha ou máis coccións ou queimados.

En Galiza destaca, entre outras, a olaría de Buño (Malpica de Bergantiños), Bonxe (Outeiro de Rei), Gundivós (Sober), Mondoñedo, Meder (Salvaterra de Miño) e de Niñodaguia[19] (Xunqueira de Espadanedo).

Fases de procesamento

Todas as pezas cerámicas pasan por varias fases durante a súa elaboración: preparación da arxila, modelaxe, secado, primeira cocción ou enfornamento (cerámica tradicional) e cocción da aplicación de técnicas cerámicas.

Preparación

En primeiro lugar, a arxila amásase para que a humidade e outras partículas se distribúan de xeito homoxéneo e para eliminar as burbullas de aire que teña dentro (que poden provocar explosións durante o enfornamento ou a queima).

Composición ou modelaxe

Despois, modélase manualmente ou empregando ferramentas. A auga úsase para manter a plasticidade da arxila durante a modelaxe, sen que aparezan gretas. Os traballos realizados no torno xeralmente teñen que desbastarse ou retornarse para facer que o espesor da parede sexa uniforme en toda a peza ou para modelar o pé da peza. Este proceso lévase a cabo cando a peza secou o suficiente para soportar este tipo de manipulacións.

Secado e puído

A peza déixase ao ar ata que seque e endureza suficientemente. Esta fase chámase "estado do coiro". As pezas que se atopan así son moi fráxiles, polo que deben manexarse ​​con coidado. Unha vez rematada a peza, déixase secar de novo para que perda o resto da humidade que aínda contén deixándolle un aspecto similar ao óso. Cando a peza está completamente seca, a súa cor é máis clara e adquire maior dureza. É cando se adoita empregar unha lixa fina e unha esponxa húmida para pulila.

Enfornamento

Máis tarde lévase ao forno, onde perde a humidade química e adquire unha maior resistencia e sonoridade. Pode que con esta cocción a peza estea xa rematada, como é o caso da olaría, ou que aínda precise unha cocción posterior, como no caso da cerámica.[20]

É posible que sexan necesarias varias sesións de forno para conseguir efectos decorativos especiais, por exemplo para obter a chamada decoración negativa, empregada en varias culturas antigas, como a Vicús. O efecto de decoración negativo conséguese cubrindo con arxila algunhas partes da pota na fase final da cocción e deste xeito as partes cubertas conservan a súa cor orixinal, mentres que as partes descubertas se volven escuras ou negras por redución.[21]

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.