Simone Veil
política francesa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Simone Veil, anteriormente Simone Jacob, nada en Niza o 13 de xullo de 1927 e finada en París o 30 de xuño de 2017, foi unha política e maxistrada francesa.
Nada no seo dunha familia xudía orixinaria de Lorena, foi deportada a Auschwitz cando tiña 16 anos, durante a Shoá, na que perdeu o seu pai, a súa nai e o seu irmán. Tras cursar os estudos de dereito e ciencia política entrou na maxistratura como alta funcionaria.
Foi nomeada ministra de saúde en 1974 polo presidente Valéry Giscard d'Estaing, quen lle encargou a tarefa de lograr a aprobación da lei que despenalizaría o acceso das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo. Esta lei foi logo coñecida como a lei Veil. A raíz disto foi recoñecida como unha icona da loita contra a discriminación das mulleres en Francia.[1] Foi a primeira muller en ocupar a presidencia do Parlamento Europeo[2] en 1979, na primeira elección deste por sufraxio universal directo,[3] posto que desempeñou ata 1982. É comunmente considerada unha das promotoras da reconciliación franco-alemá e da construción europea. De 1993 a 1995 foi ministra de Asuntos Sociais, Saúde e Urbanismo e número dous no goberno de Édouard Balladur.[N 1] Despois formou parte do Conseil constitutionnel de 1998 a 2007, antes de ser elixida membro da Academia francesa en 2008.
Consonte a decisión tomada polo presidente Emmanuel Macron, os restos de Simone Veil e do seu esposo foron depositados no Panteón de París o primeiro de xullo de 2018.