Patrimonio da Humanidade nos Estados Unidos de América
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade nos Estados Unidos de América, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. Os Estados Unidos de América ratificaron a convención o 7 de decembro de 1973.[3] No ano 2022, había 24 lugares Patrimonio da Humanidade nos Estados Unidos.[3]
Os primeiros lugares dos Estados Unidos engadidos na lista foron o Parque Nacional Mesa Verde e o Parque Nacional de Yellowstone, ámbolos dous na 2ª Sesión do Comité do Patrimonio da Humanidade, celebrada en Washington, D.C., en 1978.[4] O sitio máis recente enumerado foi unha selección de oito estruturas representativas das obras arquitectónicas do século XX de Frank Lloyd Wright, no ano 2019.[3] Os vinte e catro sitios están situados en vinte estados e dous territorios. Os estados de Arizona, California, Hawai, Illinois, Montana, Novo México, Nova York e Pensilvania contan con varios sitios (co sitio de Frank Lloyd Wright repartido por seis estados), mentres que dous sitios (o Parque Internacional da Paz Waterton-Glacier (Montana) e Kluane/Wrangell-St Elias/Baía dos Glaciares/Tatshenshini-Alsek (Alasca)) son sitios transfronterizos compartidos co Canadá.[3] Dos 24 sitios, 11 son culturais, 12 son naturais, e un só, Papahānaumokuākea, é mixto, catalogado como cultural e natural.[3] Un sitio está clasificado como en perigo: o Parque Nacional dos Everglades foi clasificado en 2010 debido á deterioración dos seus ecosistemas acuáticos. O sitio xa fora catalogado en perigo entre 1993 e 2007. O Parque Nacional de Yellowstone foi catalogado como en perigo entre 1995 e 2003 por mor das operacións mineiras planificadas.[5] Os Estados Unidos foron cinco veces membro do Comité do Patrimonio Mundial, 1976–1983, 1987–1993, 1993–1999, 1999–2001 e 2005–2009.[3]