Mikis Theodorakis

compositor e político grego From Wikipedia, the free encyclopedia

Mikis Theodorakis
Remove ads

Michail "Mikis" Theodorakis (en grego: Μιχαήλ "Μίκης" Θεοδωράκης), nado en Quíos o 29 de xullo de 1925 e finado en Atenas o 2 de setembro de 2021,[1] foi un compositor e letrista grego, autor de máis de mil obras.[2][3][4][5][6]

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Remove ads

Traxectoria

Infancia e mocidade

Nado na illa de Quíos e criado dentro do folclore grego e a liturxia ortodoxa, desde a súa infancia comezou a compoñer antes de recibir leccións de música ou aprender a tocar ningún instrumento. Pasou os seus primeiros anos en diferentes cidades gregas, como Mitilene, Ioannina, Cefalonia, Pirgo, Patras e, principalmente, Trípoli. Alí foi onde deu o seu primeiro concerto nun coro que formou cando apenas cumprira dezasete anos.[7] Tamén a esa idade comezou a súa incursión na política. Eran os anos da segunda guerra mundial e Theodorokis uniuse á resistencia, primeiro contra a Italia fascista e despois contra a Alemaña nazi, aínda que antes pertencera a grupos fascistas do réxime de Ioannis Metaxas. Por axudar a familias xudías a escapar das autoridades alemás, foi detido e torturado polos italianos en 1943.[8]

Estudos en París e primeiras composicións destacadas

En 1954, obtivo unha bolsa para completar estudos en París, onde se inscribiu no conservatorio e estudou análise musical baixo a dirección de Olivier Messiaen,[9] e dirección de orquestra con Eugène Bigot. Nese período estudou con intensidade a tradición musical occidental. Compuxo o ballet Antígona para Ludmilla Tchérina, que foi representado no Covent Garden, e tamén algunhas bandas sonoras. En 1957 obtivo o primeiro premio do Festival de Música de Moscova pola súa Suite n.º 1 para piano e orquestra. Ao mesmo tempo escribiu diversas pezas sinfónicas e de cámara. Darius Milhaud propúxoo para o premio ao mellor compositor europeo.

Retorno ás raíces musicais gregas

Thumb
Theodorakis na década de 1970

En 1960, regresou a Grecia. A súa volta non foi só físico, senón tamén artística e espiritual. Theodorakis considerou completa a súa formación musical clásica e iniciou un período que estivo enormemente influenciado pola música tradicional e popular grega, aínda que sen rexeitas a importante formación recibida en Francia. A primeira obra escrita nese período foi a versión musical do poema Epitafio, de Yannis Ritsos. Cunha música de sólida estrutura mais de alento popular, Theodorakis comezou unha verdadeira revolución na escena musical grega: achegar a gran poesía da Grecia moderna a unha inmensa maioría de público a través de música de xenuína raíz popular e de gran calidade artística.

Compuxo decenas de cancións que puxeron música á mellor poesía grega moderna. Fundou a Pequena Orquestra Sinfónica de Atenas e realizou multitude de concertos en toda Grecia, dando a coñecer a súa obra e gozando de enorme aceptación e popularidade. Musicou poemas dos premios Nobel Giorgos Seferis e Odysseas Elytis, que pasaron a ser verdadeiramente coñecidos e aprendidos de memoria por todo o pobo grego, tendo unha influencia importantísima na renovación da lingua e a cultura da Grecia moderna.

En 1963, tralo asasinato de Gregoris Lambrakis, fundou as Mocidades Lambrakis. Foi elixido por primeira vez deputado pola alianza de socialistas e comunistas EDA. Ese mesmo ano compuxo a música para Zorba the Greek, filme de Michael Cacoyannis en que o actor Anthony Quinn interpretou o protagonista.[10][8] O tema principal, coñecido como a danza do sirtaki, converteuse nun éxito internacional e nun dos máis importantes selos de identidade de Grecia.[11]

Período da Xunta dos coroneis

O 21 de abril de 1967, unha xunta militar de extrema dereita deu un golpe militar e fíxose co poder en Grecia. Theodorakis pasou á clandestinidade e fundou unha organización de resistencia contra a ditadura. Os coroneis mesmo prohibiron a escoita da súa música e en agosto dese ano capturárono e encarcerárono durante cinco meses. Tras unha longa folga de fame foi desterrado coa súa esposa Myrto e os seus dous fillos, Margarita e Yorgos, á localidade de Zatouna, na Arcadia; posteriormente foi recluído no campo de concentración de Oropos.[8]

Durante todo este período compuxo cancións contra a Xunta. No estranxeiro, algúns gregos exiliados como Melina Mercouri ou Maria Farantouri recibiron e interpretaron estas cancións. A súa saúde sufriu as condicións do arresto e as folgas de fame. Produciuse un movemento de solidariedade para conseguir a súa liberación por parte de artistas e intelectuais de todo o mundo como Arthur Miller, Laurence Olivier, Yves Montand, Dmitrii Shostakovich, Leonard Bernstein ou Harry Belafonte. Finalmente decidiuse o seu exilio en París, onde chegou en abril de 1970.[7][8]

Exilio

No exilio dedicou as súas forzas á loita contra a ditadura. Percorreu diversos países realizando concertos, conferencias e manifestacións. As súas cancións convertéronse nun símbolo da resistencia contra o fascismo, non só en Grecia, senón tamén noutros lugares como España, Portugal, Palestina, o Kurdistán ou Irán. Reuniuse con políticos e intelectuais como Pablo Neruda, Salvador Allende, Gamal Abdel Nasser, Tito, François Mitterrand e Olof Palme. En 1972, durante unha xira por Israel, Yigal Allon solicitoulle enviar unha mensaxe ao entón líder da OLP Iasir Arafat. Nesa época compuxo algunhas das súas obras máis significativas, como a música para o Canto General de Pablo Neruda, ou as bandas sonoras dos filmes État de Siège, de Costa-Gavras, e Serpico, de Sidney Lumet, así como o himno do partido político venezolano Movimiento al Socialismo (MAS).[8]

Regreso a Grecia

En 1974, trala fracasada intervención en Chipre por parte dos coroneis e a caída do réxime fascista, regresou a Grecia.[12] Continuou coas súas dúas facetas, artística e política. Foi elixido deputado en dúas ocasións (1981-1986 e 1989-1993) e nomeado ministro no goberno de coalición entre o centro dereita e os comunistas de Konstantinos Mitsotakis. En 1983 recibiu o Premio Lenin da Paz. Traballou pola mellora das relacións entre Grecia e Turquía, dirixindo en numerosas ocasións concertos en varias cidades turcas.[8]

Tamén foi importante a súa campaña contra a enerxía nuclear trala catástrofe de Chernóbil. Nos seus últimos anos realizou campañas a favor de diferentes causas humanitarias e polos dereitos humanos, fundamentalmente a través de concertos. Expresou a súa oposición á actuación da OTAN na guerra de Kosovo e a invasión de Iraq.

Últimos anos e morte

Nos seus últimos anos, sufriu múltiples complicacións por mor de problemas cardíacaos e faleceu dun infarto agudo de miocardio na súa casa de Atenas o 2 de setembro de 2021, aos 96 anos.[13]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads