Vascóns
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os vascóns[1] (ou tamén en latín gens vasconum - pobo dos vascóns) foron un pobo da Idade Antiga cuxo territorio abranguía en tempos dos romanos dende o alto val do río Ebro e a vertente peninsular dos Pireneos occidentais, a rexión que se corresponde na época contemporánea coa práctica totalidade de Navarra e áreas do noroeste de Aragón e nordés de A Rioxa.[2]
Os vascóns, que alcanzaron un elevado grao de integración no mundo romano especialmente nas terras chairas, ribeiregas do río Ebro e nas áreas na contorna dos seus asentamentos de Pompaelo e Oiasso, poboaron a rexión máis norteña e montañosa, coñecida como o Vasconum Saltus, durante a crise económica e social que acompañou á descomposición do Imperium e a presión causada polas grandes migracións de pobos xermánicos e eslavos de comezos do século V, entrando posteriormente en conflito en diversas ocasións cos reinos dos visigodos e francos formados en ambas as dúas vertentes dos Pireneos.
Trala invasión musulmá da Península Ibérica a comezos do século VIII, que resultou na disolución da Hispania visigoda e a retirada parcial dos gobernadores francos ao norte de Aquitania, os descendentes vascóns, que adoptaran o cristianismo durante o baixo imperio, reorganizáronse cara ao século IX ao redor das entidades feudais do ducado de Vasconia, na área de Gascuña, e a do reino de Pamplona. A derradeira entidade daría orixe durante a Idade Media ao reino de Navarra.