Chaeropus ecaudatus
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Chaeropus ecaudatus, coñecido na bibliografía como bandicut de pés de porco,[1] (do inglés pig-footed bandicoot) é unha especie de mamífero marsupial australidelfo da orde dos peramelemorfos,[2] única do xénero Chaeropus,[3] que á súa vez era o único da familia dos queropódidos (Chaeropodidae).[4]
Era un pequeno marsupial herbívoro que habitaba nas chairas áridas ou semiáridas do interior de Australia, que se considera extinguido desde o ano 1958.[5]
Remove ads
Características
Tiña un tamaño similar ao dun gato, e morfoloxicamente se asemellaba moito aos bilbís (especies do xénero Macrotis), con extremidades longas e delgadas.
Unha das súas principais característicae era a gran redución do número de dedos, presentando no pé anterior unicamente o segundo e o terceiro dedo, cun pequeno rudimento do cuarto, formando coas súas longas uñas e grandes almofadas apicais, un pé que se parecía superficialmente ao dun artiodáctilo.[6] En cambio, no pé posterior, o cuarto dedo formaba o pé funcional por si só, cunha soa uña e unha almofada apical que recordaba o pé dun perisodáctilo.[6]
A súa distribución era moi ampla, encontrándosele nunha gran variedade de hábitats, desde bosques abertos con herba alta até chairas e pasteiros.[5]
Remove ads
Historia
O primeiro exemplar documentado foi capturado por Thomas Mitchell en 1836, no norte de Victoria, cerca da confluencia dos ríos Murray e Murrumbidgee. Poucos científicos tiveron a oportunidade de ver directamente este animal.
Na segunda metade do século XIX capturárons máis espécimes, a maioría en Victoria, Australia Meridional, Territorio do Norte e Australia Occidental.
Os últimos exemplares capturados datan de 1901, aínda que posibelmente subsistiran até ao redor de 1950, segundo testemuñas dos aborixes, pero non hai indicios de que aínda pervivise. A UICN declarou a especie oficialmente extinguida en 1982.[5]
Remove ads
Taxonomía
Esta especie foi situada inicialmente por MCKenna e Bell (1997) na familia dos peramélidos, cos bandicuts e os bilbís, dentro da subfamilia dos Chaeropodinae.[4] Porén, a súa forma é moi distinta da dos bandicuts verdadeiros e do bilbís, e as evidencias moleculares descubertas recentemente apoian esta distinción. Pénsase que constitúe por si soa un grupo irmán dos demais peramelemorfos, polo que se creou para ela soa a familia dos queropódidos.
Descricións
- Familia
A familia foi descrita en 1872 polo zoólogo estadounidense Theodore Nicholas Gill, nun traballo publicado en Smithson. Misc. Collect., '11: 26, e como quedou dito, foi situada inicialmente dentro da familia dosperamélidos, como subfamilia.[4]
- Xénero
O xénero describiuno en 1838 o naturalista irlandés William Ogilby en Proc. Zool. Soc. Lond., 1838: 26.[3]
- Especie
E a especie foi descrita no mesmo ano, polo mesmo autor antecitado (Ogilby), na páxina 25 do traballo arrina indicado, co nome de Perameles ecaudatus.[2] Posteriormente reclasificoluse dentro do xénero Chaeropus.
Sinónimos
- Familia
Ademais de polo nome orixinario e actualmente válido, coñécese tamén polo sinónimo Chaeropini Szalay, 1994.[4]
- Xénero
O xénero tamén se coñeceu, ademais de polo nome válido, polo sinónimo Choeropus Waterhouse, 1841.[3]
- Especie
Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[4]
- Chaeropus castanotis Gray, 1842
- Chaeropus occidentalis Gould, 1845
Etimoloxías
O nome científico Chaeropodidae está formado, como é norma, sobre a base do nome do xénero tipo (e único) da familia, Chaeropus, coa adición da forma sufixa do latín científico -ĭdae, propia dos nomes das familias de animais.
O nome do xénero, Chaeropus, formouse co elemento do latín científico chaero-, tirado irregularmente do nome do grego antigo χοῖρος choîros, 'porco', e o elemento -pus, derivado do grego antigo πούς poús, 'pé', aludindo á semellanza das patas anteriores ás dun porco.[7]
En canto ao nome específico, ecaudatus, está construído polo elemento latino e-, de ex, co significado de 'privación' ou 'negación', e o adxectivo caudatus, 'con cola', derivado de cauda, 'cola'.
O nome completo da especie, Chaeropus ecaudatus, significa literalmente, por tanto, 'o de pés de porco sen cola'.
Clasificación
Como quedou dito, esta especie é a única do seu xénero, e da súa familia:
Orde Peramelemorphia Ameghino, 1889
- Familia † Chaeropodidae Gill, 1872
Remove ads
Galería de imaxes
- Espécime taxidermizado
Museo Nacional de Historia Natural de París - Espécime taxidermizado
Museo de Melbourne - Lámina de John Gould (século XIX)
- Lámina de Choeropus castanotis (= † Chaeropus ecaudatus).
- Lámina de Cambridge Natural History. (1902). Comparación do esqueleto da man de Choeropus castanotis e Bandicut (Perameles).
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads