Criptomoeda
medio dixital de intercambio From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Unha criptomoeda[1], criptodivisa ou criptoactivo é un medio dixital de intercambio que utiliza criptografía forte para asegurar as transaccións financeiras, controlar a creación de unidades adicionais e verificar a transferencia de activos; é un tipo de moeda complementaria e de moeda dixital. As criptomoedas teñen un control descentralizado, en contraposición ás moedas centralizadas e aos bancos centrais.[2][3][4]
![]() | Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |

O control de cada moeda funciona a través dunha base de datos descentralizada, habitualmente unha cadea de bloques, que serve como unha base de datos de transaccións financeiras pública.[5]
A primeira criptomoeda que empezou a operar foi o bitcoin en 2009 e, desde entón, apareceron moitas outras con diferentes características e protocolos como litecoin, namecoin, peercoin, ripple, dogecoin, petro etc.[6]
A comezos de 2019 mesmo algúns bancos traballan xa con criptomoedas.[7]
Remove ads
Historia

En 1983, o criptógrafo estadounidense David Chaum concibiu un sistema criptográfico monetario electrónico chamado "ecash". Xa en 1995, puxo en marcha o DigiCash, que utilizaba a criptografía para volver anónimas as transaccións de diñeiro, aínda que cunha emisión e unha liquidación (pagamento) centralizadas. Este sistema requiría un software para retirar diñeiro dun banco e designar claves cifradas específicas antes de que se puidesen enviar a un destinatario, o que permitiu que a moeda dixital non fose rastrexable polo banco emisor, o Goberno nin ningún axente.[8]
En 1996, a NSA publicou unha investigación titulada How to make a Mint: the Cryptography of Anonymous Electronic Cash. Esta investigación describía un sistema de criptodivisa e foi publicada nunha lista de correo do MIT. Máis tarde, en 1997 publicouse tamén en The American Law Review.[9]
A idea de criptomoeda foi descrita por primeira vez por Wei Dai en 1998, quen propuxo a creación dun novo tipo de diñeiro descentralizado que usase a criptografía como medio de control. Con todo, a primeira criptomoeda en aparecer foi o bitcoin, creada en 2009 polo desenvolvedor de pseudónimo Satoshi Nakamoto, que usa o conxunto de funcións criptográficas SHA-2 (exactamente o SHA-256) como o seu esquema PoW (proba de traballo).[10][11]
Posteriormente, apareceron outras criptomoedas, como namecoin (un intento de descentralizar o sistema de nomes de dominio, o que faría moi difícil a censura de Internet), litecoin (que utiliza scrypt como esquema PoW e para ter unha confirmación de transacción máis rápida), peercoin (que utiliza un esquema híbrido PoW/PoS -proba de traballo/proba de participación- e ten unha taxa de inflación do arredor do 1 %) e freicoin (que levou á práctica o concepto de Silvio Gesell agregando depreciación no tempo).[12]
Na súa primeira década de existencia, as criptomoedas foron gañando paseniño a atención do público xeral e dos medios de comunicación. Desde 2011, o interese aumentou axiña, en especial coincidindo co ascenso vertixinoso de bitcoin, en abril de 2013.[13]
O tope do mercado de criptomoedas estimouse entre un e dous mil millóns de dólares en 2018.[14]
O 6 de agosto de 2014, o Reino Unido anunciou a encarga ao Tesouro dun estudo acerca das criptomoedas, no que debería figurar o papel que podería xogar este tipo de moedas na economía do país, así como as regulacións que deberían ser consideradas.[15]
Remove ads
Caracterización

Nos sistemas de criptomoedas garántese a seguridade, a integridade e o equilibrio dos seus estados de contas (contabilidade) por medio dunha armazón de axentes (transferencia de arquivo segmentada ou transferencia de arquivo multifuente) que se verifican mutuamente, coñecidos como "mineiros", que son maioritariamente público en xeral e que protexen activamente a rede ao manter unha alta taxa de procesamento de algoritmos, coa finalidade de teren a oportunidade de recibir unha pequena propina, que se reparte de xeito aleatorio.[16]
Romper a seguridade existente nunha criptomoeda é matematicamente posible, pero o custo para o lograr sería inasumiblemente alto. Por exemplo, un atacante que intentase crebar o sistema de proba de traballo de bitcoin necesitaría unha potencia computacional maior que a de toda a rede de todos os mineiros do sistema e, mesmo así, só tería unha probabilidade de éxito do 50 %. É dicir, romper a seguridade de bitcoin esixiría unha capacidade superior á de empresas tecnolóxicas do tamaño de Google.[17]
Está previsto que no futuro a computación cuántica poida chegar a ser unha realidade, o que rompería o equilibrio no caso de que os desenvolvedores non puidesen pór en práctica a tempo o sistema para usar algoritmos poscuánticos, por se tratar dunha tecnoloxía privativa.[18]
As criptomoedas fan posible o chamado "internet do valor" ou "internet do diñeiro", tamén coñecido polas siglas IoV (do inglés internet of value). Trátase de aplicacións de Internet que permiten o intercambio de valor, que pode ser en forma de contratos, accións, propiedade intelectual ou calquera propiedade. As cousas de valor xa se podían intercambiar antes usando sistemas de pagamento como PayPal. No entanto, a diferenza entre pagar con algo como Paypal e pagar cunha criptomoeda consiste en que facelo con Paypal require que o pagamento se faga a través de redes privadas como as das tarxetas de crédito e os bancos, mentres que o pagamento usando criptomoedas non ten intermediarios: vai directamente do comprador ao vendedor. Deste xeito, tense un sistema de transferencia universal de valor, libre de intermediacións.[19][20]
Este sistema:
- Reduce o custo da transacción, xa que non hai intermediación.
- Reduce os tempos. Aínda que os pagamentos por Internet son rápidos, as liquidacións entre as partes levan o seu tempo e o vendedor recibe o importe días despois do pagamento. Coas criptomoedas, a demora é da orde de minutos.
- Elimina a necesidade de usar axentes financeiros para realizar transaccións.

Definición técnica
Segundo Jan Lansky, unha criptomoeda é un sistema que cumpre as seguintes seis condicións:[21]
- Non necesita unha autoridade central. Así, o seu estado mantense a través dun consenso distribuído.
- Mantén todas as unidades e o seu propietario.
- Define se se poden crear novas unidades. Neste caso, o sistema debe definir as circunstancias da súa orixe e como determinar o propietario das novas unidades.
- Só se pode asegurar a propiedade dunha unidade a un usuario de xeito criptográfico.
- O sistema permite as transaccións de unidades, nas cales se cambia o propietario desas unidades. Unha transacción só pode ser efectuada se se pode probar o actual propietario destas unidades.
- Se se efectúan dúas transaccións sobre as mesmas unidades, o sistema só executa unha delas.
Remove ads
Arquitectura

As criptomoedas descentralizadas son producidas colectivamente por todo o sistema, a unha proporción publicamente coñecida que é especificada cando ese sistema se crea. Nos bancos centrais e nos sistemas económicos tradicionais, os gobernos controlan a cantidade de moedas no mercado (por exemplo, cuñando moeda ou esixindo adicións aos libros de contabilidade). No caso das criptomoedas descentralizadas, nin as empresas nin os gobernos poden producir novas unidades. As criptomoedas tampouco teñen un activo detrás que apoie o seu valor, ao contrario das moedas tradicionais.[22]
En maio de 2018 existían preto de 1.800 criptomoedas.[23] Nun sistema de criptodivisas, a integridade, a seguridade e o balance das contas están mantidos por unha comunidade coñecida como os mineiros, que usa os seus computadores ou outro hardware especializado para validar e datar as transaccións, engadíndoas a unha base de datos colectiva.[24]
Moitas criptomoedas están deseñadas para iren diminuíndo a produción de unidades gradualmente, impondo un límite na cantidade total de unidades que pode haber en circulación. Comparado cos sistemas monetarios tradicionais, as criptomoedas son máis difíciles de lexislar debido á criptografía usada no sistema.[25]
Cadea de bloques
- Artigo principal: Cadea de bloques.
A validez de cada unha das unidades está na cadea de bloques, que é unha lista en constante crecemento de rexistros, chamados bloques, que se enlazan e se aseguran usando criptografía.[26] Cada bloque contén un apuntador hash ligando a un bloque previo unha data e datos de transaccións. Por deseño, as cadeas de bloques son inherentemente resistentes á modificación dos datos.[27]
A cadea de bloques é un "libro aberto, público e distribuído que rexistra todas as transaccións efectuadas entre dous usuarios dun xeito permanente e verificable".[28] A cadea de bloques usualmente é administrada por unha "rede de punto a punto" colectiva cun protocolo común para engadir e validar novos bloques. Logo de rexistrados, os datos de calquera bloque non poden ser modificados sen alterar todos os seguintes bloques.
As cadeas de bloques son seguras por deseño e son un exemplo de sistema distribuído cun alta tolerancia a faltas bizantinas. Ademais, resolven o problema de dobre gasto sen a necesidade dunha autoridade certificada ou un servidor central, asumindo que non se vai dar o ataque do 51% (que funcionou con varias criptomoedas).[29]
Datación
As criptomoedas usan varios sistemas de datación para "probar" a validez das transaccións engadidas á cadea de bloques sen necesidade dun terceiro actor autorizado.
O primeiro sistema inventado foi o de proba de traballo. Os sistemas máis utilizados están baseados no algoritmo SHA-256 e scrypt. Outros algoritmos que se usaron son CryptoNight, Blake, SHA-3 e X11.
Outro sistema, o de proba de participación, é un método para asegurar a rede atinxindo un consenso distribuído, pedíndolles aos usuarios a propiedade dunha pequena parte das unidades. Diferénciase do sistema de proba de traballo en que non teñen que executar algoritmos de hashing moi complicados para validar as transaccións. O sistema cambia moito dependendo da moeda e actualmente non hai un estándar. Algunhas criptomoedas usan un sistema combinado entre os dous.[30]
Minaría

Nas redes de criptomoedas, a minaría leva consigo unha validación das transaccións. Por este esforzo, os mineiros obteñen unidades como recompensa. Esta recompensa diminúe as tarfias e constitúe un incentivo complementario para contribuír ao poder de procesamiento da rede. A proporción de xerar novas funcións hash que validan calquera transacción foi aumentada polo uso de máquinas especializadas como FPGA e ASIC. Esta carreira por máquinas baratas e eficientes existiu desde os días da primeira criptomoeda, bitcoin, que foi introducida en 2009. Cantas máis persoas se foron aventurando no mundo das criptomoedas, a complexidade da xeración hashes foi aumentando, facendo que os mineiros teñan que investir grandes cantidades de diñeiro en máquinas especializadas. Algunhas veces, o valor das unidades obtidas non xustificaba o investimento en máquinas, na súa refrixeración e na enerxía consumida para as facer funcionar.[31][32][33][34]
Algúns fondos de minaría comparten a súa capacidade de procesamento na rede para repartir a recompensa equitativamente, consonte a cantidade de traballo que contribuíran pola probabilidade de atopar un bloque.
En febreiro de 2018, o Goberno chinés detivo o comercio con criptomoedas e prohibiu a minaría; algúns mineiros mudáronse ao Canadá.[35] Hai empresas que están a usar centros de datos para a minaría preto de estacións de gas canadenses, debido aos baixos prezos.[36] En xuño de 2018, Hydro Quebec propúxolle ao goberno rexional subministrar 500 megawatts de potencia a compañías de minaría.[37] Segundo unha noticia de febreiro de 2018, Islandia converteuse no "ceo" para os mineiros, en parte polos prezos da electricidade, moi baratos. Os prezos son estables debido a que están preto de plantas enerxéticas de enerxías renovables, o que incita máis compañías de minaría a consideraren o traslado das súas operacións a Islandia. A compañía local de enerxía di que a minaría está a se volver tan popular que o país usará máis electricidade para este labor que para a subministración de enerxía aos fogares nos próximos anos.[38] En outubro de 2018, Rusia converteuse no anfitrión dunha das maiores granxas de minado no mundo, localizada en Siberia. En marzo de 2018, unha cidade estadounidense do estado de Nova York puxo unha moratoria de 18 meses a toda a minaría de criptomoedas, nun esforzo por preservar os recursos naturais e o "carácter" da cidade.[39]
Aumento do prezo das GPU
O incremento da minaría aumentou a demanda de tarxetas gráficas en 2017.[40] As preferidas polos mineiros foron a GTX1060 e a GTX1070 de NVIDIA, e as RX570 e RX580 de AMD, que duplicaron ou mesmo triplicaron o seu prezo.[41]
NVIDIA pediulles aos distribuidores que fixesen o que puidesen para lles vender as tarxetas aos xogadores antes que aos mineiros: "os xogadores son a nosa prioridade", dixo Boris Böhles.[42]

Carteiras
As carteiras, tamén coñecidas pola súa forma inglesa wallet, gardan as claves públicas e privadas (enderezos) que se poden usar para recibir ou enviar unidades. Coa clave privada é posible escribir na cadea de bloques, gastando a cantidade desexada. A clave pública fai posible que outros usuarios poidan enviar diñeiro á carteira.[43][44]
Anonimato
Bitcoin é pseudónimo no canto de anónimo, xa que a criptomoeda dentro dunha carteira non está vinculada ás persoas, senón a unha ou a máis claves específicas. Xa que logo, os usuarios dos bitcoin non son identificables, pero todas as transaccións están publicamente na cadea de bloques. Porén, a lei esixe adoito que os intercambios de criptomoedas recollan información persoal dos seus usuarios.[45]
Remove ads
Economía
As criptomoedas utilízanse principalmente á marxe das institucións bancarias e son intercambiadas a través de Internet.
Tarifas de transacción
As tarifas nas criptomoedas dependen principalmente da oferta de capacidade de cálculo da rede no momento e da demanda do usuario dunha transacción rápida. O usuario pode escoller unha tarifa específica, mentres que os mineiros procesan as transaccións en orde decrecente. Pódese simplificar o proceso para o usuario ofrecendo prioridades alternativas e determinando o tempo que podería tardar cada unha.
Para Ethereum, as tarifas veñen dadas pola complexidade computacional, o uso da rede e as necesidades de almacenamento. En bitcoin, as tarifas cambian segundo o tamaño da transacción e de se se usa Seg Wit. En setembro de 2018, a tarifa media correspondía a 0,017 dólares, mentres que para bitcoin correspondía a 0,55 dólares.[46]
Intercambios
Os intercambios permiten aos usuarios comerciaren coa moeda por outros bens, como moeda tradicional ou outras criptomoedas.[47]
Intercambios atómicos
Os intercambios atómicos son un mecanismo polo que unha criptomoeda pode ser intercambiada directamente por outra criptomoeda, sen a necesidade dun terceiro actor certificado nese intercambio."[48]

Caixeiros automáticos
Jordan Kelley, fundador de Robocoin, estableceu o primeiro caixeiro automático de bitcoin nos Estados Unidos o 20 de febreiro de 2014. O expendedor instalado en Austin, Texas, é similar aos caixeiros bancarios pero conta con escáners para ler a identificación expedida polo Goberno para confirmar a identidade dos usuarios.[49]
Oferta inicial
A ofertas inicial de moeda (ICO, en inglés) é un medio controvertido para recadar fondos para unha criptomoeda. As empresas novas poden utilizar unha ICO coa intención de evitaren a regulación. Con todo, os reguladores de valores en moitas xurisdicións, mesmo nos Estados Unidos e no Canadá, indicaron que se unha moeda ou unha ficha son un "contrato de investimento" (por exemplo, baixo a proba de Howey; é dicir, un investimento de diñeiro cunha expectativa razoable de ganancias), están suxeitas á regulación de valores. Nunha campaña de ICO, unha porcentaxe da criptomoeda (xeralmente en forma de "fichas") véndeselles aos primeiros patrocinadores do proxecto a cambio de moeda legal ou outras criptomoedas, adoito bitcoin ou ether.[50][51][52]
Segundo Pricewaterhouse Coopers, catro das dez ofertas iniciais de moedas máis grandes propostas utilizaron Suíza como base, onde con frecuencia se rexistran como fundacións sen fins de lucro. A axencia reguladora suíza FINMA declarou que adoptaría un "enfoque equilibrado" para os proxectos da ICO e permitiría aos "innovadores lexítimos navegaren polo panorama regulatorio e así lanzar os seus proxectos de xeito compatible coas leis nacionais que protexen os investidores e a integridade do sistema financeiro”. En resposta a numerosas solicitudes de representantes da industria, un grupo de traballo lexislativo da ICO comezou a emitir directrices legais en 2018, co obxectivo de eliminar a incerteza das ofertas da criptomoeda e establecer prácticas comerciais sustentables.[53]
Remove ads
Legalidade

O uso destas criptomoedas en actividades ilegais, así como a imposibilidade por parte dos gobernos de establecer políticas impositivas sobre transaccións realizadas a través do devandito medio, son motivo de controversias.
- Bolivia converteuse no primeiro país en prohibir explicitamente o uso de criptomoedas, en xuño de 2014, tras coñecerse da creba no Xapón da compañía Bitcoins Mt.Gox, o que prexudicou a máis dun millón de persoas.[54]
- En Venezuela, antes do 9 de abril de 2018 desmanteláronse minas de criptomoedas e arrestáronse os seus donos por "lexitimación de capitais, enriquecemento ilícito, delitos informáticos, financiamiento ao terrorismo, fraude cambiaria e danos ao sistema eléctrico nacional".[55][56] A partir do 9 de abril de 2018 legalizouse a existencia e a creación de criptoactivos, entre os que se inclúe o petro. Tamén se lle permite a calquera persoa natural ou xurídica, privada ou pública, a publicación do seu propio libro branco, como primeiro paso para iniciar o proceso de rexistro e control dunha nova criptomoeda ante o Goberno.[57]
- O 25 de marzo de 2014, o Servizo de Rendas Internas dos Estados Unidos (IRS) determinou que o bitcoin será considerado como unha propiedade para os efectos de taxas, o que implica que estará suxeito ao imposto de ganancias de capital.[58] Nun artigo publicado por investigadores de Oxford e Warwick, demostrouse que o bitcoin ten algunhas das características máis semellantes ao mercado de metais preciosos que ás moedas tradicionais, o que no fondo concorda coa postura do IRS.[59]
- Existen servizos como CryptoLife e WalletBuilders que axudan a crear unha criptomoeda propia de xeito rápido e doado, ofrecendo o seu asesoramento técnico. Trátase dun servizo de pagamento e, en ocasións, soliciítase a exposición dun plan de negocios que demostre que o interese transcende a simple curiosidade.[60]
Comercio na rede escura
As características das criptomoedas achéganlles moita popularidade en aplicacións como refuxio en crises bancarias, o que tamén favoreceu o seu uso en ámbitos controvertidos como os dos mercados negros en liña. Un exemplo é Silk Road, pechado inicialmente en 2013 polo FBI, aínda que se mantiveron en uso outras versións posteriormente. O ano seguinte ao seu pechamento, o número de mercados negros aumentou de catro a doce, mentres que a cantidade de listaxes de medicamentos aumentou de 18.000 a 32.000.[61][62]
Remove ads
Criptomoedas máis coñecidas
Remove ads
Criptomoedas por capitalización de mercado

A táboa seguinte amosa as cinco principais criptomoedas por capitalización de mercado.[cando?][68]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads