historiador galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xosé Ramón Barreiro Fernández, nado en Ribeira o 2 de decembro de 1936 e finado na Coruña o 17 de marzo de 2021,[1] foi un historiador galego e presidente da Real Academia Galega de 2001 a 2009.[2] Foi membro do consello asesor da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do Centro de Estudios Xacobeos, do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, do Seminario de Estudos Galegos e do Consello da Cultura Galega.
Licenciouse e doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma.[1] Foi sacerdote, e exerceu no poboado construído durante a construción do encoro de Portodemouros.[3] En 1974 obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras, con premio extraordinario. Doutorouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese O campesino galego no século XIX: economía e sociedade e foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na mesma universidade. Foi o primeiro decano, elixido democraticamente, da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela.[1] Desde o 20 de decembro de 2001 até o 23 de xaneiro de 2010 foi presidente da Real Academia Galega, substituíndo a Francisco Fernández del Riego.[4]
Entre as súas achegas ao campo xurídico destacan, entre outras, El origen litúrgico del Derecho Canónico ou La estabilidad del beneficio mentres que a súa obra histórica repártese en numerosos libros e estudos. Barreiro Fernández participou en diversos congresos nacionais e internacionais, dirixindo os organizados sobre Estudos Xacobeos (1970), Rosalía de Castro (1985) e Ramón Otero Pedrayo (1988).
Os seus traballos de investigación céntranse sobre todo na historia contemporánea de Galiza e están recollidos en artigos e obras publicadas en castelán e en galego. Destacan: El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981), obra pola que recibiu o Premio da Crítica 1982, La imprenta en Galicia (1982), Historia de la imprenta en Galicia (1990) ou os catro volumes dedicados ós séculos XIX e XX que publicou dentro do proxecto editorial Galicia (1991).
Foi un dos creadores do Clube Nacionalista Alén Nós.[2]
Ademais do Premio da Crítica co que foi galardoado en 1982 e a Medalla Castelao (1991),[1] Barreiro Fernández recibiu o Premio Televisión Española en Galicia (1988).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.