A Pescaría, A Coruña
barrio da Coruña From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A Pescaría[2][3][4] é un barrio da Coruña, situado no istmo da península sobre a que se levanta a cidade. Foi o primeiro que se construíu extra muros por mor do aumento da poboación na Cidade Vella.
Remove ads
Toponimia
O seu nome débese ao feito de ser unha zona inicialmente habitada polos pescos (ou pescadores) da Coruña, pero foi traducido ao castelán por Pescadería.[5][6] Os procesos de normalización lingüística non resultaron na simple recuperación do topónimo medieval,[7] senón que supuxeron tamén a tradución literal do termo hexemónico en castelán polas palabras galegas que designan o lugar de venda do peixe: Peixería,[8] Peixaría[9] ou o híbrido Pescadaría.[10]
Remove ads
Historia

A Pescaría xurdiu fóra da muralla debido ao crecemento da poboación a partir do século XIV. Xa en 1456 o concello pediu ao rei Henrique IV medidas para evitar o traslado da poboación dende a Cidade Vella.
A partir de entón, a Pescaría converteuse no núcleo comercial e pesqueiro, e contaba con dúas parroquias, a de San Xurxo e a de San Nicolao. A importancia da zona, que a principios do século XVI xa duplicaba a poboación da Cidade, provocou a mellora das condicións urbanas, ademais da necesidade de construír fortificacións. No século XVII estableceuse o primeiro convento do barrio, da Compañía de Xesús.[12]
As melloras culminaron no século XVIII coa construción de edificios como as Casas de Paredes, a Aduana ou o Consulado.
No século XIX a expansión do barrio produciuse cara ao Orzán co establecemento dalgunhas fábricas, ademais de pola construción do “Recheo”, que supuxo a ampliación do porto e a aparición dos Xardíns de Méndez Núñez.
Coa demolición das murallas conectouse a Pescaría coa Cidade Vella pola zona próxima á praza de María Pita e comezou a ampliación da cidade co proxecto do Primeiro Ensanche no Campo de Carballo. Dentro dos plans de aliñamento de principios do século XX leváronse a cabo o proxecto do que foi o mercado de Santo Agostiño e a apertura da rúa de Durán Loriga para conectar mellor a Pescaría co novo ensanche.[12]
Remove ads
Descrición
A diferenza do plano da Cidade Vella, a Pescaría ten un trazado lonxitudinal. Isto é debido a que esta zona cumpría a función de unir o núcleo primitivo cos camiños de saída, orixinariamente as rúas Real e de Santo André.
Dentro da Pescaría existían dous espazos morfolóxicos diferentes: o sector de San Nicolao tiña quinteiros pequenos e rúas entrecortadas, mentres que na zona de Santo André había quinteiros máis amplos con hortas no seu interior.[12]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads