Bandung
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Bandung é a capital da provincia de Xava Occidental, Indonesia, situada a 768 metros ten 2 585 446 habitantes (2000). A área metropolitana denomínase Kabupaten Bandung.
Remove ads
Historia
Fogar do home de Xava nas ourelas do lago prehistórico que inundaba o val onde despois creceu a cidade, a primeira mención da área de Bandung data de 1488 cando pertencía ao reino hindú de Pajararan.
Colonia holandesa
Xa na época colonial, baixo o poder da Compañía Holandesa das Indias Orientais a metade do século XVII, foi fundada a rexencia con capital en Dayeuh Kolot (11 km ao sur). Nese século e o seguinte a compañía estableceu plantacións na fértil rexión e unha primeira estrada de unión con Batavia (Iacarta) foi construída en 1786.
Fundación coma vila residencial
En 1809, en poder do imperio napoleónico, ordénase a construción dunha segunda estrada que cruzase Xava para mellorar a defensa fronte aos ingleses. Coma a chaira costeira era daquela terreo pantanoso, o gobernador Daendels proxéctaa pola meseta de Bandung. De Groote Postweg ("a gran ruta do correo", hoxe rúa Asia-Africa) atravesou a comarca en 1810 e deseguido decidiuse o traslado da capital da rexencia ao seu carón nun lugar a salvo de asolagamentos. Así naceu Bandung coma cidade residencial [1]. Fronte ao pazo do rexente un espazo aberto, o Alun-alun, que daba á Postweg e estaba rodeado doutros edificios representativos (gran mesquita, pendopo ou lugar de reunións), convertíase no centro da vila [2].
A metade do século XIX os holandeses fana capital de Priangan (conxunto de distritos da rexión). Un pazo residencial ao norte da Postweg e un hipódromo ao sur marcan o novo eixe transversal da cidade [3].
No 1880 comezou a operar o ferrocarril Batavia-Bandung [4]. En paralelo á Postweg polo norte, terá un forte impacto urbano posterior ao dividi-la vila en dous, xa que deseguido forneceu crecemento industrial e de poboación (chinatown xunto a estación) [5][6]. Entre 1906 e 1926 Bandung conseguiu o status de municipalidade e de cidade [7].
Capital errada da colonia
O edificio do concello ao norte das vías creou un novo centro a partir do cal a cidade creceu cara ao nordeste. Motivos de seguridade e clima favoreceron a idea do traslado da capital das Indias Orientais Holandesas de Batavia a Bandung. En 1914 o barrio militar estendeuse ao leste do concello e despois progresivamente (na década dos vinte e trinta) púxose en funcionamento un ambicioso plan arredor dun novo complexo gobernamental [8][9]. Cos principios da cidade xardín deseñouse o chamado barrio europeo, unha coroa residencial en torno ao anterior [10]. No extremo norte erixiuse o campus da prestixiosa Escola Técnica (ITB).
En conxunto, Bandung viviu a súa idade dourada de ricos facendados con extensas plantacións e vida cosmopolita (Braga Street [11], entre a Postweg ao leste do Alun-alun e as vías, con tendas e cabarets, edificios art Deco e arquitectura moderna [12]).
Independencia
A segunda guerra mundial cortou de raíz o plan da capitalidade. Coa independencia de Indonesia en 1945, Bandung foi nomeada capital de Xava Occidental. Nos anos cincuenta produciuse unha febre inmigratoria do rural cara á cidade. O efecto inmediato foi unha densificación de case que cada baleiro. Despois, nos anos setenta, fíxose un amplo desenvolvemento do sector sueste [13].
En 1987 a expansión do concello conformou o Gran Bandung nun intento de recolocar poboación do masificado centro histórico na área metropolitana [14]. O corazón da cidade ten sufrido unha perda de identidade coa transformación do vello aire colonial en negocios e bancos globais.

Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads