Gotemburgo[1][2] ou Göteborg[3] (en sueco: Göteborg, [jœtəˈbɔrj] (AFI), escoitar) é unha cidade do condado de Västergötland na costa oeste de Suecia. No ano 2006, a cidade tiña unha poboación de 490.000 habitantes na súa área e 879.000 na área metropolitana, facéndoa a segunda maior cidade do país, despois de Estocolmo. A cidade tamén destaca pola súa importante universidade.
A cidade está situada no esteiro do Göta Älv no Kattegat, o río divide a cidade en dúas porcións, unha situada na illa de Hisingen e a outra en terra firme. Grazas ao río Göta Älv Gotemburgo é un dos portos máis importantes de Escandinavia.
Demografía
A cidade de Gotemburgo, como a maioría das áreas metropolitanas de Suecia, posúe unha gran poboación inmigrante. Segundo o censo do 2005, a cidade tiña unha poboación de 93.965 inmigrantes, formando o 20% da poboación, do cal o 10% vén de Irán e o 9% de Finlandia. A poboación iraniana, xunto cos inmigrantes do Oriente Medio (sobre todo Iraq) e a antiga Iugoslavia, viven na zona de Angered (sobre todo en Bergsjön, Hjällbo e Hammarkullen) e noutros arrabaldes do nordeste, mentres que os procedentes de Escandinavia, Europa meridional (Portugal, Italia e Grecia) e Europa do leste viven máis integrados por toda a cidade. A zona de Frölunda é coñecida pola súa elevada poboación chinesa.
Xeografía
Gotemburgo atópase no Condado de Västra Götaland, na costa oeste da Suecia, está bañada polo Kattegat (estreito do Mar do Norte) e pola foz do río Göta Älv. Grazas á corrente do Golfo, a cidade posúe un clima ameno, é de grandes precipitacións. O arquipélago de Gotemburgo está formado por illas cunha constitución rochosa agreste, típica de toda a costa do Condado de Bohus.
A área metropolitana de Gotemburgo esténdese aos municipios de Ale, Härryda, Kungälv, Lerum, Mölndal, Partille, Stenungsund, Tjörn e Öckerö (no Condado de Västra Götaland) e Kungsbacka (no Condado de Halland).
Infraestruturas
O principal aeroporto da cidade (Gotemburgo-Landvetter) atópase en Landvetter, a 20 km ao leste de Gotemburgo. Un segundo aeroporto (Göteborg City Airport), de menores dimensións, atópase 14 km ao norte da cidade. A estación central (Centralstationen) e a terminal Nils Ericson son outros importantes centros de comunicación da cidade, con autobuses e trens que comunican a cidade con diversos puntos de Suecia, e con ligazóns nas cidades de Oslo e Copenhague.
Diversas liñas de transbordador ligan a cidade a Frederikshavn, Kiel, Kristiansand e Newcastle. No 2005 o porto rexistrou un movemento de máis de 2.2 millóns de persoas.
Gotemburgo é un centro loxístico, cun transporte de mercadorías por tren e camión que unen Suecia e Noruega co porto da cidade. Este é o maior de toda Escandinavia, cun volume bruto de preto de 156 millóns de toneladas/ano (datos de 2005).
A liña de tren eléctrico/metropolitana é a maior do Norte de Europa, con máis de 150 km de extensión.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.