From Wikipedia, the free encyclopedia
Mestrio Plutarco (Πλούταρχος Plútarkhos), nado en Queronea (cidade hoxe desaparecida na actual Grecia) sobre o ano 50 ou 46 e finado sobre o 120, foi un historiador, biógrafo e ensaísta grego.
Nome orixinal | (grc) Πλούταρχος (la) L. Mestrius Plutarchus |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 45 ↔ 50 Chaeronea (Roma Antiga) |
Morte | c. 120 (70/80 anos) Chaeronea () |
Embaixador | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Roma Antiga |
Actividade | |
Campo de traballo | Filosofía, ciencia política e historia |
Ocupación | ensaísta , historiador , escritor , biógrafo , sacerdote , maxistrado , filósofo |
Período de tempo | Imperio Romano |
Xénero artístico | Biografía |
Profesores | Amónio de Atenas (pt) |
Lingua | Lingua latina e Grego antigo |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Timoxena |
Fillos | Plutarco o Novo, Lamprias (en) |
Plutarco nace na rexión grega de Beocia, probabelmente durante o goberno do emperador romano Claudio. Realizou moitas viaxes polo mundo mediterráneo, incluíndo unha a Exipto e dúas viaxes a Roma. Grazas á capacidade económica dos seus pais, Plutarco estudou filosofía, retórica e matemáticas na Academia de Atenas sobre o ano 67.
Algúns dos seus amigos foron moi influentes, incluíndo Soscio Senecio e Fundano, ambos os dous importantes senadores e aos cales dedicou algúns dos seus últimos escritos. A maior parte da súa vida pasouna en Queronea, onde foi iniciado nos misterios do deus grego Apolo. Porén, as súas obrigas como o maior dos dous sacerdotes de Apolo no Oráculo de Delfos (onde era o responsábel de interpretar os augurios da ou das pitonisas do oráculo) ocupaban aparentemente unha parte pequena do seu tempo. Levou unha vida social e cívica moi activa, ademais de producir unha gran cantidade de escritos, parte dos cales aínda existen.
Máis moralista que filósofo e historiador, foi un dos últimos grandes representantes do helenismo durante a segunda sofística, cando xa tocaba ao seu fin, e un dos grandes da literatura helénica de todos os tempos.
Ademais dos seus deberes como sacerdote do templo de Delfos, Plutarco foi tamén maxistrado en Queronea e representou a súa vila en varias misións a países estranxeiros durante os seus primeiros anos na vida pública. O seu amigo Lucio Mestrio Floro, cónsul romano, patrocinou a Plutarco para conseguir a cidadanía romana, e de acordo co historiador do século X Xurxo Sincelo, o emperador Hadriano nomeouno, xa na vellez do escritor, procurador de Acaia (provincia romana da península do Peloponeso). Este cargo permitiulle portar as vestiduras e ornamentos propios dun cónsul. A enciclopedia Suda di que o predecesor do emperador Hadriano, Traxano, fixo a Plutarco procurador de Iliria, aínda que moitos historiadores consideran isto como pouco probábel, xa que Iliria non era unha provincia procuratorial, e Plutarco seguramente tampouco falaba o idioma.
O seu traballo máis coñecido son as Vidas Paralelas, unha serie de biografías de gregos e romanos famosos, elaborada en forma de parellas co fin de comparar as súas virtudes e defectos comúns. As Vidas superviventes conteñen vinte e tres pares de biografías, onde cada par comprende unha vida grega e unha vida romana, así como catro vidas desemparelladas. Como el mesmo explica no primeiro parágrafo da súa Vida de Alexandre, Plutarco non pretendía tanto escribir historias como explorar a influencia do carácter (fose bo ou malo) sobre as vidas e os destinos dos homes famosos. Algunhas das máis interesantes vidas, como, por exemplo, a que fala sobre Heracles e Filipo II de Macedonia, xa non existen, e de moitas das restantes non se dispón da totalidade do texto, de xeito que existen importantes lagoas, deturpacións e interpolacións de escritores posteriores.
A súa Vida de Alexandre é unha das cinco fontes terciarias superviventes sobre o conquistador macedonio, e inclúe anécdotas e descricións de incidentes que non aparecen noutras fontes. Así mesmo, o seu retrato de Numa Pompilio, un dos reis romanos, tamén contén información única sobre o calendario romano inicial.
Os restos superviventes do seu traballo recompílanse baixo o título de Moralia (traducidos como Obras morais e de costumes). O título non llo deu o propio Plutarco, senón o monxe bizantino Máximo Planudes, que recolleu no século XIII diversos traballos dispersos do autor, e incluso outros considerados hoxe espurios, baixo este rótulo. É esta unha colección ecléctica de setenta e oito opúsculos sobre ética (De virtute morali, De virtute et vitio, De laude ipsius, De garrulitate, De vitando aere alieno, De adulatore et amico, De amicorum multitudine, a fragmentaria Epístola sobre a amizade, Amatorius, Praecepta coniugalia, Consolatio ad uxorem, De fraterno amore); política, considerada de forma realista e en que se contrastan superioridade intelectual dos gregos e superioridade política dos romanos (Praecepta gerendae rei publicae, Ad principem indoctum, An seni res publica gerenda sit); sobre Filosofía e Ciencia (Platonicae quaestiones, De anima- ou da erudición aristotélica -De facie in orbe lunae, De primo frigido-, rexeitando o Estoicismo extremo -De Stoicorum repugnantibus, De communibus notitiis adversus Stoicos- e o Epicureísmo -Non posse suaviter vivi secundum Epicurum, De latenter vivendo-); sobre Teoloxía (De E apud delphos, De Pythiae oraculis, De defectu oraculorum, De sera numinis vindicta, De Iside et Osiride, De Daedalis Plataeensibus, conservado en fragmentos); sobre Zooloxía (Bruta animalia ratione uti, De sollertia animalium De esu carnium I-II); sobre Pedagoxía (Plutarco sostén que o fundamento da educación é a lectura e a escritura e a comprensión do mundo infantil (De audiendis poetis, De audiendo)); sobre crítica e erudición (Commentarii in Hesiodum, Quaestiones in Arati signis, conservadas de forma fragmentaria, De comparatione Aristophanis et Menandri epitome, De Herodoti malignitate, De mulierum virtute, colección de anécdotas históricas, Aetia Romana, Aetia Graeca); de tipo declamatorio (An virtus doceri possit, De fortuna); sobre Historia (De Alexandri Magni fortuna aut virtute, De fortuna Romanorum, De gloria Atheniensium) e de temática miscelánea (Quaestiones Conviviales, en nove libros, a máis ampla obra plutarquea, concibida como un banquete sobre os temas máis diversos; Septem Sapientium Convivium, un imaxinario convite de tradición gnómica entre os antigos Sete Sabios que discuten e enuncian as súas célebres máximas).
A forma destes opúsculos é tamén variábel e vacila entre o diálogo, a diatriba estoico-cínica, o tratado ou o discurso epidíctico, o que chamariamos modernamente ensaio. Un dos máis importantes é Sobre Isis e Osiris, pois é o principal documento extenso sobre o culto de Osiris e Isis e ademais é posibelmente a última obra de Plutarco, polo que dalgunha maneira sintetiza o seu pensamento. Baixo o nome de Diálogos píticos agrúpanse tres destes opúsculos: O E de Delfos, Os oráculos da Pitia e A desaparición dos oráculos foron compostos seguramente mentres se achaba ao servizo do templo de Apolo en Delfos. A temática destes diálogos relaciónase con este mundo máxico e escuro: a evolución das respostas oraculares, o rito e o ornato monumental e a decadencia das sedes oraculares. Sobre a Fortuna ou as Virtudes de Alexandre o Grande é unha fonte importante sobre a vida do gran conquistador. Sobre a Malicia de Heródoto podería constituír, como as oracións sobre os feitos de Alexandre, un exercicio retórico e critica o que el ve como o desvío sistemático no traballo de Heródoto. Hai tamén tratados de tipo máis filosófico como o xa citado Sobre a Decadencia dos Oráculos, Sobre a demora da divina vinganza ou Sobre a paz da mente. Ademais, o seu legado inclúe obras máis lixeiras como Odiseo e Grilio, un diálogo humorístico entre o Ulises de Homero e un dos porcos encantados de Circe. Os Moralia foron compostos en primeiro lugar, mentres que a escritura das Vidas ocupou a maior parte das dúas últimas décadas da vida de Plutarco.
Algunhas edicións dos Moralia inclúen moitos traballos que hoxe en día son recoñecidos como apócrifos. Entre estes atópanse as Vidas dos Dez Oradores (biografías dos dez mellores oradores da antiga Atenas, baseadas en Cecilio de Calacte), As doutrinas dos filósofos e Sobre a música. Atribúese estas obras a un «pseudo-Plutarco», aínda que a autoría real é, certamente, descoñecida. Aínda que as opinións e o pensamento rexistrado nestas obras non parecen pertencer a Plutarco e poden proceder dunha época posterior, son así mesmo textos de orixe clásica con valor histórico.
Existen un par de traballos menores compilados nas Cuestións, un sobre escuros detalles dos costumes e o culto romano e outro sobre o mesmo tema en Grecia.
A primeira tradución a unha lingua vernácula europea da obra de Plutarco é a debida ao Gran Mestre da Orde de San Xoán de Xerusalén Johan Ferrández d'Heredia (h. 1310 - 1396) que mandou traducir ao aragonés en 1389 a gran maioría das Vidas desde unha versión intermedia que Demetrio Talodico fixo ao grego bizantino; esta versión foi axiña vertida ao italiano e circulou entre os ávidos humanistas itálicos do século XV. Despois Alfonso de Palencia traduciu todas as Vidas paralelas en 1491 ao castelán. O humanista protestante español Francisco de Encinas ou de Enzinas traduciu parte delas e dedicounas a Carlos V en 1551. Diego Gracián de Alderete traduciu as dúas que faltaban a Enzinas e ademais os Moralia, cuxa versión impresa apareceu en 1548. Xa antes frei Antonio de Guevara saqueara as obras do Queronense sen piedade e sen precisión nas citas. Quevedo fixo unha tradución glosada da Vida de Marco Bruto que é unha das súas mellores obras e un monumento de prosa conceptista. No século XIX fíxose célebre a tradución das Vidas de Antonio Ranz Romanillos, que se ten reimprimido ata a actualidade.
A tradución francesa das Vidas paralelas por Amyot (1559) tivo unha importancia capital para o humanismo europeo, dando unha extraordinaria popularidade ao queronense, tanto que se pode dicir que sen ela Montaigne non podería escribir os seus Essais. Xa no século XVIII Jean-Jacques Rousseau estudou de neno non só as Vidas, que aprendeu de memoria, senón os Tratados morais, e sacou deles notas e extractos. Admiraba especialmente a descrición das leis e as virtudes de Esparta e arelou unha reforma política que empezase por unha reforma moral segundo os vellos valores cívicos espartanos; durante os anos da Revolución Francesa ningún autor houbo máis popular que Plutarco, e escribíanse traxedias inspiradas nos seus heroes..
Os escritos de Plutarco tiveron unha enorme influencia sobre a literatura inglesa. Shakespeare parafrasea en moitas das súas obras partes da tradución das Vidas paralelas que Thomas North fixo desde a famosa tradución ao francés de Amyot en 1579, e Julio César, Coriolano, Antonio e Cleopatra e Timón de Atenas corrobórano. Ralph Waldo Emerson e os transcendentalistas estiveron moi influenciados polos Moralia (Emerson escribiu unha moi brillante introdución ao quinto volume na súa edición do século XIX dos Moralia). Boswell cita os comentarios sobre a escritura das Vidas de Plutarco na introdución da súa propia Vida de Samuel Johnson. A súa lista de admiradores inclúe a Ben Jonson, John Dryden, Alexander Hamilton, John Milton e Sir Francis Bacon, así como figuras tan dispares como Cotton Mather e Robert Browning.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Plutarco de Queronea |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Plutarco de Queronea |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.