Uréter
From Wikipedia, the free encyclopedia
En anatomía humana, os uréteres son os tubos que conducen a urina desde os riles á vexiga urinaria. Teñen moitas fibras de músculo liso, e unha lonxitude no adulto duns 30 cm e ~3–4 mm de diámetro.
Nos humanos os uréteres nacen na pelve renal na zona medial de cada ril e descenden cara á vexiga apoiándose no músculo psoas maior. A primeira porción é abdominal e cando chega preto da bifurcación das arterias ilíacas, que cruza pola parte anterior, pasa á rexión da pelve menor. Os uréteres discorren posteroinferiormente polas paredes laterais da pelve e cúrvanse cara a adiante para entrar moi oblicuamente na vexiga pola súa parte posterior, na unión vesicouretérica, seguindo a parede da vexiga durante uns 2 cm. O fluído retrógrado da urina impídese pola existencia dunhas válvulas chamadas válvulas ureterovesicais. A luz do uréter non é uniforme; é máis estreita preto da pelve renal, na zona onde cruza as arterias ilíacas e na entrada da vexiga, zonas onde se poden aloxar cálculos renais.
Nas mulleres, os uréteres pasan a través do mesometrio (mesenterio do útero formado polo ligamento uterino) e baixo as arterias uterinas no seu camiño á vexiga urinaria.
Os uréteres tamén se encontran noutras especies de animais amniotas, pero nos anfibios e peixes hai outros condutos que desenvolven o mesmo labor.[1]