Os sete contra Tebas

Episodio da mitoloxía grega From Wikipedia, the free encyclopedia

Os sete contra Tebas
Remove ads

Coñécese como a guerra dos Sete contra Tebas un dramático episodio da mitoloxía grega, unha guerra contra a cidade de Tebas (Grecia). O tema foi desenvolvido en diferentes textos da literatura grega, en especial por Sófocles na súa serie sobre Edipo e Antígona, por Eurípides (Fenicias) e, sobre todo, por Esquilo, que escribiu unha traxedia co título dos Sete contra Tebas.

Datos rápidos Obra, Biografía ...
Thumb
Edipo (coas súas fillas) maldicindo ó seu fillo Polinices (André Marcel Baschet, 1883)

Cando Hesíodo, na súa obra Traballos e días, describe as cinco idades ou razas de homes conta que a Raza dos Heroes desapareceu en guerras como a de Tebas ou a de Troia:

A malvada guerra e o terrible combate aniquilounos, a uns loitando xunto a Tebas, de sete portas, na terra Cadmea, por causa dos fillos de Edipo; a outros conducíndolles en naves sobre o abismo do mar cara Troia, por causa de Helena, de fermosa cabeleira.
Hesíodo: Traballos e días 161-165
Remove ads

Orixes do conflito

Cando Edipo, rei de Tebas, descubriu que, en cumprimento dos designios do oráculo matara ó seu pai, Laio, e casara coa súa propia nai, Iocasta, e que tivera dous fillos e dúas fillas con ela [1], sacouse os ollos. Creonte, o irmán de Iocasta (e anterior rei de Tebas) ocupou o trono da cidade e desterrou a Edipo, que abandonou Tebas maldicindo ós seus fillos, Eteocles e Polinices, polo trato vexatorio recibido deles.

Estes acordaron gobernar Tebas en anos alternos, pero, transcorrido o primeiro ano, Eteocles negouse a ceder o seu posto e expulsou a Polinices, alegando que non era digno do trono [2]. Polinices exiliouse e terminou sendo acollido por Adrasto, rei de Argos, que lle prometeu restablecelo no trono de Tebas. Previamente intentou conseguir a axuda do seu pai, exiliado en Colono, pero só recibiu unha nova maldición e o augurio de Edipo que profetizou que os dous fillos se matarían entre si e que Polinices nunca reinaría en Tebas.

Adrasto tiña dúas fillas, Arxía (ou Exialea) e Deípile, que eran pretendidas por príncipes de toda Grecia, e o medo de Adrasto era que, calquera que fose a súa escolla, os pretendentes rexeitados converteríanse en futuros inimigos. Consultou a decisión no oráculo de Delfos, que lle aconsellou que xunguira no seu carro ó león e ó xabaril que loitaban no seu palacio, pero tivo que regresar sen comprender o significado desta resposta.

Polinices era un deses pretendentes, e outro era Tideo, fillo de Eneo, rei de Calidón. Tideo matara accidentalmente -iso aseguraba el- ó seu irmán Melanipo, pero os habitantes do reino non o creron e tamén o desterraron [3]. Por iso chegou a Argos buscando un mellor futuro casando coa filla do rei.

Unha noite, estando no palacio de Adrasto, Polinices e Tideo empezaron a discutir sobre as riquezas de cadansúa cidade e axiña pasaron ás mans. Antes de que chegaran a matarse, chegou Adrasto e separounos, e nese momento decatouse de que o emblema de Tebas era un león e o de Calidón un xabaril [4]. Comprendendo agora o significado do oráculo, decideu casar a súa filla Exialea con Polinices e a Deípile con Tideo, a quen tamén prometeu ir á guerra para que recuperara o seu reino de Calidón, se ben despois de recuperar Tebas para Polinices.

... Adrasto separounos e, lembrando que un adiviño lle dixera que unira as súas fillas a un xabaril e a un león, elixiu a ambos como os seus prometidos, pois os seus escudos presentaban unha cabeza de xabaril, un, e un león, o outro.
Pseudo-Apolodoro III, 6, 1
Remove ads

Anfiarao

Thumb
Polinices regala a Erifile o colar de Harmonía (cerámica de figuras vermellas, c. 450–440 a.C., Louvre)

Para cumprir esa promesa, Adrasto ordenou ós seus xenerais que se prepararan para a guerra, e todos estiveron conformes excepto Anfiarao. Este Anfiarao, ademais de ser un xefe militar de moita sona e probada honradez, tiña dotes adiviñatorias, e grazas a iso profetizou que todos morrerían na guerra, menos o propio Adrasto, polo que, tras intentar infrutuosamente disuadirlle do seu proxecto, negouse a participar na expedición.

Pero anteriormente a todos estes feitos, Anfiarao matara ó pai de Adrasto, Tálao e expulsara a Adrasto de Argos [5]. Pasado o tempo, Anfiarao reconcilouse con Adrasto, pero este seguía conservando o rancor e esperando o momento da vinganza. Adrasto ofeceulle en matrimonio á súa irmá Erifile (Erífile ou Erifila), e acordaron que en caso de posibles disputas entre ambos, aceptarían a arbitraxe dela sen máis discusión. Outras fontes contan que un e outro rifaran en certa ocasión e só a intervención de Erifile, que se interpuxo entre ambos, evitou que se mataran entre si; tras deter a loita, Erifile quitoulles as espadas e fíxolles xurar que acatarían a súa decisión en calquera disputa posterior.

Cando Tideo soubo deste xuramento, convenceu a Polinices de que ofrecera a Erifile o colar máxico que Afrodita regalara á súa antepasada Harmonía como regalo de vodas ó casar con Cadmo; outras fontes din que fora Ifis quen llo aconsellou a Polinices. Este colar tiña a propiedade de conservar a beleza e a xuventude, algo que compraría a vontade de Erifile, que precisamente estaba convencida de estar perdendo a súa beleza [6]. Efectivamente, o suborno tivo éxito e Erifile decantouse por acudir á guerra, polo que Anfiarao viuse obrigado a aceptar a súa decisión. En todo caso, antes de partir á guerra fixo xurar ós seus fillos, Alcmeón e Anfíloco, que vingarían a súa morte e que matarían á súa nai, ademais de organizar unha nova campaña contra Tebas, que se coñecerá como a "Expedición dos Epígonos" [7]

Deste xeito, quedou organizada a expedición dos sete capitáns contra Tebas: Adrasto, Anfiarao, Capaneo (fillo de Hipónoo), Hipomedonte (fillo de Aristómaco) e Partenopeo (fillo de Meleagro (ou Melanión) e Atalanta), os cinco guerreiros arxivos, xunto a Polinices e Tideo. Algunhas fontes exclúen a Polinices e engaden a Eteoclo, fillo de Ifis, e Mecisteo [8].

Remove ads

Parada en Nemea

Cando o exército pasou por Nemea, pediron auga ó rei Licurgo para as súas tropas e o rei ordenou á súa escrava Hipsípile que lles indicara unha fonte [9]. Hipsípile encargábase de coidar ó fillo de Licurgo, Ofeltes (ou Ofites), e deixouno un momento no chan mentres lles llevaba ata ó manancial. Pero non tivo en conta que o oráculo ordenara que nunca se lle deixara no chan ata que non soubese andar, e unha serpe que gardaba o manancial saíu do seu agocho e esganou ó meniño [10]. Adrasto e os seus soldados non puideron evitalo e tiveron que limitarse a matar a serpe e enterrar a Ofeltes.

O adiviño Anfiarao interpretou que esta desgraza presaxiaba que a expedición ía terminar nun desastre aínda que iso non desanimou ós outros paladíns. Adrasto fundou nese lugar os Xogos Nemeos, en honor ó meniño morto, ó que chamaron Arquemoro, que significa comezo do destino [11]. Os sete paladíns ganaron cadanseu premio nestas probas deportivas [12]. Os vencedores das probas son coroados cunha coroa feita de perexil [13][14]. Anfiarao conseguiu igualmente que os pais de Ofeltes perdoaran a Hipsípile, e desde entón os xuíces das competicións dos Xogos Nemeos visten túnicas negras como sinal de loito por Ofeltes.

Guerra contra Tebas

Thumb
Capaneo escala a muralla de Tebas para matar a Creonte, pero es morto por un raio de Zeus (ánfora de figuras vermellas, c. 340 a.C., Vila Getty, California)

Cando por fin chegaron ante as murallas da cidade, Adrasto enviou a Tideo para esixir a Eteocles que entregase a coroa a Polinices de acordo co que acordaran os dous irmáns. Evidentemente, Eteocles negouse a abdicar e Tideo retou ós xefes do exército tebano a un duelo singular, e foi vencéndoos un a un ata que ningún máis quixo loitar contra el; incluso, cando xa se retiraba, foi obxecto dunha emboscada de cincuenta homes tebanos, e logrou dar morte a todos eles.

Cheos de ira, os cadmeos, fustigadores de cabalos, apostaron no seu regreso unha nutrida emboscada de cincuenta mozos acaudillados por ... Meón e ... Polifontes. Sobre eles Tideo tamén estendeu un ignominioso destino, pois deu morte a todos e só a un mandou de regreso ó hogar, a Meón, a quen deixou ir obedecendo os prodixios dos deuses.
Homero: Ilíada IV, 390-398

Para forzar a rendición de Eteocles, o exército arxivo organizou o asedio da cidade e os sete capitáns apostáronse cada un ante unha das sete portas da muralla; pola súa parte, Eteocles nomeou outros tantos xefes para defender cada unha das portas [15].

O adiviño tebano Tiresias díxolle a Eteocles que só poderían vencer ó inimigo si algún príncipe tebano aceptaba ser sacrificado ó deus da guerra Ares, e foi Meneceo, fillo de Creonte (e tío de Eteocles e de Polinices), quen asumiu o destino e suicidouse ante as portas da cidade, degolándose segundo uns, ou botándose desde o alto da muralla abaixo, segundo outros [16].

En Tebas, moi cerca da porta Neista, está o sepulcro de Meneceo. Suicidouse, seguindo o oráculo de Delfos, cando Polinices e o seu exército chegaron de Argos. Sobre o seu sepulcro crece unha milgranda. Cando o froito está maduro, se rompes a pela, atopas o de dentro semellante ó sangue.
Pausanias: Descripción de Grecia IX, 25, 1

O sacrificio do fillo de Creonte salvou efectivamente á cidade. Cando Capaneo, un dos capitáns arxivos, intentaba entrar na cidade gabeando a muralla cunha escaleira, Zeus matouno cun raio. Ó ver os tebanos que Zeus estaba con eles, armáronse de valor e saíron da cidade, atacando ó inimigo e matando a Hipodemonte e Partenopeo.

Thumb
Duelo entre Eteocles e Polinices (relevo nunha urna funeraria etrusca, de Volterra)

Tamén resultou gravemente ferido no ventre Tideo, ferido por un guerreiro tebano chamado Melanipo, fillo de Ástaco [17]. Tideo era un protexido de Atenea que, ó velo ferido, quixo concederlle a inmortalidade e foi pedir ó seu pai Zeus un elixir que curara as súas feridas, pero Anfiarao (que odiaba a Tideo porque foran as súas argucias as que obrigaron ós arxivos a ir a esta guerra) adiantouse e matou a Melanipo, e, cortándolle a cabeza, levouna ante Tideo dicíndolle que se vingaría comendo os seus miolos. Así o fixo Tideo, no momento en que chegaba Atenea, e esta presenciou con noxo este acto de canibalismo, polo que verteu o elixir ó chan e marchou [18] [19].

Thumb
Os cadáveres de Eteocles e Polinices son retirados do campo de batalla (Alfred Chuch, 1829-1912)

Polinices, para evitar máis mortes inútiles, retou a Eteocles a un combate a morte, e este aceptou o desafío [20]. Logo dun longo combate, os dous resultaron feridos mortalmente. Creonte asumiu o mando do exército tebano e atacou os arxivos, poñéndoos en fuga. Anfiarao intentou fuxir pero cando estaba a piques de ser alcanzado e morto por Periclímeno, Zeus lanzou un raio que abriu a terra e foi tragado sen deixar rastro ningún [21]. Zeus levouno e agora segue pronunciando oráculos en Oropo, na Ática.

O único supervivente, tal como augurara Anfiarao, foi Adrasto, que fuxiu voando a lombo do seu cabalo alado Arión. Posteriormente, Adrasto soubo que Creonte prohibiu que se enterraran os corpos dos inimigos mortos na batalla, e foi onda Teseo para pedirlle axuda. Teseo foi ata Tebas e tomou a cidade, encarcerando a Creonte, e puido devolver os cadáveres ás súas familias para que lles cumprimentasen os ritos fúnebres axeitados. Levantouse unha gran pira para incinerar os corpos, excepto o de Capaneo porque a tradición esixía que, ó ser morto por un raio, debía ser enterrado separado dos demais, nunha tumba valada. Entón, Evadne, a muller de Capaneo, botouse sobre a pira común e morreu queimándose viva.

Dez anos despois, os fillos destes sete capitáns, coñecidos como os Epígonos, organizaron unha nova expedición contra Tebas para vingar a morte dos pais. Nesta ocasión alcanzaron a vitoria e conquistaron Tebas, e só morreu Exialeo, fillo de Adrasto, quizais como compensación ó destino por ser este o único que sobreviviu na primeira campaña.

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads