Proxestáxeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os proxestáxenos [1] ou xestáxenos son un grupo de hormonas esteroides entre as que se inclúe a proxesterona. Os proxestáxenos son un dos cinco grupos principais de hormonas esteroides, xunto cos estróxenos, andróxenos, mineralocorticoides, e glicocorticoides [2][3]
Todos os proxestáxenos caracterízanse por ter un esqueleto básico de 21 carbonos, chamado esqueleto de pregnano (C21). De igual maneira, os estróxenos posúen un esqueleto de estrano (C18), e os andróxenos un esqueleto de andrano (C19).
Os proxestáxenos denomínanse así pola súa función no mantemento do embarazo (función proxestacional), aínda que están presentes tamén noutras fases do ciclo menstrual ou estral. A clase das hormonas proxestáxenas comprende todos os esteroides que teñan esqueleto de pregnano, tanto naturais como sintéticos.[1] As substancias con efecto hormonal similar a este exóxenas ou sintéticas denomínanse xeralmente proxestinas.
Os termos proxesterona, proxestáxeno e proxestina son ás veces usados de forma errada indistinta como sinónimos na literatura científica e en contextos clínicos.[4][5][6] As proxestinas son proxestáxenos sintéticos e usados en medicina.[7] Exemplos importantes de proxestinas son o derivado da 17α-hidroxiproxesterona medroxiproxesterona acetato e o derivado da 19-nortestosterona noretisterona. As proxestinas son análogos estruturais da proxesterona e teñen actividade proxestaxénica igualmente, pero difiren da proxesterona nas súas propiedades farmacolóxicas en varios modos.[6]