Concilio Vaticano Segundo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O Concilio Vaticano Segundo ou Segundo Concilio Ecuménico do Vaticano foi un Concilio ecuménico da Igrexa católica, comezado baixo o papado de Xoán XXIII (1962) e finalizado con Paulo VI en 1965.

Remove ads
Situación previa
A época previa á convocatoria do Concilio Vaticano II caracterizárase pola existencia de grandes cambios dentro do seo da Igrexa católica. Por un lado, xurdiran novas correntes teolóxicas; teólogos católicos como Karl Rahner, Joseph Ratzinger, Yves Congar ou Hans Urs von Balthasar abriran novos camiños ao pensamento cristián; por outro, os bispos tiñan que afrontar unha nova situación política, económica, social e técnica. Ademais, o inconcluso Concilio Vaticano Primeiro, case un século antes, deixara moitas cuestións dogmáticas sen fixar.

O Papa Xoán XXIII anunciou a súa vontade de convocar o concilio apenas tres meses após ter sucedido a Pío XII. O seu obxectivo facéndoo era, segundo el mesmo, "Abrir as fiestras da Igrexa para que poidamos mirar cara fóra e a xente poida mirar cara dentro". De feito, non só invitou a todos os bispos da Igrexa ao concilio, senón que tamén a representantes dos protestantes e ortodoxos.
Remove ads
Convocatoria do concilio
O día 25 de xaneiro de 1959, festividade da Conversión de San Paulo, nunha discurso pronunciado na Basílica de San Paulo Extramuros ante o colexio cardenalicio[1], o Papa Xoán XXIII anuncia tres acontecementos de importancia para a Igrexa:
- Un Sínodo para a diocese de Roma.
- Un Concilio Ecuménico.
- E como consecuencia deste, a promulgación dun novo Código de Dereito Canónico.
Venerabili Fratelli e Diletti Figli Nostri! Pronunciamo innanzi a voi, certo tremando un poco di commozione, ma insieme con umile risolutezza di proposito, il nome e la proposta della duplice celebrazione: di un Sinodo Diocesano per l'Urbe, e di un Concilio Ecumenico per la Chiesa universale.
(Venerables irmáns e amados fillos nosos! Pronunciamos diante de vós, certamente que tremendo un pouco da emoción, pero tamén con humilde resolución de propósito, o nome e a proposta da dupla celebración: un Sínodo diocesano para a Cidade (Roma) e un Concilio Ecuménico para a Igrexa universal)
O mesmo Xoán XXIII, co Motu Proprio Consilium[2], marca o 11 de outubro de 1962 como data de comezo do Concilio.
A data foi escollida lembrando o Concilio de Éfeso, este declarou á Virxe María como Nai de Deus cuxa festa se celebraba, no calendario litúrxico anterior ao concilio, o 11 de outubro.
Remove ads
Sesións
Primeira sesión (outono de 1962)
O Papa abriu o concilio o día 11 de outubro de 1962 nunha sesión pública na que figuraban representantes eclesiásticos e políticos. Despois dunha misa, o Papa leu un discurso titulado Gaudet Mater Ecclesia (A Madre Igrexa alégrase), no que cargou contra aqueles que vaticinaban a fin da Igrexa e salientou a súa dimensión pastoral.
Os temas tratados nesta primeira época do Concilio incluían a liturxia, a misa, as igrexas orientais que recoñecían o Papa e a natureza da revelación.
Estas conversacións remataron o 8 de decembro dese mesmo ano, e non puideron volver a comezar ata un ano máis tarde debido á morte do Papa Xoán XXIII o 3 de xuño de 1963.
Segunda sesión (outono de 1963)
Tras ser elixido como Papa, Paulo VI continuou co labor conciliador do seu predecesor. O 29 de setembro facía público un documento no que estabelecía claramente os catro obxectivos do Concilio:
- Definir mellor a natureza da Igrexa e o papel do bispo.
- Renovar a Igrexa.
- Reunificar todas as confesións cristiás.
- Comezar a dialogar co mundo actual.
Neste segundo período, os bispos aprobaron a constitución Sacrosantum Concilium (relativa á liturxia) e o documento Inter Mirifica (referente á presenza da Igrexa nos medios de "comunicación social"). O 4 de decembro cerrouse a segunda sesión.
Terceira sesión (outono de 1964)
Empezada o 14 de setembro de 1964, baseouse en numerosos asuntos da Igrexa. Aprobáronse tres documentos: Unitatis Redintegratio (sobre o ecumenismo ou reunificación dos cristiáns), Orientalium Ecclesiarum (sobre as Igrexas orientais) e Lumen Gentium (sobre a mesma Igrexa católica).
Tras numerosas controversias,[Cómpre referencia] a sesión rematou o 21 de novembro dese mesmo ano.
Cuarta sesión (outono de 1965)
A cuarta e última sesión do concilio e a terceira presidida por Paulo VI abriuse o 14 de setembro de 1965. Aprobáronse catro documentos:
- Dignitatis Humanae (que foi aprobado malia o rexeitamento de 224 dos bispos), co que a Igrexa recoñecía a liberdade de relixión.
- Gaudium et Spes, que supuxo unha renovación do papel da Igrexa na sociedade actual.
- Ad Gentes, referido aos misioneiros.
- Presbyterorum Ordinis, que regulamentou o sacerdocio.
Outros documentos, que foran tratados en sesións anteriores, foron definitivamente aprobados neste período. Neste grupo inclúese Christus Dominus (sobre os bispos), Perfectae Caritatis (sobre as ordes relixiosas), Optatam Totius (sobre a educación dos sacerdotes), Gravissimum Educationis (sobre a educación cristiá) e Apostolicam Actuositatem (sobre o papel dos laicos).
Coa aprobación de Nostra Aetate, a Igrexa deixou claro que os xudeus de hoxe en día teñen tanta culpa sobre a morte de Cristo coma os propios cristiáns.
Un dos momentos máis salientábeis do período conciliar foi o encontro de Paulo VI e o Patriarca Atenágoras, ortodoxo, símbolo do achegamento das dúas igrexas.
O 8 de decembro de 1965, o Concilio quedou formalmente fechado.
Remove ads
Asuntos
A Igrexa
Se cadra, a constitución máis importante de todo o Concilio Vaticano II foi Lumen Gentium.
No seu primeiro capítulo, establécese claramente que "a única Igrexa de Cristo" é a Igrexa católica, fundada por Cristo na persoa de San Pedro. Malia todo, engade o documento, "moitos elementos de santificación e de verdade poden atoparse fóra dos seus límites".
No segundo capítulo, ensínase que o desexo de Deus é salvar á humanidade en conxunto. Por iso, tódolos pobos do mundo están invitados á Igrexa; e incluso aqueles que non pertencen a ela poden estar, dalgunha forma, "ligados a ela", co que se suxire que os protestantes, os ortodoxos e, incluso, os xudeus e musulmáns, poden atopa-la salvación dentro das súas propias crenzas.
O terceiro capítulo esténdese sobre a figura do Papa como líder da Igrexa e mailos seus cardeais e bispos. Nos seguintes capítulos, menciónanse numerosos aspectos da Igrexa, algúns deles moi controvertidos, como o referente á Virxe María.
Liturxia
O efecto máis inmediato do Concilio Vaticano II foi o estabelecemento dunha liturxia máis achegada ó pobo, que incluía a substitución do latín polas linguas propias de cada lugar, para facilita-la comprensión dos fieis e que en Galicia foi liderada por Quiroga Palacios.[Cómpre referencia]
Algo semellante ocorreu cos textos sagrados (a Igrexa comprometeuse a traducilos ás linguas de cada lugar).
Remove ads
Documentos conciliares

- Constitucións:
- Sacrosanctum concilium: sobre a liturxia.
- Dei Verbum: sobre a Revelación de Deus.
- Lumen gentium: sobre a Igrexa.
- Gaudium et spes: sobre a Igrexa no mundo actual
- Decretos:
- Ad Gentes: sobre as misións.
- Apostolicam Actuositatem: sobre os leigos.
- Christus Dominus: sobre os bispos.
- Inter Mirifica: sobre os medios de comunicación social.
- Optatam Totius: sobre a formación dos sacerdotes.
- Orientalium Ecclesiarum: sobre as igrexas católicas orientais.
- Perfectae Caritatis: sobre os relixiosos.
- Presbyterorum Ordinis: sobre o sacerdocio.
- Unitatis Redintegratio: sobre o ecumenismo.
- Declaracións:
- Dignitatis Humanae: sobre a liberdade relixiosa.
- Gravissimum Educationis: sobre a educación cristiá.
- Nostra Aetate: sobre a relación coas relixións non cristiás.
Ademais dunha serie de mensaxes finais do Concilio.
Remove ads
Críticas
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2024.) |

Algúns[quen?] católicos especialmente conservadores manteñen que o Concilio Vaticano II afastou á Igrexa dos seus principios.[Cómpre referencia] Defenden que:
- A Igrexa debería considerarse o único e excluínte camiño á salvación de Cristo.
- Non debería permitirse a liberdade de culto.
- Debería mencionarse o Xuízo trala morte e a existencia do Ceo e do Inferno.
- A crenza da infalibilidade da Biblia debería ter sido afirmada.
- O latín debería seguir sendo a lingua litúrxica.
Así e todo, estes grupos son moi reducidos e a Igrexa católica en xeral aceptou o contido do Concilio.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads
