Peso Independente
primeira moeda do Chile independente From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O peso Independente foi a primeira moeda cuñada en Chile logo de afianzada a súa independencia, coa vitoria do Exército dos Andes na batalla de Chacabuco, e a primeira que levou os novos símbolos nacionaisrepublicanos. O seu valor facial foi dun peso ou oito reais, e cuñouse en prata entre 1817 e 1834.
Peso Independente [1] | |
---|---|
![]() |
![]() |
A/: Columna que sostén a Terra iluminada polo Sol. Enriba estandarte. Marca de ensaiador. Data.
Lendas: UNION Y FUERZA / LIBERTAD |
R/: Volcán en erupción. Valor facial dentro de coroa de loureiro.
Lendas: CHILE INDEPENDIENTE / SANTIAGO |
Remove ads
Historia
Antecedentes
A vitoria do Exército dos Andes o 12 de febreiro de 1817 na batalla de Chacabuco trouxo consigo o desartellamento do poder imperial español na maior parte do territorio chileno. Así as cousas, as novas autoridades, encabezadas por Bernardo O'Higgins, ordenaron diversas medidas para dotar de identidade a nova nación, entre elas a substitución da iconografía monárquica na moeda circulante —busto real no anverso e escudo de España no reverso—, polos símbolos da nova república.[2][3]
Como O'Higgins se achaba na cidade de Concepción, foi substituído de xeito interino polo coronel Hilarión de la Quintana, quen promulgou o 9 de xuño de 1817, por orde de O'Higgins,[4] un bando no que definía o deseño da nova moeda de prata dun peso.[5][6] Como non se fixo mención ningunha ao peso, á lei nin aos valores faciais das moedas, supúxose que se seguiría a utilizar o sistema monetario colonial español, coas mesmas características métricas aprobadas polas antigas ordenanzas reais.[3] Neste sistema, de carácter bimetálico, as moedas de ouro seguiron a denominarse escudos, e as moedas de prata reais.[2]
Deseño

O bando de Hilarión de la Quintana dispuxo que a moeda de prata levase no seu anverso o escudo nacional chileno, a inscrición LIBERTAD, UNIÓN Y FUERZA, e o ano de cuñaxe.[7] O escudo consistía no símbolo da columna, relacionado co concepto da árbore da Liberdade presente na guerra de Independencia dos Estados Unidos e na Revolución Francesa, e que representaba a liberdade e a súa permanencia.[8] A columna estaba coroada cun globo terráqueo iluminado pola luz dunha estrela, o que representaba un elemento de progreso e desenvolvemento, en contraposición coa escuridade da época colonial.[9] Estes símbolos xa se achaban no primeiro escudo de Chile, utilizado en 1812 polo primeiro goberno patriótico de José Miguel Carrera,[10] e que se mantivo no segundo escudo cunha maior énfase na columna da liberdade.[8] A inscrición no anverso da moeda estaba en concordancia coas ideas independentistas e alude á nova orde.[7] Nesta cara da peza amósanse tamén as iniciais do ensaiador.[11]
O deseño do reverso da moeda, por clara influencia de O'Higgins, inclúe un volcán en erupción como representación da enerxía da nova nación,[10] e o valor facial UN PESO entre unha coroa de follas de loureiro.[7] Esta grilanda, cunha presenza constante na numismática chilena, representa o triunfo ou a fama, polo verdor perpetuo das súas follas, que implicaba unha vitoria imperecedoira.[12] Un elemento central da moeda é a inscrición CHILE INDEPENDIENTE, situada na parte superior, e que reforza a idea da soberanía con respecto ao antigo poder imperial.[7] No exergo, baixo o volcán, aparece a palabra SANTIAGO a modo de marca de ceca da Casa da Moeda de Santiago de Chile.[3]
Todos os símbolos da moeda representan o desexo do Goberno de O'Higgins de establecer un repertorio alegórico republicano, cuxo obxectivo respondía á idea, con orixe na Ilustración europea, dun Estado que debía educar os seus habitantes para adoptaren a nova orde e deixaren atrás os séculos de dominación monárquica.[13] O mesmo deseño utilizouse para as moedas de prata de ½, 1 e 2 reais.[14]
Produción e circulación

A Casa de Moeda de Santiago —cuxa sede estaba no Palacio de La Moneda— continuou como o lugar de cuñaxe da nova moeda chlena, coa mesma tecnoloxía que durante o período colonial, aínda que con varios cambios entre o seu persoal.[3] O anterior gravador maior, Ignacio Fernández Arrabal, fuxiu cara a Lima logo do triunfo das tropas patriotas,[3] o que xerou problemas para a cuñaxe de moedas de ouro coa nova simboloxía independentista,[15] motivo polo que seguiu vixente ata 1818 a efixie do rei Fernando VIII.[16] Pola mesma razón, as moedas de prata dun cuarto de real (ou cuartillos) continuaron cuñándose cos emblemas de Castela e de León.[17]
Parte das primeiras moedas cuñadas en 1817 foron entregadas por O'Higgins a José de San Martín, xeneral do Exército dos Andes, a modo de medallas conmemorativas e premio para os que se distinguiron no campo de batalla. Como estas primeiras cuñaxes non contaban coas iniciais dos ensaiadores, polo que non se podía garantir a autenticidade do metal, o autor Donato Torechio, no seu libro Hechos de Chile, sostén que non se poden considerar como moedas propiamente ditas.[4]
En 1819, a fragata Carmen converteuse no primeiro barco chileno en partir con destino transoceánico, cando partiu desde Valparaíso cara a Calcuta, na India Británica, o 9 de novembro.[18] Levaba consigo diversos produtos, entre eles moedas do peso Independente.[4] Durante a súa estadía nas illas Sandwich a tripulación adquiriu víveres frescos, pagados en parte con estas moedas.[18] Ao chegaren a Singapur, o gobernador británico da illa solicitoulle en préstamo ao capitán da Carmen 6.000 pesos para o pagamento da súa tropa, polo que por segunda vez se deixaron moedas do peso Independente.[4][18]
A partir de 1820, o deseño da estrela situada por riba da columna cambiou de seis puntas a cinco, e ao ano seguinte cambiouse o mapa que reflectía o globo terráqueo por un mundo cunha franxa ecuatorial.[19] Tamén se modificou lixeiramente a forma e a disposición do volcán.[5]
Substitución
A moeda dun peso Independente comezou a ser falsificada ao pouco de entrar en circulación. Por outra banda, as súas características non causaban unha boa impresión na opinión pública, polo que o superintendente da Casa da Moeda de Santiago, José Santiago Portales, comezou unha campaña para deseñar unha nova moeda.[20] O peso Independente foi substituída polo real de oito coñecido como "cóndor rompendo cadeas",[21] cando o 24 de outubro de 1834, baixo o Goberno de José Joaquín Prieto, se promulgou unha lei que modificou o deseño da moeda circulante chilena.[22]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads