Boecio
filósofo romano From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Anicio Manlio Torcuato Severino Boecio (en latín, Anicius Manlius Severinus Boethius)[1] coñecido como Boecio, nado en Roma contra o 480 e finado en Pavia no 526, foi un senador romano, cónsul, magister officiorum, historiador, aínda que é coñecido, sobre todo, como filósofo de comezos da Idade Media.
Remove ads
Traxectoria

Boecio proviña dunha antiga familia romana, os Anicii.[2] A familia gozaba do rango senatorial, o máis alto rango entre os patricios romanos. A esta familia pertenceron dous emperadores (Petronio Máximo e Olibrio) e un Papa. Aínda que as filiacións non están absolutamente confirmadas, parece que o propio avó de Boecio, do mesmo nome, era senador e desempeñou o cargo de prefecto do pretorio de Italia. No exercicio do cargo foi asasinado a resultas da conxuración que depuxo ao xeneral Aecio.[3] Tamén o pai de Boecio, Manlio Boecio, foi senador e chegou a exercer o consulado.
O seu pai morreu sendo Boecio cativo. Foi acollido por Quinto Aurelio Memio Símaco, membro tamén da clase senatorial romana, quen financiou os seus estudos de retórica e filosofía, coñecementos que ampliou en Atenas. Casou con Rusticiana, filla de Símaco.[4]
No ano 520 foi nomeado magister officiorum, cargo equivalente ao que podería chamarse un primeiro ministro, do rei ostrogodo Teodorico. Nomeou cónsules os seus dous fillos, Flavio Símaco e Flavio Boecio. A acumulación de tanto poder espertou os celos do partido filogótico, polo que foi acusado de conspiración polo referendarius Cipriano, membro dese partido. Foi encarcerado, torturado e decapitado en Ager Calventenus, ao norte de Pavia, "inxustamente", segundo el mesmo, por intentar protexer o Senado.

Remove ads
Obra
Co propósito de unificar ambas as escolas filosóficas, propúxose traducir ao latín as obras de Aristóteles e de Platón, mais non concluíu o seu proxecto: só se conservan a súa tradución das Categorías e do Peri hermeneias de Aristóteles e da Isagoge de Porfirio. Étienne Gilson afirma que Boecio foi, para o escolasticismo medieval, polas súas traducións, comentarios e escritos, a principal autoridade en Lóxica da Idade Media até que no século XIII foi traducido ao latín e comentado directamente o Organon completo de Aristóteles. Na súa obra principal realiza a distinción, que logo sería central para a Escolástica, entre id quod est (todo o ente) e quo est ou esse (aquilo que fai que o ente sexa).

A súa obra máis famosa é porén Consolación da filosofía. Trátase dun diálogo entre o propio Boecio e Filosofía, personaxe alegórico feminino que aparece perante Boecio para aclararlle o problema do destino, de por que os malvados logran recompensa e os xustos non. Filosofía intenta suavizar a súa aflición demostrándolle que a verdadeira felicidade consiste no desprezo dos bens deste mundo e na posesión dun ben imperecedoiro, que coincide coa Providencia universal que goberna todas as cousas, concepto este que toma do Estoicismo. O tema relaciónase directamente coa caída en desgraza do propio Boecio, polo cal se cre que esta obra foi composta no cárcere durante o longo ano que pasou antes de ser executado.
Este traballo tivo unha grande importancia para a ulterior teoloxía do Cristianismo medieval, pese a que tanto a metodoloxía como a terminoloxía que utiliza Boecio son simplemente filosóficas e en ningún momento presenta a cuestión en termos de fe cristiá. Por iso se chegou a discutir, incluso, se Boecio era realmente cristián.
Tamén escribiu sobre aritmética (De arithmetica), música (De música), e de teoloxía (Opuscula theologiae, cinco libros).
Remove ads
Traducións ao galego
Consolación da filosofía foi traducida ao galego por Helena de Carlos, publicada por Editorial Galaxia en 2005 na colección Clásicos en Galego.[5]
Eponimia
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads
