Hippoglossus hippoglossus

especie de peixe da familia Pleuronectidae From Wikipedia, the free encyclopedia

Hippoglossus hippoglossus
Remove ads

Hippoglossus hippoglossus (Linnaeus, 1758)[1] é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos ou dos hipoglosinos, segundo os autores, unha das dúas que integran o xénero Hippoglossus.[1]

Máis información Estado de conservación, Clasificación científica ...

É un peixe plano moi grande, o maior de todos eles, chegando a medir 3 ou 4 m de lonxitude e pesar até os 300 kg,[2][3] aínda os que se ven nas lonxas adoitan seren bastante menores.

Habita no océano Atlántico norte, desde o golfo de Biscaia até o sur de Groenlandia, Terra Nova (Canadá) e o norte dos Estados Unidos (a outra especie do xénero, H. stenolepis, é propia do Pacífico).

O seu crecemento é moi lento e, xunto á elevada idade á que alcanza a madurez sexual, a súa pesca excesiva está poñéndoo en perigo de extinción.

Remove ads

Taxonomía

A especie foi descrita en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae, baixo o nome de Pleuronectes hippoglossus.[1]

Ao longo da historia coñeceuse cos seguintes sinónimos:[1]

  • Pleuronectes hippoglossus Linnaeus, 1758 (nome orixinal)
  • Hippoglossus vulgaris Fleming, 1828
  • Hippoglossus gigas Swainson, 1839
  • Hippoglossus americanus Gill, 1864
  • Hippoglossus linnei Malm, 1877
  • Hippoglossus maximus Gottsche, 1965

Nomes galegos

Hippoglossus hippoglossus coñécese en galego polos nomes de halibut,[4] hipogloso[4], hipogloso do Atlántico,[5] e fletán branco (para distinguilo do seu parente, máis pequeno e máis famoso na actualidade, o fletán negro, ou fletán propiamente dito.[6]

Remove ads

Características

Thumb
Halibut visto pola cara pigmentada.

Morfoloxía

As principais características do halibut son:[3]

  • O seu corpo é esvelto, e grande, de até os 3 ou 4 m de lonxitude e os 300 kg de peso (aínda que na actualidade as capturas de femias de 2 m e de machos de 1,5 m son pouco frecuentes).
  • Os dous ollos están situados, como nos demais membros da familia, no lado dereito.
  • A súa gran boca termina debaixo do ollo inferior.
  • A mandíbula inferior e protáctil.
Thumb
Halibuts vistos pola cara cega.

Coloración

A súa coloración, na cara pigmentada, é parda escura uniforme, pero tamén pode ser verde oliva ou gris lousa, e nalgúns individuos pode chegar a ser case negra. A cara cega é abrancazada.[7]

Os individuos xuvenís son máis claros, e adoitan teren unha coloración máis apincarada.[8]

Remove ads

Hábitat, distribución e bioloxía

Hábitat

O fletán branco é un peixe bentónico, errante, que vive entre os 50 e os 3.000 m de profundidade, onde a auga ten unha temperatura de entre os 3 e os 8 °C,[3] aínda que ocasionalmente soben máis cerca da superficie.[7]

As larvas son peláxicas, relativamente desvalidas, e andan á deriva até que alcanzan uns 4 cm de lonxitude, cando migran ás partes profundas. Os espécimes xuvenís, entre as idades dos dous e os catro anos, viven cerca da beira do mar, movéndose cara a augas máis profundas a medida que van medrando.[7][8]

Distribución


O fletán branco distribúese:

Bioloxía

Reprodución e desenvolvemento

Os fletáns brancos alcanzan a madurez sexual entre os 7 e os 18 anos, cando os machos miden case 110 cm e pesan uns 18 kg, e as femias case 150 cm, cun peso duns 35 kg. A desova prodúcese nos fiordes profundos e ao longo dos taludes continentais. As principais áreas de desova son a costa norueguesa ao norte de Ålesund, ao longo do bordo meridional do arrecife de Escocia-Groenlandia, ao sur do estreito de Davis (entre a costa occidental de Groenlandia e a oriental da illa de Baffin), e en Terra Nova. Cada femia pon de 1,3 a 1,5 millóns de ovos, de case 4 mm de diámetro, que vagan en augas bastante profundas durante de 9 a 16 días, até que eclosionan as larvas, que miden entre 6 e 7 mm. As larvas aliméntanse de plancto e, cando alcanzan case 35 mm de lonxitude, sofren a metamorfose cara a forma de peixes planos que teñen de adultos. Cando os xuvenís acadan de 5 a 7 cm de lonxitude, descenden ao fondo, a 30–100 m de profundidade. Pasan o seu primeiro anos en augas relativamente pouco profundas, e van desprazándose gradualmente, a medida que van medrando, a maiores profundidades.[3]

Nutrición

Os halibuts xuvenís aliméntanse de pequenos invertebrados bentónicos; os medianos, de camaróns, cangrexos e outros crustáceos, así mesmo bentónicos, e de pequenos peixes, e os adultos son depredadores moi voraces que se alimentan de peixes, principalmente de bacallaus, fogueiros e Sebastes marinus (unha cabra de altura nórdica).

Lonxevidade

A vida destes peixes pode alcanzar os 50 anos.[7][8]

Remove ads

Pesca e usos

Pesca

Os fletáns brancos captúranse sobre todo con anzol e liña, pero tamén aparecen en redes de arrastre; en Noruega empréganse redes especiais para apañalos en augas profundas. Debido á súa lenta taxa de crecemento, e á elevada idade á que adquiren a madureza sexual, as súas poboacións pódense ver afectadas seriamente pola sobreexplotación pesqueira e, de feito, xa diminuíu drasticamente en todas as súas áreas de dispersión.[3] Por iso a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualificou a situación desta especie como EN (ameazada de extinción).[9]

Usos

A carne do fletán branco é moi olorosa e apreciada gastronomicamente. O peixe comercialízase fresco, salgado ou afumado. Os individuos de gran tamaño córtanse en tiras que, en Islandia se secan e comercializan como rackling.[3]

Ademais de ser obxecto de consumo fresco, salgado ou afumado, utilizouse antigamente para extraer do seu fígado o aceite de fígado de halibut, ou de hipopgloso, rico en vitaminas A e D, usado do mesmo xeito que o aceite de fígado de bacallau.[10]

Remove ads

Nota sobre os nomes dos fletáns

O nome fletán empezou a coñecerse e usarse en Galicia hai pouco tempo, alá pola primavera de 1995, cando todos os medios de comunicación falaban da guerra do fletán (aínda que esta guerra foi polo fletán negro). Até ese momento, os galegos (e todos os españois) coñeciamos tan só a un seu parente, do que se ocupa este artigo, Hippoglossus hippoglossus, que ás veces chegaba aos portos galegos,[2] coñeciámolo polo seu nome inglés, halibut, ou ben polo cultismo hippogloso, derivado do seu nome científico. Os mariñeiros galegos levaban anos pescando no gran banco de Terra Nova a especie que os canadenses de fala francesa chamaban flétan noir, para distinguilo do auténtico flétan, o Hippoglossus hipoglosssus, xa que, ademais do tamaño, distínguese por ter a cara pigmentada máis escura. Os mariñeiros galegos adoptaron o nome francés como fletán e, como consecuencia do conflito con Canadá e a súa repercusión nos medios de comunicación, o termo comezou a usarse en toda Galicia e en toda España.[10] Hai que sinalar que, na bibliografía en francés, a especie que nos ocupa tamén ten varios sinónimos: flétan de l'Atlantique e flétan blanc.

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads