Gran Sol
caladoiro no Atlántico norte From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O Gran Sol (escrito ás veces como Grand Sol ou Gran Sole) é un caladoiro situado no Atlántico norte, entre os paralelos 48º e 60º, ao oeste das illas Británicas.
Destaca pola súa riqueza pesqueira sendo as principais especies obxectivo das frotas comunitarias: pescada, rapante, peixe sapo, bacallau, foguerio, bacalada, solla de altura, linguado... A frota galega, por limitación e cotas, céntrase na pescada (destacando os portos de Celeiro, Burela e A Coruña), o rapante (Vigo), o peixe sapo e o lagostino (este último na Coruña, principalmente). Tamén se collen naquelas augas outras capturas en menor volume coma: polbo, raia, pota, solla, xurelo, xarda, maruca, abadexo, escacho, ollomol, lura ou lirio.[1]
Este caladoiro destaca tamén pola ferocidade dos seus temporais.
Desde antigo o caladoiro do Gran Sol foi explotado polos pescadores españois (especialmente os galegos) e portugueses, que navegan desde a costa cantábrica e atlántica para faenaren nas súas augas.
O nome de Gran Sol provén do francés Grande Sole ("gran linguado"). Non se debe confundir co Box irlandés (Irish Box, en inglés), caladoiro este que está fóra do Gran Sol e que designa unha zona de pesca reservada acoutada entre paralelos e meridianos (box) ao redor da illa de Irlanda.[2]
Convencionalmente os británicos diferencian o Gran Sol grande (Great Sole Bank) e o Gran Sol pequeno(Little Sole Bank). Estas zonas defínense para fins de protección da pesca, estando limitadas pola costa ou as liñas de latitude e lonxitude seguintes:[3]

- Gran Sol pequeno (ICES Statistical Division VIIh)
- 48°N 5°W
- 49°30'N 5°W
- 49°30'N 7°W
- 50°N 7°W
- 50°N 9°W
- 48°N 9°W
- 48°N 5°W
- Gran Sol grande (ICES Statistical Division VIIj)
- 48°N 9°W
- 9°W ao sur da costa de Irlanda
- 52°30'N ao oeste da costa de Irlanda
- 52°30'N 12°W
- 48°N 12°W
- 48°N 9°W
No entanto, a pesar do convencionalismo británico, entre os mariñeiros e armadores galegos o termo Gran Sol é único e refírese as augas do Atlántico Oriental entre os paralelos 48º e 60º, o que se corresponde coas zonas ICES números VI, VII e VIII, excluíndose as zonas próximas a costa e incluíndo moitas das áreas vetadas para a frota do país.[4][5]
Remove ads
Notas
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads