República
goberno que non ten un monarca ou calquera outra forma hereditaria de xefatura From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Unha república[1] (do latín: res publica = cousa pública) é unha forma de goberno no que o poder reside no pobo,[2] e o goberno está gobernado por líderes electos en sufraxio universal por un tempo determinado conforme á lei, no canto de ser herdado ou nomeado (por exemplo, mediante a herdanza ou mandato divino). Nos tempos modernos a definición de república tamén se limita normalmente a un goberno que non ten un monarca ou calquera outra forma hereditaria de xefatura.[2][3] A miúdo, as monarquías e as repúblicas descríbense como conceptos mutuamente exclusivos. Neste sentido as monarquías constitucionais, aínda que con sistemas electorais democráticos non son repúblicas, dado que o máximo soberano executivo, aínda que con poderes limitados ou soamente cerimoniais, non é elixido democraticamente polo pobo. Ás veces as ditaduras fanse chamar "repúblicas" só para designar que o poder non recae sobre un monarca. Na actualidade, 135 estados dos 206 estados soberanos do mundo utilizan a palabra "república" como parte dos seus nomes oficiais.

As repúblicas caracterízanse principalmente polos seguintes principios:
Soberanía popular, todo o poder emana do pobo, que elixe os seus representantes. Igualdade ante a lei, todos os cidadáns son iguais e teñen os mesmos dereitos. Representación, os gobernantes son escollidos mediante eleccións . División de poderes (executivo, lexislativo e xudicial) que actúan de forma independente. Mandatos temporais, o poder non é vitalicio, o que garante a alternancia no goberno. O ben común, as políticas públicas deben beneficiar a toda a cidadanía no seu conxunto.
Dúas son as diferenzas entre república e monarquía:
- Mudanza periódica da xefatura do estado, a través da escolla popular na república, que se contrapón á Monarquía na que o exercicio da xefatura é por tempo indeterminado (ata o falecemento do xefe de Estado ou ata que renuncie).
- Escolla directa do xefe de Estado, xa que na monarquía o rei herda a xefatura por liña sucesoria ou por elección pontificia (no caso do Vaticano).
O sistema de goberno nunha república pode ser:
- Parlamentarismo, cando a xefatura do goberno é exercida por un primeiro ministro. Así, o xefe de Estado ten, moitas das veces, só unha función cerimonial, a de disolver o Parlamento e convocar novas eleccións lexislativas cando hai crises.
- Presidencialismo, cando o presidente da república acumula tamén as funcións de xefe de goberno, é dicir, sanciona leis e nomea os demais ministros.
A orixe da República está na Roma clásica, cando xurdiron institucións como o Senado. Niccolò Machiavelli describiu o goberno e os fundamentos da república ideal na súa obra Discorsi sopra la prima deca di Tito Livio (Discursos sobre a primeira década de Tito Livio) (1512-17). Estes escritos, así como os dos seus contemporáneos, como Leonardo Bruni, constitúen a base da ideoloxía que, na ciencia política, denominase republicanismo.[4][5] O concepto de república non está exento de ambigüidades, xa que ás veces confúndese coa democracia, outras co liberalismo e ás veces tómase simplemente no seu sentido etimolóxico de "ben común". Hoxe en día, o termo república refírese xeralmente a un sistema de goberno cuxo poder emana do pobo, en lugar de doutra fonte, como a herdanza ou o dereito divino. Noutras palabras, é o nome do réxime que se opón á monarquía. Pasou a ser máis difundida a partir do século XVIII, despois da independencia dos Estados Unidos, que adoptaron a forma republicana de goberno, modelo seguido despois polas novas nacións xurdidas, no século XIX, da independencia da América española (México, a Arxentina, o Perú etc). En Europa, a difusión do modelo republicano iniciouse coa Revolución Francesa en 1789, en oposición ao absolutismo monárquico da maioría dos países da época. Como exemplo de países europeos que substituíran a monarquía pola república, temos Francia, Portugal, Italia, Austria, Polonia... No século XX, a maioría das antigas colonias europeas que se tornaron países independentes en Asia, África e América adoptaron a república, converténdoa a forma de goberno máis común actualmente.
España tamén tentou adoptar a república, a primeira vez foi en 1873, a segunda e última, na década de 1930. Pero os moitos conflitos ideolóxicos entre os propios partidarios da mesma, tamén cos anarquistas, e entre republicanos, anarquistas e monarquistas, deron como resultado a guerra civil española. (ver texto específico). O saldo do conflito foi o mantemento da monarquía como forma de goberno en España.
Remove ads
Etimoloxía

O termo provén da tradución latina da palabra grega "politeia". Cicerón, entre outros escritores latinos, traduciu «politeia» ao latín como "res publica", e á súa vez foi traducido polos eruditos do Renacemento como "república" (ou termos similares en varias linguas europeas).[6][7] O termo pode traducirse literalmente como «asunto público».[8] Foi utilizado polos escritores romanos para referirse ao Estado e ao goberno, mesmo durante o período do Imperio romano.[9]
O termo "politeia" pode traducirse como forma de goberno, política ou réxime, e non implica necesariamente ningún tipo específico de réxime, como ás veces o fai a palabra moderna "república". Unha das principais obras de Platón sobre filosofía política, coñecida normalmente en galego como "A República", titulábase "Politeia". Con todo, á parte do título, adóitanse utilizar traducións modernas.[10] Aparentemente, Aristóteles foi o primeiro escritor clásico en afirmar que o termo *politeia* pode empregarse para referirse máis especificamente a un tipo de "politeia", afirmando no Libro III da súa "Política": «Cando os cidadáns en xeral gobernan para o ben público, chámanlle co nome común a todos os gobernos ("o koinon onoma pasōn tōn politeiōn"), goberno ("politeia")».[11] En obras latinas posteriores, o termo "república" tamén pode empregarse de forma xeral para referirse a calquera réxime ou para referirse especificamente a gobernos que traballan para o ben público.[12]
No norte da Italia medieval, varias cidades-estado tiñan gobernos baseados en comunas ou señoríos. A finais da Idade Media, escritores como Giovanni Villani describiron estes estados utilizando termos como "libertas populi" (pobo libre) para describir os seus réximes. A terminoloxía cambiou no século XV, cando o renovado interese polos escritos da Antiga Roma levou aos escritores a preferir a terminoloxía clásica. Para describir os estados non monárquicos, os escritores quatrocentistas (sobre todo Leonardo Bruni) adoptaron a expresión latina res publica.[13]
Aínda que Bruni e Maquiavelo utilizaron o termo para describir os estados do norte de Italia, que non eran monarquías, o termo «res publica» ten unha serie de significados interrelacionados no latín orixinal. Nos séculos posteriores, a palabra inglesa "commonwealth" pasou a utilizarse como tradución de «res publica», e o seu uso en inglés era comparable ao que os romanos daban ao termo «res publica».[5] Cabe destacar que, durante O Protectorado de Oliver Cromwell, a palabra "commonwealth" era o termo máis común para referirse ao novo Estado sen monarca, pero tamén se utilizaba habitualmente a palabra "república".[14]
Remove ads
Evolución histórica
Na antigüidade
Na antigüidade, as repúblicas non se entendían como entende o concepto a ciencia política. Aínda que república significase "a cousa pública", non todos podían participar nesa "cousa". A democracia ateniense non o era no mesmo senso nin forma que se entende actualmente. As polis gregas estaban gobernadas pola aristocracia (aristoi, "os mellores") e só os cidadáns participaban nas discusións da ágora.
Entre os textos antigos que sobreviviron á Idade Media está A República, de Platón. A pesar dos elevados ideais da obra, cando Platón puxo en práctica as súas ideas políticas na polis de Siracusa o resultado foi un completo fracaso.
Tamén Cicerón intentou algo parecido en tempos de Roma e tampouco logrou reforzar o goberno da República Romana, senón que ao seu pesar só logrou un preludio do que logo foi a Roma imperial.
Repúblicas clásicas


Hai varios estados da Antigüidade clásica que, segundo os parámetros actuais, podemos considerar repúblicas, como é o caso das cidades-estado da Grecia antiga, como Atenas e Esparta,[15] así como a propia República Romana. Non obstante, a estrutura e o modo de goberno destes estados eran considerablemente diferentes dos que atoparíamos moito máis tarde, na Idade Moderna.[16] Mesmo existe unha controversia entre os estudosos sobre o tema sobre se existe ou non un "continuum" histórico entre as repúblicas clásica, medieval e moderna.[17] Por unha banda, o historiador J. G. A. Pocock, que desempeñou un papel central neste debate,[17] argumenta que existe unha tradición republicana propia que se estende dende o mundo clásico ata a actualidade.[4] Paul A. Rahe, pola contra, argumenta que as repúblicas clásicas tiñan unha forma de goberno con pouca semellanza coa de calquera república moderna.[15]
Co tempo, as repúblicas clásicas foron conquistadas por imperios ou convertéronse en imperios. A maioría das repúblicas gregas foron anexionadas ao Imperio Macedonio de Alexandre o Grande. A República Romana expandiuse, anexionando sucesivamente outros estados mediterráneos, algúns dos cales eran repúblicas, como Cartago. A propia República Romana acabou converténdose no Imperio Romano.[Cómpre referencia]
En calquera caso, semella innegable que a filosofía política das repúblicas clásicas tivo unha influencia central no pensamento republicano ao longo dos séculos seguintes. Varios escritores clásicos trataron formas de goberno alternativas á monarquía en obras que filósofos e políticos posteriores, como Maquiavelo, Montesquieu, Adams e Madison, chegaron a considerar como coñecementos fundamentais sobre a natureza das repúblicas.[Cómpre referencia] Na súa obra escrita en 1517, Discursos sobre a primeira década de Tito Livio , Maquiavelo desenvolveu unha teoría que buscaba apoiar a existencia de ciclos de goberno que, unha vez superados, formaban a República:
Na súa obra de 1517, "Discursos sobre a primeira década de Tito Livio", Maquiavelo desenvolveu unha teoría que buscaba apoiar a existencia de ciclos de goberno que, unha vez superados, formaban a República:
O pobo, incapaz de soportar por máis tempo os abusos da oligarquía, pero lembrando ao mesmo tempo os males da tiranía, destituíu os oligarcas e decidiu gobernarse a si mesmo, dando lugar a un goberno popular ou democrático. Non obstante, cando o propio pobo se converteu en gobernante, sufriu un proceso de dexeneración e cada un comezou a usar o seu status de participante no goberno para o seu propio beneficio persoal. E isto creou a anarquía, volvendo á etapa inicial e comezando de novo o ciclo que xa se cumpriu moitas veces na vida de todos os pobos. A única maneira de evitar a dexeneración, rompendo o ciclo, sería combinar monarquía, aristocracia e democracia nun só goberno.[18]
Outras repúblicas antigas
As repúblicas premodernas considéranse xeralmente fenómenos exclusivamente europeos, aínda que houbo estados noutras partes do mundo con formas de goberno similares.[17] No antigo Oriente Próximo, varias cidades do Mediterráneo oriental lograron un goberno colectivo. As cidades-estado republicanas floreceron en Fenicia, ao longo da costa levantina, a partir do século XI a. C. Na antiga Fenicia, o concepto de sufete era moi similar ao de cónsul romano. Baixo o dominio persa (539-332 a. C.), as cidades-estado fenicias, como Tiro, aboliron o sistema monárquico e adoptaron "un sistema de sufetes (xuíces), que permanecían no poder durante mandatos curtos de seis anos".[19][20] Algúns exemplos disto son algunhas cidades do antigo Próximo Oriente. Arwad, na actual Siria, foi citada como un exemplo temperán de república, na que era o pobo o que se describía como soberano en lugar do monarca.[21] A Confederación Israelí, da era anterior ao Reino de Israel, tamén foi considerada unha especie de república.[17][22] O sistema de goberno do pobo igbo no que hoxe é Nixeria foi descrito como unha "democracia directa e participativa".[23] Na súa primeira obra, Maquiavelo dividiu os gobernos en tres tipos: monarquía, aristocracia e democracia. Pero dado que, segundo o propio Maquiavelo, é difícil distinguir entre unha aristocracia gobernada por unha determinada elite e unha democracia gobernada por un consello nomeado polo pobo, cando comezou a traballar en O príncipe, Maquiavelo xa elixira usar a palabra república para referirse tanto ás aristocracias como ás democracias.[22]
Subcontinente indio

Outra zona do mundo onde se prestou atención ao fenómeno das repúblicas antigas é a India. As primeiras institucións republicanas proveñen dos gaṇasaṅghas independentes —gaṇa significa "tribo" e saṅgha significa "asemblea"— que poden existir xa no século VI a. C. e persistiron nalgunhas zonas até o século IV d. C. na India. Con todo, as probas diso son escasas e non existe ningunha fonte histórica pura para ese período. Diodoro, un historiador grego que escribiu dous séculos despois da invasión da India (actualmente Paquistán e o noroeste da India) por Alexandre o Grande, menciona, sen ofrecer máis detalles, que na India existían estados independentes e democráticos.[24] Os estudosos modernos sinalan que a palabra democracia no século III a. C. e posteriormente sufriu unha degradación e podía referirse a calquera estado autónomo, independentemente do seu carácter aristocrático.[25][26]
As características clave da gaṇa parecen incluír un gaṇa mukhya (xefe) e unha asemblea deliberativa. A asemblea reuníase regularmente. Nela discutíanse todas as decisións estatais importantes. Polo menos nalgúns estados, a asistencia estaba aberta a todos os homes libres. Este organismo tamén tiña plena autoridade financeira, administrativa e xudicial. Outros oficiais, que raramente reciben mención, obedecían as decisións da asemblea. Elixido pola gaṇa, o xefe aparentemente sempre pertencía a unha familia da clase nobre de Kshatriya Varna. O xefe coordinaba as súas actividades coa asemblea; nalgúns estados, facíao cun consello doutros nobres.[27] Os licchavis tiñan un órgano de goberno principal de 7.077 gaṇa mukhyas , os xefes das familias máis importantes. Por outra banda, os shakyas, koliyas, mallakas e licchavis,[Cómpre clarificar] durante o período arredor de Gautama Buda, tiñan a asemblea aberta a todos os homes, ricos e pobres.[28] As primeiras repúblicas ou gaṇasaṅgha,[29] como as Mallakas, centradas na cidade de Kusinagara, e a Liga Vajjika (ou Vṛjika), centrada na cidade de Vaishali, existiron xa no século VI a. C. e persistiron nalgunhas zonas ata o século IV d. C.[30] O clan máis famoso entre os clans confederados gobernantes do Vajji Mahajanapada foron os licchavis.[31] O Imperio de Magadha incluía comunidades republicanas como a comunidade de Rajakumara. As aldeas tiñan as súas propias asembleas baixo os seus xefes locais chamados gramakas. As súas administracións dividíanse en funcións executiva, xudicial e militar.
