![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/61/Bisphenol-A-Skeletal.svg/langgl-640px-Bisphenol-A-Skeletal.svg.png&w=640&q=50)
Xenoestróxeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os xenoestróxenos (/ksenoestróʃenos/) son un tipo de xenohormonas que teñen unha estrutura que imita os estróxenos e ten efectos estroxénicos. Poden ser sintéticos ou naturais. Entre os xenoestróxenos sintéticos están algúns compostos moi utilizados industrialmente, como os PCBs, o BPA e os ftalatos, que teñen efectos estroxénicos sobre os organismos vivos incluso se son bastante diferentes quimicamente das substancias estroxénicas producidas internamente polo sistema endócrino dos organimsos. Entre os xenoestróxenos naturais están os fitoestróxenos que son xenoestróxenos derivados de plantas. Como a principal ruta de exposición a estes compostos é o consumo na comida de plantas fitoestroxénicas, denomínanse ás veces "estróxenos dietarios". Os micoestróxenos son substancias estroxénicas procedentes de fungos que son outro tipo de xenoestróxenos e foron considerados tamén micotoxinas.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/61/Bisphenol-A-Skeletal.svg/640px-Bisphenol-A-Skeletal.svg.png)
Os xenoestróxenos son clinicamente significativos porque poden imitar os efectos dos estróxenos endóxenos e foron implicados en favorecer a puberdade precoz e outros trastornos do sistema reprodutivo.[1][2]
Tamén son xenoestróxenos os estróxenos farmacolóxicos (nos cales a acción estroxénica é o seu efecto pretendido, como no fármaco etinilestradiol usado en pílulas anticonceptivas), pero outros compostos químicos poden tamén ter efectos estroxénicos. Os xenoestróxenos foron introducidos no medio ambiente polos consumidores e empresas industriais, agrícolas e químicas só desde hai uns 70 anos, pero os arquiestróxenos existen de forma natural. Algunhas plantas (como os cereias e os legumes) usan substancias estroxénicas de forma natural posiblemente como parte das súas defensas naturais contra os animais herbívoros para controlaren a súa fertilidade.[3][4]
O posible impacto ecolóxico e sobre a saúde humana dos xenoestróxenos causa unha preocupación crecente.[5] A palabra xenoestòxeno deriva das palabras gregas ξένο (xeno, que significa 'alleo, estranxeiro'), οἶστρος (oistros, que significa 'desexo sexual') e γόνο (gono, que significa 'xerar') e literalmente significa "estróxeno alleo" (ao organismo). Os xenoestróxenos tamén se denominan "hormonas ambientais" ou compostos perturbadores endócrinos (ou EDC, do inglés Endocrine Disrupting Compounds). A maioría dos científicos que estudan os xenoestróxenos, como os de The Endocrine Society, considéranos como un perigo ambiental serio que ten efectos perturbadores hormonais tanto sobre a vida silvestre coma sobre o ser humano.[6][7][8][9][10]