Arxinina
composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A arxinina[1] (abreviadamente Arg ou R)[2] é un α-aminoácido cunha cadea lateral formada por unha cadea alifática de 3 carbonos, que leva ao final un grupo guanidinio con características básicas, xa que o grupo guanidinio está cargado positivamente a pH celulares (neutros), pero tamén en pH ácidos e na maioría dos básicos, presentando un pKa de 12,48. A situación do seu dobre enlace fai que a súa carga positiva estea deslocalizada, o que permite que poida formar múltiples pontes de hidróxeno. O seu nome IUPAC é ácido (S)-2-amino-5-guanidinopentanoico.


Os seus codóns son CGU, CGC, CGA, CGG, AGA e AGG.
A L-arxinina é un dos 20 aminoácidos proteicos ou proteinoxénico. Nos mamíferos a arxinina está clasificada como aminoácido semiesencial, xa que o noso organismo ten rutas metabólicas para sintetizalo e a maioría da xente sintetiza o suficiente no seu corpo. Pero dependendo do estado do desenvolvemento ou de saúde pode ser necesario tomalo na dieta como un aminoácido esencial.[3] Os bebés prematuros non poden sintetizar suficiente arxinina, polo que é esencial para eles.[4] Algunhas situacións que requiren un suplemento de arxinina poden ser cirurxía ou outros traumas, sepse (infeccións) ou queimaduras.
A arxinina foi illada por primeira vez da leguminosa do xénero Lupinus en 1886 polo químico suízo Ernst Schultze.

Remove ads
Fontes de arxinina
Alimentos
A arxinina atópase nunha ampla variedade de alimentos, entre os que están [5]: produtos lácteos, carne, porco, xelatina, aves, peixes, mariscos, xerme de trigo e fariña, fariña de avea, cacahuetes, froitos secos, sésamo, garavanzos, soia etc.
Biosíntese
A arxinina sintetízase a partir da citrulina pola acción secuencial dos encimas citosólicos arxininosuccinato sintetase e arxininosuccinato liase. Isto é custoso enerxeticamente, porque a síntese de cada molécula de arxininosuccinato require a hidrólise de ATP a AMP, o que supón o gasto de dous enlaces enerxéticos do fosfato.
A citrulina pode obterse de múltiples fontes:
- da propia arxinina previamente existente por acción da óxido nítrico sintase.
- da ornitina vía catabolismo da prolina ou glutamina/glutamato.
- da dimetilarxinina asimétrica vía DDAH.
As vías metabólicas que ligan a arxinina, glutamina, e prolina son bidireccionais. De modo que, a utilización ou a produción neta destes aminoácidos depende do tipo de célula e do seu estado de desenvolvemento.
No organismo a síntese de arxinina ocorre principalmente no eixe intestinal–renal, no cal as células do epitelio do intestino delgado, que producen citrulina principalmente a partir da glutamina e o glutamato, colaboran coas células do túbulo proximal do ril, que toman citrulina do sangue e a converten en arxinina, que se devolve á circulación sanguínea. En consecuencia, o mal funcionamento do intestino delgado ou da función renal pode reducir a síntese endóxena de arxinina, incrementándose a necesidade de obtela da dieta.
A síntese de arxinina a partir de citrulina tamén acontece con menor intensidade en moitas outras células, e a capacidade celular de síntese de arxinina pode incrementarse significativamente en circunstancias que tamén inducen a óxido nítrico sintase. Así, a citrulina, un coproduto da reacción catalizada pola óxido nítrico sintase, pode ser reciclada a arxinina nunha vía coñecida como a vía citrulina-óxido nítrico ou vía arxinina-citrulina. Isto pode demostrarse polo feito de que en moitos tipos celulares, a arxinina pode en certo grao substituírse por citrulina en favorecer a síntese de óxido nítrico. Porén, a reciclaxe non é cuantitativa porque a citrulina se acumula xunto con nitrato e nitrito, os produtos finais estables do óxido nítrico, nas células que producen óxido nítrico.[6]
Remove ads
Degradación
Na degradación oxidativa da arxinina orixínase alfa-cetoglutarato, que pode entrar na gliconeoxénese, polo que é un aminoácido glicoxénico.
Funcións
A arxinina desempeña un importante papel na división celular, a cura de feridas, eliminación do amoníaco do corpo, na función inmunitaria, e na liberación de hormonas.[3][7][8] A arxinina tomada en combinación con proantocianidinas[9] ou yohimbina,[10] úsase como tratamento contra a disfunción eréctil.
Os beneficios e funcións que se lle atribúen á suplementación alimentaria con L-arxinina inclúen:
- É precursor da síntese de óxido nítrico (NO)[11].
- Reduce o tempo de curación das feridas (especialmente óseas)[7][8].
- Acelera a reparación de tecidos danados[7][8].
- Axuda a baixar a presión sanguínea[12][13].
Proteínas
A estrutura da arxinina en canto a xeometría, distribución de carga e capacidade de formar múltiples pontes de hidróxeno fan da arxinina unha molécula ideal para unirse a grupos cargados negativamente. Por esta razón, a arxinina adoita estar situada na parte externa das proteínas, onde pode interaccionar co ambiente polar que as rodea.
Mesmo se está incorporada ás proteínas, a arxinina pode tamén ser convertida en citrulina por encimas PAD. Ademais, a arxinina pode ser metilada por encimas metiltransferases.
Precursor
A arxinina é o precursor inmediato do óxido nítrico (NO), urea, ornitina e agmatina; é necesaria para a síntese de creatina; e pode tamén ser usado para a síntese de poliaminas (principalmente a través da ornitina e en menor grao agmatina), citrulina, e glutamato. Como precursor do óxido nítrico, a arxinina pode ser útil en tratamentos nos que se require unha vasodilatación.[3] A presenza de dimetilarxinina asimétrica (ADMA), un derivado, inhibe a reacción do óxido nítrico; por tanto, a dimetilarxinina asimétrica considérase un marcador para as enfermidades vasculares, igual que a L-arxinina se considera un indicador de boa saúde do endotelio vascular.
Tratamento da hipersensibilidade da dentina
A arxinina en produtos como a pasta de dentes proporciona un alivio efectivo para os dentes ultrasensibles ao depositar un mineral similar á dentina, que contén calcio e fosfato, que tapa os túbulos da dentina e forma unha capa protectora sobre a superficie da dentina.[14]
Tratamento de infeccións polo virus herpex simplex
Un efecto da arxinina que aínda non foi suficientemente probado é que unha razón baixa arxinina/lisina pode ser beneficiosa no tratamento do virus herpes simplex.[15]
Posible aumento do risco de morte despois da suplementación posterior a un ataque cardíaco
Un ensaio clínico atopou que nos pacientes que tomaban un suplemento de L-arxinina despois dun ataque cardíaco non se observaban cambios no ton vascular do corazón nin melloraba a capacidade de bombear do corazón. O estudo concluíu recomendando que non se tome un suplemento de arxinina despois dun fallo cardíaco.[16][17][18] Malia estes feitos, o suplemento segue vendéndose como beneficioso para o corazón en xeral.
Remove ads
Usos médicos potenciais
Inflamación pulmonar e asma
A páxina web Clínica Mayo informa sobre a L-arxinina que a súa inhalación pode incrementar a inflamación pulmonar e empeorar a asma.[19]
Hormona do crecemento
A arxinina pode estimular a secreción da hormona do crecemento,[20] e úsase nas probas de estimulación da hormona do crecemento.[21]
Síndrome MELAS
Varios ensaios estudaron os efectos da L-arxinina na enfermidade mitocondrial coñecida como síndrome MELAS (Mitochondrial encephalomyopathy, lactic acidosis, and stroke-like episodes syndrome).[22][23][24][25]
Procesos infecciosos
A capacidade de biosíntese celular da arxinina determinada pola actividade da arxininosuccinato sintetase é inducida polos mesmos mediadores da resposta ás infeccións ou sepses (endotoxina e citocinas) que inducen a óxido nítrico sintase, o encima responsable da síntese de óxido nítrico.[26]
Sal de malato
O sal de arxinina do ácido málico pode usarse durante o tratamento da hepatite alcohólica e a cirrose avanzada.[27]
Pre-eclampsia
Un estudo preliminar de suplementación con L-arxinina e vitaminas antioxidantes mostrou que esta combinación podía axudar a combater a presión sanguínea anormalmente alta observada en embarazos de alto risco.[28]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads