Roma
comuna italiana From Wikipedia, the free encyclopedia
comuna italiana From Wikipedia, the free encyclopedia
Roma[1] (AFI: /ˈroma/, pronuncia (axuda · info)) é unha cidade de 2.856.133 habitantes (2018)[2], capital da República italiana e da rexión do Lacio, provincia de Roma. Cunha área de 1.285 km² é o municipio máis grande de Italia e a quinta cidade máis grande de Europa despois de Moscova, Istambul, Londres e San Petersburgo. Así mesmo é o municipio máis poboado de Italia e a cuarta cidade máis poboada da Unión Europea despois de Londres, Berlín e Madrid.[3] Tamén é o municipio europeo coa maior área de zonas verdes. A cidade ten un sistema administrativo especial, chamado Roma Capitale, rexido por unha lei estatal.[4]
Alcume | la città eterna, Вечный город, Wieczne Miasto, Věčné město, Ciudad Eterna e večno mesto | ||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
País | Italia | ||||||||||||||||||||||
Rexión | Lazio | ||||||||||||||||||||||
Cidades metropolitanas | Cidade metropolitana de Roma Capital | ||||||||||||||||||||||
Capital de | |||||||||||||||||||||||
Contén a división administrativa | Municipio I (en) Municipio II (en) Municipio III (en) Municipio IV (en) Municipio IX (en) Municipio V (en) Municipio VI (en) Municipio VII (en) Municipio VIII (en) Municipio X (en) Municipio XI (en) Municipio XII (en) Municipio XIII (en) Municipio XIV (en) Municipio XV (en) | ||||||||||||||||||||||
Poboación | |||||||||||||||||||||||
Poboación | 2.748.109 (2023) (2.134,69 hab./km²) | ||||||||||||||||||||||
Lingua oficial | lingua italiana | ||||||||||||||||||||||
Xeografía | |||||||||||||||||||||||
Superficie | 1.287,36 km² | ||||||||||||||||||||||
Bañado por | Río Tíber, Rio Aniene (pt) e Mar Tirreno | ||||||||||||||||||||||
Altitude | 21 m | ||||||||||||||||||||||
Comparte fronteira con | Anguillara Sabazia (pt) Campagnano di Roma (pt) Castel San Pietro Romano (pt) Albano Laziale Trevignano Romano (pt) Zagarolo (pt) Sacrofano (pt) Frascati Marino (pt) Tívoli Gallicano nel Lazio Riano (pt) Palestrina (pt) Guidonia Montecelio (pt) Pomezia (pt) Monterotondo (pt) Colonna (pt) Fiumicino (pt) Ciampino (pt) Ardea (pt) Castel Gandolfo (pt) Poli (pt) Fonte Nuova (pt) Grottaferrata (pt) Monte Compatri (pt) Formello (pt) Monte Porzio Catone (pt) Mentana (pt) San Gregorio da Sassola (pt) | ||||||||||||||||||||||
Datos históricos | |||||||||||||||||||||||
Fundador | Rómulo (pt) e Remus (en) | ||||||||||||||||||||||
Creación | 21 de abril de 814 a. C. ↔ 21 de abril de 747 a. C. | ||||||||||||||||||||||
Evento clave
| |||||||||||||||||||||||
Día festivo | |||||||||||||||||||||||
Santo padrón | Pedro e Paulo de Tarso | ||||||||||||||||||||||
Organización política | |||||||||||||||||||||||
• Alcalde | Roberto Gualtieri (2021–) | ||||||||||||||||||||||
Órgano lexislativo | Rome City Council (en) Circunscrición: sen valor, (Escano: 49) | ||||||||||||||||||||||
Membro de | |||||||||||||||||||||||
Identificador descritivo | |||||||||||||||||||||||
Código postal | 00118–00199 | ||||||||||||||||||||||
Fuso horario | |||||||||||||||||||||||
Prefixo telefónico | 06 | ||||||||||||||||||||||
Identificador ISTAT | 058091 | ||||||||||||||||||||||
Código catastral italiano | H501 | ||||||||||||||||||||||
Outro | |||||||||||||||||||||||
Irmandado con | Cidade de México Contrada della Lupa (en) Seúl Benevento Plovdiv Brasilia Washington, D.C. Pequín Sevilla Achacachi Municipality (en) Cincinnati Douala Marbella Xohanesburgo París (1956–) Toquio (1996–) Kíiv (1999–) Cracovia (2009–) | ||||||||||||||||||||||
Sitio web | comune.roma.it | ||||||||||||||||||||||
Fundada segundo a tradición o 21 de abril de 753 a. C. (aínda que escavacións recentes no sitio arqueolóxico de Lapis Níger datan a súa fundación dous séculos antes[5][6]) durante os seus tres milenios de historia foi a primeira metrópole da humanidade,[7] sendo o corazón dunha das civilizacións antigas máis importantes, que influíron na sociedade, cultura, lingua, literatura, arte, arquitectura, filosofía, relixión, dereito e costumes dos séculos seguintes.
É a cidade coa máis alta concentración de bens históricos e arquitectónicos do mundo;[8] o seu centro histórico delimitado polo perímetro que marcan as murallas aurelianas, superposición de pegadas de tres milenios, é a máxima expresión do patrimonio histórico, artístico e cultural do mundo occidental.[9] En 1980, xunto ás propiedades extraterritoriais da Santa Sé que se atopan na cidade e a basílica de San Paulo Extramuros, foi incluída na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco.[10][11]
Roma é unha das cidades con maior importancia na historia mundial, sendo un dos símbolos da civilización europea e centro espiritual do catolicismo, cidade santa do catolicismo e destino de peregrinación (vías romeas) e tamén a única cidade do mundo que ten no seu interior unha entidade estatal autónoma: o enclave da Cidade do Vaticano, que se atopa baixo o poder temporal do papa.[12] Por tal motivo coñecéuselle tamén como a capital de dous Estados.[13][14]
Por antonomasia, coñécese desde a antigüidade como a Urbs, Caput mundi (en galego, "cidade, cabeza do mundo") e tamén é chamada "A Cidade Eterna" (en italiano: Città Eterna).
Existen varias hipóteses sobre a orixe do nome Roma;[15] o nome podería vir:
Roma atópase nas ribeiras do río Tíber; a aldea orixinaria desenvolveuse sobre os outeiros que están fronte á curva deste río na cal xorde un promontorio de terra coñecido como a Illa Tiberina.
O territorio do municipio de Roma é amplo, absorbendo áreas que estiveran abandonadas por séculos, na súa maioría infestadas de paludismo e pouco aptas para a agricultura, áreas non pertencentes a ningún municipio: esténdese sobre unha superficie de 1285,31 km² e é o territorio ocupado pola cidade máis grande de Italia[22] e un dos máis extensos en contraste con outras capitais de Europa. Roma goberna unha área que polas súas dimensións é tan grande como, aproximadamente, a suma dos territorios de Milán, Nápoles, Turín, Palermo, Xénova, Boloña, Florencia, Bari e Catania, e é superior á de municipios como o de Nova York, Moscova, Berlín, Madrid e París.[23]
A densidade de poboación non é moi elevada, pola notable presenza de áreas verdes dispersas en todo o seu territorio: Roma representa un caso excepcional no mundo occidental pola vasteza de áreas verdes que serven de coroa á cidade o cal xera unha compenetración entre cidade e campo.[8] Roma, ademais, é a cidade italiana co máis alto número de municipios veciños: 29 municipios italianos máis o enclave da Cidade do Vaticano, sumando un total de 30 territorios limítrofes.
O territorio sobre o cal a cidade xurdiu e sobre o cal se desenvolveu ten unha historia xeoloxicamente complexa: o substrato recente está constituído por material piroclástico producido fai de 0.6 a 0.3 millóns de anos polos volcáns, hoxe en día inactivos, situados na área sueste da cidade, o volcán Laziale que se atopa nos actuais outeiros Albanas, e ao nordés, os montes Sabatinos. Destes depósitos fórmase gran parte dos outeiros que abundan no territorio romano. Sucesivamente a actividade fluvial do Tíber e do Aniene contribúe á erosión dos relevos e á sedimentación, caracterizando aínda máis ao terreo.
O territorio de Roma, polo tanto, presenta diversas paisaxes naturais e características ambientais: algúns relevos montañosos e outeiros (entre eles os históricos sete outeiros), as zonas forestais, o río Tíber e os seus afluentes, as marranas ou pequenos regatos típicos da paisaxe urbana, os lagos como o lago de Bracciano e o lago de Martignano así como aqueles artificiais, unha illa fluvial (a illa Tiberina), e a costa areosa do balneario de Ostia, fronte ao mar Tirreno.
Sísmicamente, Roma está clasificada como unha zona 3 (sísmicamente baixa), de acordo á Ordenanza PCM n. 3274 do 20/03/2003.[24]
O núcleo central e antigo da cidade está constituído polos históricos Sete outeiros de Roma: o Outeiro Palatino, o Aventino, o Capitolio, o Quirinal, o Viminal, o Esquilino e o Celio. A cidade comprende tamén outros relevos, entre os cales atópanse o monte Mario, o monte Antenne, o monte Brianzo, o monte das Xoias, o monte Giordano, o Gianicolo, o Pincio, os montes Parioli, o monte Savello, o monte Sacro e o monte Verde.
Fai fronteira coas comunas de Albano Laziale, Anguillara Sabazia, Ardea, Campagnano di Roma, Castel Gandolfo, Castel San Pietro Romano, Ciampino, Colonna, Fiumicino, Fonte Nuova, Formello, Frascati, Gallicano nel Lazio, Grottaferrata, Guidonia Montecelio, Marino, Mentana, Monte Porzio Catone, Monte Compatri, Monterotondo, Palestrina, Poli, Pomezia, Riano, Sacrofano, San Gregorio da Sasola, Tívoli, Trevignano Romano, Zagarolo.
A cidade, á parte do río Tíber, está atravesada tamén doutro río, o Aniene, que conflúe co Tíber na zona setentrional do territorio urbano, e por pequenos arroios como o Almone e as numerosas gabias ou margas do Agro Romano.. O municipio Roma XIII atópase fronte ao mar Tirreno (Roma é o municipio costeiro máis grande de Europa, con ao redor de 20 km de costa[25]), o municipio Roma XX sobre os lagos de Bracciano e de Martignano (co seu enclave de Polline Martignano, no parque natural rexional do complexo lacustre Bracciano-Martignano).[26])
De acordo á clasificación climática de Köppen, Roma posúe un clima mediterráneo, ou sexa un clima temperado acorde as latitudes medias, con veráns quentes,[27] particularmente suave no período da primavera e en outono.[28]
As estacións máis chuviosas son a primavera e o outono, prevalentemente nos meses de novembro e abril. O verán é quente, húmido e tende a ser seco, mentres que o inverno é xeralmente frío e chuvioso, pero con notables baixas de temperatura, e raros fenómenos neviscosos dunha certa consistencia.[29] En xeral, o clima é frecuentemente ventilado, cunha prevalencia de ventos setentrionais, como a tramontana e o grecale, e occidentais, como o maestrale, o libeccio e o ponentino, chamado así porque provén da zona relatora da cidade.
Datos climáticos para Roma (Aeroporto de Roma-Ciampino). | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
Temperatura máxima en °C | 18,9 | 21,0 | 26,3 | 25,8 | 31,4 | 34,6 | 38,6 | 37,2 | 37,6 | 31,4 | 26,5 | 20,9 | 38,6 |
Media máxima en °C | 11,9 | 13,0 | 15,2 | 17,7 | 22,8 | 26,9 | 30,3 | 30,6 | 26,5 | 21,4 | 15,9 | 12,6 | 20,4 |
Media diaria en °C | 7,5 | 8,2 | 10,2 | 12,6 | 17,2 | 21,1 | 24,1 | 24,5 | 20,8 | 16,4 | 11,4 | 8,4 | 15,2 |
Media mínima en °C | 3,1 | 3,5 | 5,2 | 7,5 | 11,6 | 15,3 | 18,0 | 18,3 | 15,2 | 11,3 | 6,9 | 4,2 | 10,0 |
Temperatura mínima en °C | −9,8 | −6,0 | −9,0 | −2,5 | 3,7 | 6,2 | 9,8 | 8,6 | 5,4 | 0,0 | −7,2 | −5,4 | −9,8 |
Precipitación media mm | 66,9 | 73,3 | 57,8 | 80,5 | 52,8 | 34 | 19,2 | 36,8 | 73,3 | 113,3 | 115,4 | 81 | 804,0 |
Media de días con precipitacións | 7,0 | 7,6 | 7,6 | 9,2 | 6,2 | 4,3 | 2,1 | 3,3 | 6,2 | 8,2 | 9,7 | 8,0 | 79,4 |
Media de horas de sol mensuais | 120,9 | 132,8 | 167,4 | 201,0 | 263,5 | 285,0 | 331,7 | 297,0 | 237,0 | 195,3 | 129,0 | 111,6 | 2 472,8 |
Fonte: Servizio Meteorologico [30][31] |
A altitude de Roma é de 13 msnm (na Piazza del Popolo) no máis baixo ata os 120 msnm no monte Mario.
Roma foi fundada, segundo a tradición, por Rómulo o 21 de abril do 753 a. C.[32]
Previo á fundación da cidade, e tamén en forma contemporánea a ela, Italia estaba habitada por distintos pobos: os latinos, que ocupaban a chaira entre o río Tíber e os montes Albanos; o Tíber separaba aos umbros ao sur e os etruscos ao norte, ao leste e sueste do Lacio atopábase a cadea Apenina que sería o dominio de pastores nómades emparentados entre si: os sabinos, samnitas, marsos, volscos, campanos en Nápoles, ausóns e oscos. Aínda máis ao sur, os lucanos e brucios.
Roma tivo un goberno monárquico por un período de 244 anos, con soberanos inicialmente de orixe latino e sabino, e posteriormente etrusco. A tradición conta que houbo sete reis: o seu fundador Rómulo, Numa Pompilio, Tulio Hostilio, Anco Marcio, Tarquinio Prisco, Servio Tulio e Tarquinio o Soberbio.[33]
Con todo, o consenso xeral é, hoxe en día, que Roma foi fundada por Tarquinio Prisco, e que a cidade non pode existir antes do 600 a. C.. Os datos arqueolóxicos obtidos pola investigación moderna fálannos dunha fundación antes do 625 e mesmo do 575 a. C. Este desfasamento cronolóxico coincide coa época en que Roma sería gobernada por reis lendarios tales como Rómulo, Numa Pompilio, e Anco Marcio, polo que é moi probable (no caso de Rómulo non hai dúbida) que estes reis non existisen e que sexan produto da tradición historiográfica.[34]
Expulsado da cidade o último rei etrusco e instaurada unha república oligárquica no 509 a. C., Roma inicia un período que se distingue polas loitas internas entre patricios e plebeos e continuas guerras contra os outros pobos da antiga Italia: etruscos, latinos, volscos e ecuos. Convertida na poboación máis poderosa do Lacio, Roma leva a cabo varias guerras (contra os galos, os oscos e a colonia grega de Tarento, aliados de Pirro, rei de Epiro) que lle permitiron a conquista da Península Itálica, desde a zona central ata a Magna Grecia.[35]
O século III e o II a. C. estiveron caracterizados pola conquista romana do Mediterráneo e do Oriente, debida ás tres guerras púnicas (264-146 a.C.) nas que se combateu contra a cidade de Cartago, e ás tres guerras macedónicas (212-168 a. C.) contra o Reino de Macedonia. Foron instituídas as primeiras provincias romanas: Sicilia, Sardeña, Hispania, Macedonia, Grecia (Acaia), África.[36]
Na segunda metade do século II e do século I a. C. rexistráronse numerosas revoltas, conspiracións, guerras civís e ditaduras: son os séculos nos que aparecen no panorama político e social figuras como Tiberio e Caio Graco, así como Iugurta, Caio Mario, Lucio Cornelio Sila, Marco Emilio Lépido, Espártaco, Gneo Pompeio, Marco Licinio Craso, Lucio Serxio Catilina, Marco Tulio Cicerón, Xulio César e Augusto,[37] quen, despois de ser membro do segundo triunvirato xunto con Marco Antonio e Lépido, o 27 a. C. convértese en princeps civitatis e foille conferido o título de augusto ou emperador.[38]
A cidade crecía, e no final da República, a cidade de Roma era a capital dun vasto imperio arredor do mar Mediterráneo. A poboación de Roma medraba, tanto que no seu auxe chegou a albergar máis dun millón de habitantes.
Instituído de facto o Imperio, que alcanzará a súa máxima expansión no século II, baixo o mandato do emperador Traxano, Roma confirmouse como caput mundi, é dicir, a capital do mundo, expresión que se lle atribuíu xa no período republicano. O territorio do imperio, en efecto, estendíase desde o océano Atlántico ata o golfo Pérsico,[39] e desde a parte centro-setentrional da [[Britania]] (actual Gran Bretaña) ata Exipto.
Os primeiros séculos do Imperio, nos cales gobernaron, ademais de Octavio Augusto, os emperadores das dinastías Xulio-Claudia,[40] Flavia (aos que se debe a construción do Coliseo, realmente chamado anfiteatro Flavio)[41] e os Antoninos,[42] estiveron caracterizados tamén pola difusión da relixión cristiá, predicada en Xudea por Xesucristo na primeira metade do século I (baixo o mandato de Tiberio) e divulgada polos seus apóstolos en gran parte do imperio.[43]
No século III, ao acabarse a dinastía dos Severos,[44] comezou a crise do principado, á cal seguiría un período de anarquía militar.
Cando ascende ao poder Diocleciano (284), a situación de Roma era grave: os bárbaros asediaban as fronteiras desde décadas atrás, as provincias estaban gobernadas por homes corruptos, zonas enteiras das capitais foran destruídas. Para xestionar mellor o imperio, Diocleciano divídeo en dous partes: el convértese en Augusto ou emperador da parte oriental (con residencia en Nicomedia) e nomea a Maximiano Augusto ou emperador da parte occidental, desprazando a residencia imperial a Mediolanum. O imperio divídese aínda máis coa creación de tetrarquía: os dous Augustos, de feito, deberán nomear dous Césares, a quen confiaba a parte do territorio e que se converterían, posteriormente, nos novos emperadores.[45]
Un logro decisivo ten lugar con Constantino, que, logo de numerosas loitas internas, centralizou novamente o poder e, co edicto de Milán do ano 313, permitiría a liberdade de culto aos cristiáns, empeñándose el mesmo por darlle fortaleza á nova relixión. Fai que se constrúan diversas basílicas, asignou o poder civil sobre Roma ao papa Silvestre I e fundou na parte oriental do Imperio a nova capital, Constantinopla,[46] na actual Istambul.
O cristianismo convértese na relixión oficial do Imperio grazas a un edicto emanado no ano 380 por Teodosio, que foi o último emperador do imperio unificado: logo da súa morte, de feito, os seus fillos, Arcadio e Honorio, dividíronse o imperio. A capital do imperio Romano de Occidente pasa a ser no ano 395 Milán e, pouco despois no ano 402 Rávena[47] máis fácil de defender ante o acoso visigodo.
Roma, que non xogaba xa un papel central na administración do Imperio, foi saqueada polos visigodos comandados por Alarico (410). Reconstruída e adornada profusamente con edificios sacros construídos polos papas (coa colaboración dos emperadores), a cidade sufriu un novo saqueo no ano 455, por parte de Xenserico, rei dos vándalos. A reconstrución de Roma foi dirixida polos papas León Magno (defensor Urbis por convencer a Atila, no ano 452, de non atacar Roma) e polo seu sucesor Hilario, pero no ano 472 a cidade foi saqueada por terceira vez (por obra de Ricimer e Anicio Olibrio).
A deposición de Rómulo Augústulo no 4 de setembro de 476 significou o final do Imperio Romano de Occidente e, para os historiadores, o comezo da Idade Media.[48]
Co fin do Imperio Romano de Occidente, en Roma ten lugar un período marcado pola presenza bárbara en Italia e, sobre todo, pola afirmación da Igrexa no poder (co fortalecemento do cristianismo na cidade, no século III, o bispo de Roma -que despois pasaría a ser chamado Papa- tornouse a maior autoridade relixiosa na Europa Occidental), que substituíu o Imperio e derrubou a ponte que uniría á Antigüidade co mundo novo.[49]
Moitas loitas no ámbito romano e europeo non permitiron a instauración dunha estrutura política constante en Roma, que pasou polo tanto a través de distintas formas de goberno: foi dominada primeiro polos godos e máis adiante polos bizantinos.[50] A cidade de Roma estaría en mans bárbaras (e apoiada economicamente e politicamente polo Imperio Bizantino) durante polo menos catro séculos máis, ata o ano 756. Neste período foi levada a cabo a creación dun ducado romano, cuxos límites correspondían, grosso modo, coa cidade e o territorio que a rodeaba.[51]
No ano 756, desaparecido definitivamente o rei longobardo Aistolfo, Pipino o Breve, rei dos francos, cedeu as terras conquistadas ao papa Estevo II, co que nace o Estado Pontificio (Patrimonium Sancti Petri), onde o Papa era a autoridade máxima do Estado (do que Roma se converte en capital ata 1870).[52]
A noite de Nadal do ano 800, o papa León III coroa emperador a Carlomagno na antiga Basílica de San Pedro, instituindose así o Imperio Carolinxio: Roma non foi a súa capital (situada en Aquisgrán), pero funcionou como centro relixioso do novo estado teocrático.[53]
Ao redor da metade do século IX, o papa León IV, despois da incursión sarracena de 846, fai que se fortifique a Civitas Leonina (que correspondía aproximadamente coa actual Cidade do Vaticano), confirmando o poder político asumido polos pontífices, que eran protexidos polas familias nobres.[54] Do mesmo xeito estes tamén fortificaron as súas casas ata convertelas en auténticos castelos: é o período comprendido entre os anos 1100 e 1200, período no que Roma estreitou as súas relacións coas comunidades asentadas nas súas proximidades.[55]
A mediados do século XII os cidadáns romanos instauraron o Municipio Consular (que se asentou na cima do Campidoglio), rival da autoridade papal e da autonomía dos nobres; neste período Roma abastécese de novos e eficientes sistemas de defensa.[56]
A Idade Media, ademais, caracterizouse polas loitas entre as familias nobres ligadas aos papas e aquelas ligadas ao extinto imperio, que frearon o desenvolvemento da área central da cidade ata o século XVI. Roma, centro político do mundo grazas ao poderío dos papas, confirmouse como cidade pontificia cando Bonifacio VIII, en 1300, proclamou o primeiro Xubileu (acontecemento que reuniu na cidade ao redor de dous millóns de peregrinos que seguiron algunha das vías romeas); o mesmo pontífice, tres anos despois fundou a Universidade de Roma La Sapienza.[57]
Pero cando en 1309 o papa Clemente V se retirou a Aviñón, Roma foi gobernada por familias nobres en continuas loitas entre elas: a cidade sufriu unha involución, e no século XV rexistraba apenas 20 000 habitantes.[58]
A radical transformación da Roma medieval foi iniciada polo papa Nicolao V, que decidiu realizar ex novo o novo centro de Roma, o centro da fe cristiá, distinto do centro pagán da Roma antiga. Abandonou Letrán e concibiu a idea da construción da nova basílica de San Pedro:[59] desde ese momento, durante case catro séculos, Roma estivo baixo o completo dominio dos papas.[60]
Despois da reforma luterana (1517) e o saqueo de Roma por parte de Carlos V (1527), tivo lugar o Concilio de Trento, culminado en 1563, que confirmou a Roma como capital do Estado Pontificio, aínda que desde aquel momento a figura do papa diminuíu as súas influencias sobre a política europea.[61]
O período sucesivo ao Concilio de Trento estivo caracterizado por unha renovación urbanística da cidade: os nobres e as familias cardinalicias poderosas abandonaron os seus palacios no centro para construírse novas moradas sobre os outeiros; pero o verdadeiro artífice da grande obra de modernización arquitectónica, cultural e económica da cidade de Roma, foi o papa Sisto, pontífice soamente por cinco anos (1585-1590).[62] En 1626 foi inaugurada a nova basílica de San Pedro, emblema do dominio papal.
Este dominio papal foi interrompido soamente un século e medio despois, cando o 15 de febreiro de 1798 foi proclamada a República Romana e foi deposto o papa Pío VI.[63] A nova forma de goberno durou soamente un ano, entre o descontento xeral do clero e dos romanos, pero co ascenso ao poder de Napoleón Bonaparte, Roma pasou a formar parte do Primeiro Imperio Francés (1808). O mesmo Napoleón encargou ao artista Antonio Canova que modernizase a antiga capital imperial: baixo as ordes do emperador francés, ademais, comezaron as escavacións arqueolóxicas (en particular no Foro Romano) guiadas polo francés Antoine Chrysostome Quatremère de Quincy.[64]
A era napoleónica concluíuse cunha serie de encontros bélicos decisivos, entre eles a batalla de Leipzig (1813) e a batalla de Waterloo (1815): Roma foi tomada por Xoaquín Murat (en novembro de 1813), pero o 11 de abril de 1814 Napoleón liberou o papa Pío VII, ata entón encerrado en prisión polos franceses: o pontífice regresou a Roma, impoñendo de novo na capital o dominio papal e devolvendo o entusiasmo á xente.[65]
Roma é a única cidade de Italia que non ten memorias exclusivamente municipais; toda a historia de Roma, desde o tempo dos Césares ata a actualidade, é a historia dunha cidade cuxa importancia se estende infinitamente máis aló do seu territorio; dunha cidade destinada a ser a capital dun gran Estado.
A restauración do poder temporal dos papas durou unhas décadas, sufrindo os efectos do Risorgimento (unificación de Italia) italiano. Tras os levantamentos de 1848, despois da fuxida do papa Pío IX ao Reino das Dúas Sicilias, en 1849 estableceuse a Segunda República Romana, gobernada polo triunvirato de Carlo Armellini, Giuseppe Mazzini e Aurelio Saffi. Durara só uns meses, a pesar da defensa dirixida por Giuseppe Garibaldi sobre o Gianicolo, debido á intervención do exército francés de Carlos Luís Napoleón Bonaparte (Napoleón III) comandado polo xeneral Oudinot.[66]
En 1861, despois da unificación de Italia dirixida por Cavour, comezaron as presións do rei Vítor Manuel II contra o papa Pío IX, convidado repetidamente a deixar o poder temporalmente.[67] Foron en balde os intentos de numerosos patriotas de anexionar Roma ao Reino de Italia, e a situación permanece igual durante o reinado de Napoleón III, emperador francés que se opoñía á desaparición do Estado Pontificio. Con todo, cando caeu o Segundo Imperio en 1870, Italia non tivo xa obstáculos e puido incorporar os territorios da Igrexa ao Estado. O 20 de setembro, os bersaglieros, dirixidos polo xeneral Raffaele Cadorna, abriron unha fenda nas murallas aurelianas, nos arredores da Porta Pia, e entraron en Roma: Pio IX foi obrigado a retirarse; fóronlle concedidos soamente o Palacio Vaticano, o Laterano e a vila pontificia de Castel Gandolfo. O resto de Roma, polo tanto, foi incorporado ao Reino de Italia, do que pasou a ser a súa capital apartir do 3 de febreiro de 1871.[68]
Despois da chamada idade giolittiana, que caracterizou os primeiros anos do século XX (na cal se alternaron os gobernos de Giovanni Giolitti), e da primeira guerra mundial, concluída en Roma e en Italia coa «vitoria mutilada» denunciada por Gabriele d'Annunzio,[69] a cidade atopábase nun clima de desorde e incerteza política que, en 1922, favoreceu o ascenso ao poder de Benito Mussolini (28 de outubro, mediante o golpe de Estado coñecido como a Marcha sobre Roma).[70] Durante o ventenio fascista, Roma foi o centro dunha drástica revolución urbanística desexada e executada polo mesmo Mussolini: o «duque» (ou duce en italiano) fixo que se destruísen varias zonas, numerosos edificios medievais e do século XVI, e decretou a apertura de grandes avenidas, como a via dei Fori Imperiali (que pasa á beira do Coliseo romano), o viale Regina Margherita e a via della Conciliazione, que une Roma coa Cidade do Vaticano. O 11 de febreiro de 1929, Benito Mussolini coa firma dos pactos de Letrán estableceu, nunha serie de acordos co papado cristián, o Estado independente do Vaticano, cedendo un espazo de 0,44 km² da cidade de Roma ao novo país.[71]
Xurdiron, ademais, novos barrios e novos ambientes, como o barrio EUR (construído para albergar a Exposición Universal de Roma de 1942, pero xamais inaugurado por mor da efervescencia da segunda guerra mundial), a cidade-xardín Aniene, a cidade universitaria da Sapienza, o foro Mussolini e a Cinecittà, unha ampla área dedicada á produción cinematográfica.[71]
En 1940, Italia entrou na segunda guerra mundial, que non involucrou directamente a Roma ata que, seguindo o curso desfavorable das potencias do Eixe, o 19 de xullo de 1943 foi obxecto dun duro e intenso bombardeo por parte das forzas aéreas aliadas que causou a morte de máis de 3000 persoas nos distritos de San Lourenzo, Tiburtino, Prenestino, Casilino, Labicano, Tuscolano e Nomentano.[72] Despois do arresto de Mussolini o 25 de xullo e o armisticio do 8 de setembro, aínda que fora declarada cidade aberta polas autoridades alemás o 14 de marzo dese mesmo ano, Roma foi ocupada polos nazis tras fracasar o intento de defensa en Porta San Paolo e no Montagnola. Nos nove meses de ocupación, a cidade foi escenario da deportación dos xudeus romanos (16 de outubro de 1943), de ataques contra a Wehrmacht por parte da resistencia romana como a que ocorreu en Via Rasella, e de masacres por parte dos nazis como a ocorrida en Fosa Ardeatina, para ser finalmente liberada polos aliados o 4 de xuño de 1944.[73]
Ao terminar a guerra, despois do referendo do 2 e 3 de xuño de 1946, Roma pasa a ser de novo a capital da República italiana. Nos anos cincuenta e sesenta a cidade desenvolveuse urbanística e demográficamente e, a partir do Xubileu de 1950, convértese nun dos máis anhelados destinos turísticos e foise transformando, en pouco tempo, na capital mundial da diversión e do cinema, grazas ás numerosas películas de recoñecidos directores cinematográficos.[74]
Os anos cincuenta e sesenta lémbranse como o período da dolce vita, contada por Federico Fellini na película homónima. Roma, que se converteu nunha das capitais internacionais do cinema, é frecuentada polas figuras máis importantes da jet set internacional, que se arrexuntan nas instalacións da Via Veneto. Ao mesmo tempo, converteuse nun dos centros da alta moda italiana, coa apertura de tendas de moda dos máis importantes deseñadores en Via Condotti, Via Borgognona e Via Frattina.
Neste período a cidade expandiuse de modo vertixinoso: desenvolvéronse novos barrios e as zonas periféricas, ata o de agora no campo que rodeaba Roma, foron urbanizadas. Construíuse a estación ferroviaria de Termini e construíronse novas infraestruturas, como o primeiro tramo do metro e a autoestrada Anular A90 así como os complexos deportivos para os xogos olímpicos dos que Roma foi anfitrioa en 1960. O 25 de marzo de 1957, ademais, asináronse en Roma os dous tratados que supuxeron o inicio da Comunidade Económica Europea e do EURATOM; desde 1962 ata 1965 celebrouse na basílica de San Pedro o Concilio Vaticano Segundo.[74]
Hoxe en día, Roma, a cidade máis poboada e grande de Italia, é o centro da vida política italiana e da relixión católica; en calidade de cidade capital, goza de especiais poderes administrativos, pasando de ser municipio a cidade metropolitana.[75]
A descrición do Escudo de Roma está contida no primeiro artigo dos estatutos municipais:[76]
O emblema do municipio está constituído por un escudo de forma puntiaguda, de cor púrpura, con cruz grega de ouro, colocada arriba á dereita, seguida das letras maiúsculas de ouro S. P. Q. R. dispostas en banda e en escalado, coroado por oito floróns de ouro, cinco dos cales son visibles
Outros símbolos de Roma, á parte do escudo municipal, son a loba capitolina, estatua de bronce que representa á lendaria loba que aleitou aos dous xemelgos Rómulo e Remo; o Coliseo, o anfiteatro máis grande do Imperio Romano, recoñecido, no 2007, como unha das sete marabillas do mundo moderno (a única en Europa);[77] a Cupulota, a cúpula da basílica de San Pedro na Cidade do Vaticano, que domina toda a cidade e simboliza tamén ao mundo cristián.[78] A aguia imperial ―efixie militar― foi símbolo da cidade durante a antigüidade;[79] tamén o foi durante a Idade Media o león, animal emblemático da supremacía.[80]
O lema da cidade é SPQR, en latín Senatus Populusque Romanus (o Senado e o Pobo de Roma), que na antigüidade indicaba as dúas clases que constituían á sociedade romana, a dos patricios e a dos plebeos.[81]
¡Roma é a capital do mundo! Neste lugar renóvase toda a historia do mundo, e sinto nacer por segunda vez, e haber verdadeiramente rexurdido, o día que puxen pé en Roma. As súas belezas alzáronme aos poucos ao alto
Roma preséntase como o resultado do continuo sobrepoñerse de testemuños arquitectónicos e urbanísticos de diversos séculos, nunha compenetración única e suxestiva que mostra a complexa relación que a cidade sostivo co seu pasado, nun alternarse de desenvolvementos caóticos, períodos de decadencia, renacementos e tentativas, na idade contemporánea, de modernización do tecido urbano. Unha gran cantidade dos bens culturais do mundo atópase en Roma[82] xa que é a cidade con máis monumentos do mundo, tanto en sentido absoluto[83] como en termos de densidade ou superficie (monumentos por metro cadrado)[84].
Os edificios relixiosos de Roma constitúen unha parte fundamental do patrimonio monumental da cidade capitolina: estes son o símbolo da importancia cultural, social e artística do compoñente relixioso durante todos os períodos da historia romana.
Os máis importantes edificios sacros da antigüidade foron os templos: non eran lugares de congregación dos fieis, senón que albergaban unicamente a imaxe da divindade á que estaban dedicados. Estímase que na tardía idade republicana de Roma habería preto dun centenar de templos.[85]
En Roma hai varios centenares de igrexas cristiás e a súa historia entrelázase coa historia relixiosa, social e artística da cidade. A catedral é a basílica de San Giovanni in Laterano, unha das catro basílicas patriarcais ou papais xunto coa basílica de San Pedro na Cidade do Vaticano, a Basílica de San Paulo Extramuros e a Basílica de Santa María a Maior.
As catro basílicas formaban parte do así chamado "paseo das sete igrexas" que os peregrinos debían percorrer a pé e nun único día. As outras tres igrexas que formaban parte dese itinerario son a Basílica de San Lourenzo Extramuros, a Basílica da Santa Cruz de Xerusalén e a Basílica de San Sebastián das Catacumbas. É de destacar igualmente a Basílica de Sant'Andrea della Valle, sede central da orde dos Teatinos.
Roma é a cidade co maior número de igrexas no mundo,[86][87] considerando tamén o importante número de lugares de culto protestantes, ortodoxos e doutras confesións cristiás.
Entre 1984 e 1992, no barrio chamado Parioli, construíuse a mesquita máis grande de Europa, que ocupa unha superficie de 34 000 m²; así mesmo, no barrio xudeu atópase o Templo Maior de Roma, completado a principios do século XX.
Tamén son moi numerosas as construcións relixiosas funerarias: en Roma están presentes ao redor de sesenta catacumbas, os cemiterios subterráneos cristiáns do primeiro século despois de Cristo; os mausoleos, tumbas de excepcional monumentalidade, adornaban as vías consulares (especialmente a famosa Vía Appia). Non faltaban os sepulcros, hipoxeos, necrópoles e tumbas en forma de pirámides, baseadas no modelo exipcio.
Os principais cemiterios romanos son o cemiterio do Verán, o cemiterio comunal e monumental da cidade; o cemiterio Flaminio, o máis grande de Italia; e o cemiterio acatólico de Roma (ou dos protestantes), establecido na primeira metade do século XVIII para a sepultura dos estranxeiros practicantes doutras relixións.
Os edificios civís de Roma consisten en varios centenares de edificios e outros monumentos que acompañan á historia da cidade durante os seus 28 séculos: da arx Capitolina e as domus (casas) da antiga Roma aos edificios señoriais da Idade Media, desde as luxosas vilas da Roma pontificia ás edificacións modernas que caracterizan a zona EUR e os barrios máis recentes.
A praza do Campidoglio alberga o edificio Senatorial, sede de representación da municipalidade de Roma, e o edificio dos Conservadores así como o edificio Novo, sede dos Museos Capitolinos. Múltiples son os edificios históricos da cidade, sede das familias nobres, cardinalicias e papais que exercitaron a súa poder en Roma: entre estes, o palazzo Venezia, o palacio Farnesio, o palacio Colonna e o palacio Barberini.
Despois da anexión de Roma ao Reino de Italia, moitos edificios foron utilizados como sedes de varios órganos do goberno provincial, rexional e nacional, como o palacio do Quirinale, sede da Presidencia da República; o palazzo Madama, sede do Senado da República; o palazzo Montecitorio, sede da Cámara dos Deputados; o palazzo Chigi é sede do Goberno Italiano; o palazzo Valentini, sede da provincia de Roma; o palazzo Koch, sede do Banco de Italia; o palazzo della Consulta, sede da Corte Constitucional; o Palacio Spada, sede do Consello de Estado; o Palacio de Xustiza (coñecido como o Palazzaccio), sede da Corte Suprema de Casación, e os varios palacios ministeriais.
Tamén son numerosas as vilas e xardíns que formaban parte no pasado das moradas dos nobres, construídos ou arranxados a partir dos xardíns urbanos que pertencían aos personaxes sobresaíntes da Roma antiga (as hortas). As vilas urbanas máis grandes son a Vila Doria Pamphili, e a Vila Borghese, a Vila Ada, a Vila Giulia e a Vila Torlonia.
No transcorrer da súa historia plurisecular, Roma foi sede de centenares de teatros e outros edificios dedicados ao entretemento, como os circos (o circo máis soado foi o Circo Máximo, capaz de albergar ao redor de 250 000 espectadores, récord aínda hoxe non superado) e os anfiteatros (o maior dos cales, o Coliseo, converteuse en símbolo da cidade e emblema cultural mundial).
Roma, ademais, é abundante en fontes e acuedutos: entre as fontes monumentais, a maior parte das cales foron construídas por orde dos papas ao comezo da idade moderna, están a fontana di Trevi, a Fontana dell'Acqua Felice (ou do Moisés), a Quattro Fontane, a Fontana della Barcaccia, as tres fontes da Piazza Navona (Catro Ríos, Neptuno, Moro) a das tartarugas, a do Tritón, a de Acqua Paola e a das Naiades.
Os acuedutos construíronse na Antigüidade: a súa lonxitude chegou a medir ao redor de 350 km; na modernidade os papas ocupáronse da súa restauración e construíron algúns outros; os últimos foron construídos no transcurso do século XX para o aumento das necesidades de auga da cidade.
Os principais acuedutos de Roma son: o Felice, o Acqua Paola, o Acqua Pia Antica Marcia, o Peschiera-Capore e o Appio-Alessandrino.
O centro da cidade tamén está caracterizado por algúns arcos triunfais antigos (o arco de Tito, o arco de Septimio Severo, o arco de Constantino) e os restos de varias termas, un dos principais lugares de reunión durante a Antigüidade (entre estas, as principais son as termas de Caracalla, as termas de Diocleciano e as termas de Tito).
O Tíber e o Aniene, os ríos que atravesan a cidade, están atravesados por máis de trinta pontes: na área urbana, vinte e oito atravesan o Tíber (entre eles a ponte Milvio, a ponte Sant'Angelo e a ponte Sisto), mentres que cinco construíronse para atravesar o Aniene, entre os cales está o ponte Nomentano.
Os edificios militares de Roma remóntanse ás orixes míticas da cidade, cando Rómulo alzaría as murallas da Roma cadrada, e xogaron un papel importante en todo o transcorrer da historia da cidade, determinando o seu desenvolvemento e a súa defensa.
Roma é a única capital europea que conservou case completamente o circuíto das súas murallas, que poden dividirse en seis sistemas defensivos distintos (as murallas romuleanas, as murallas servianas, as murallas aurelianas, as murallas leoninas, as murallas vaticanas e as murallas gianicolenses).
A principal muralla da cidade, construída por orde de Aureliano, presentaba dezaseis portas, a maior parte das cales coincidía cunha vía consular: entre elas, a porta San Sebastiano, a porta San Paolo, a porta do Popolo e a porta Pía.
Outras imaxes características de Roma, sobre todo na época medieval, eran as torres e os castelos, residencias das poderosas familias baronais que apadronaron a cidade entre o século X e o XIV: Gregorovius afirmou que, na Idade Media, Roma contaba con ao redor de 900 torres, a maior parte delas foron destruídas na segunda metade do século XIII; en cambio, numerosos castelos sobreviviron e caracterizan a paisaxe da campiña romana.
Despois da unificación de Italia, a cidade pasou a estar protexida por un campo atrincheirado composto por quince fortes que formaban un anel de ao redor de 40 km.
As principais prazas de Roma, nacidas durante o Renacemento ou o período barroco, tenden a dar testemuño da capacidade creativa dun ideal de vida harmonioso entre a exaltación humanística e as concesións sobrenaturais.[88] Entre as máis soadas prazas romanas, atópanse a praza de España, a praza Navona, a Piazza del Popolo, a praza da República, a praza Venezia, a praza Colonna, a praza Farnese, o Largo di Torre Argentina, o Campo de' Fiori e a Praza de San Pedro.[89]
Entre as principais vías do centro da cidade, están via del Corso, via del Babuino e via di Ripetta, que forman o chamado Tridente de Roma; a via dei Fori Imperiali, tamén chamada via do Imperio; a via Veneto, moi soada nos anos sesenta; a via Condotti, a principal rúa de compras; a via Margutta, a rúa dos artistas; a via Nazionale, inaugurada logo da unificación; a via della Conciliazione, que conecta o Estado italiano coa Cidade do Vaticano.[90]
Roma é a cidade que conserva o maior número de obeliscos: moitos se remontan á Idade Imperial, cando os obeliscos eran transportados directamente de Exipto; outros foron realizados polos romanos, que usaban o mesmo granito dos obeliscos exipcios. A maior parte destes foi restaurada por orde do papa Sisto V.[91]
Desde a Antigüidade, as rúas, as prazas e os edificios de Roma adórnanse con estatuas de distintos tipos (ecuestres, estatuas en pé, estatuas sentadas ou bustos, por exemplo). Antigamente atribuíaselles un poder case místico, para protexer ao pobo romano e representar a concesión dos deuses. Particulares e características son as «estatuas que falan» (entre elas Pasquino e a estatua do Babuino), a través das cales o pobo, con sátiras e escritos cínicos que colocaba anonimamente nos seus pedestais, expresaba o seu malestar ante aquel que tiña o poder na cidade.[92]
En Roma, no transcurso dos seus séculos, erixíronse numerosas columnas con intención conmemorativa; entre as 14 que aínda existen atópanse a columna de Marco Aurelio e a columna de Traxano.[93] Entre as principais columnatas da cidade, a máis coñecida é probablemente a que realizou Bernini no século XVII.
Pola súa abundancia de sitios e restos arqueolóxicos, Roma é un verdadeiro «museo ao aire libre».
O berce da historia de Roma é o Palatino, debaixo do cal se atopan o Foro Romano, os Foros imperiais e o Mercado de Traxano,[94] os centros da vida política, económica, relixiosa e social do mundo antigo.[95]
A pouca distancia atópase o Coliseo, o monumento que serve de símbolo á Antiga Roma; sobre o próximo outeiro Oppio atópanse os restos da Domus Aurea, a «casa de ouro» de Nerón.[96]
Camiñando da Piazza Venezia cara ao río Tíber atópanse a Cripta Balbi (parte do antigo teatro de Balbo), o Teatro de Marcelo cos templos da área de Sant'Omobono e a área sacra de Longo di Torre Arxentina (onde asasinaron a César).[97]
Outros sitios arqueolóxicos presentes na cidade son a Basílica subterránea de Porta Maggiore, as Termas de Caracalla,[98] os restos de San Clemente, o Auditorio de Mecenas e as Casas Romanas del Celio, debaixo da Basílica de San Xoán e San Paulo.[99]
Fóra do centro urbano atópanse as escavacións de Ostia;[100] o mausoleo de Cecilia Metela, o Castrum Caetani, a Tumba dos Escipións e a vila dos Quintili sobre a vía Appia Antica;[101] a vila de Livia en Curmá Porta;[102] a área arqueolóxica de Veyes, co santuario etrusco do Apolo[103] e o Parque das Tumbas da Via Latina.
Con ao redor de 52 000 hectáreas de área agrícola, Roma é a cidade máis verde de Europa.[104] Máis aló das vilas históricas hai outras moitas áreas verdes, sen contar os terreos dedicados á agricultura nas zonas máis periféricas.
O turismo posúe un papel vital na economía de Roma, dado o status da cidade como un dos máis famosos e máis coñecidos destinos turísticos do mundo.
A cidade é tamén un centro bancario e financeiro. Outros elementos destacados son a mercadotecnia e a moda (roupas de griffe).
A cidade de Roma foi sede dos Xogos Olímpicos de 1960, sendo o principal fito deportivo da súa historia recente. Porén tamén foi sede das finais dos Mundiais de Fútbol de 1934 e 1990, organizados pola FIFA, e as Eurocopas de Fútbol de 1968 e 1980, organizadas pola UEFA.
Ao mesmo tempo tódolos anos organízase entre outros eventos o Masters de Roma de Tenis, que reúne aos mellores tenistas do circuíto.
Os principais equipos deportivos estábeis da cidade son o A.S. Roma e SS Lazio en fútbol, o Pallacanestro Virtus Roma de baloncesto, o M. Roma Volley en voleibol e o Rugby Roma Olimpic e SS Lazio Rugby en rugby, todos nas máximas categorías dos seus deportes.
Tamén ten relación de amizade con outras cidades:
|
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.