A principios do século XX, varios estudosos indios, especialmente K.P. Jayaswal, comezaron a argumentar que varios estados da antiga India tiñan formas de goberno republicanas.[32] aínda que discrepan sobre a mellor forma de describir estes gobernos, e o carácter vago e esporádico das probas permite que existan grandes desacordos. Algúns salientan o papel central das asembleas e, por tanto, promociónanas como democracias; outros estudosos céntranse no dominio da clase alta no liderado e o posible control da asemblea, e ven unha aristocracia.[33][34] A pesar do evidente poder da asemblea, aínda non se determinou se a súa composición e participación eran verdadeiramente populares. Dado que non existen constitucións nin obras de filosofía política deste período que sobreviviran ata os nosos días, as formas de goberno deben deducirse, na maioría dos casos, a partir dos testemuños de textos relixiosos. Estes textos afirman que certos estados eran gana sangha, é dicir, baseados en consellos, en oposición aos gobernos monárquicos. Isto reflíctese no "Arthashastra", un antigo manual para monarcas sobre como gobernar de maneira eficiente. Contén un capítulo sobre como lidar coa saṅghas, que inclúe prohibicións sobre a manipulación dos líderes nobres, pero non menciona como influír na masa dos cidadáns, o que indica que os gaṇa saṅgha son máis unha república aristocrática que unha democracia.[35]
Outra fonte que testemuña esta forma de goberno son os relatos gregos da India, durante o período de contacto que seguiu ás conquistas de Alexandre. Escritores gregos como Megástenes e Arriano escribiron que varios estados indios tiñan gobernos republicanos similares aos de Grecia.[36] A partir do 700 a. C., aproximadamente, as repúblicas fóronse desenvolvendo nunha franxa que ía desde o Val do Indo, ao noroeste, até a chaira do Ganxes, ao nordés. Tratábase principalmente de Estados pequenos, aínda que parece que se formaron algunhas confederacións de repúblicas que abarcaban vastas zonas, como Vajji, ao redor do 600 a. C., que tiña Vaixali como capital.[37]
Do mesmo xeito que en Grecia, a era republicana chegou ao seu fin no século IV a. C. co auxe dun imperio monárquico (o Imperio Mauria) que conquistou a maior parte do subcontinente, o que puxo fin á autonomía das repúblicas. Algunhas permaneceron como repúblicas baixo a soberanía Mauria ou volveron a un sistema republicano despois da caída do imperio. Madra, por exemplo, sobreviviu como república ata o século IV d. C. Non obstante, o fin das repúblicas na India chegou co auxe da dinastía Gupta e a difusión da filosofía do dereito divino dos reis que estaba asociada a ela.
A mancomunidade islandesa
A mancomunidade islandesa foi fundada no ano 930 d. C. por refuxiados de Noruega que fuxiran da unificación dese país baixo o rei Haroldo I de Noruega. A mancomunidade estaba formada por varios clans gobernados por xefes tribais, e o Alþingi era unha combinación de parlamento e tribunal supremo onde se resolvían as disputas apeladas desde os tribunais inferiores, decidíanse as leis e tomábanse as decisións de importancia nacional. Un exemplo diso foi a cristianización de Islandia no ano 1000, cando o Alþingi decretou que todos os islandeses debían ser bautizados no cristianismo e prohibiu a celebración de rituais pagáns. A diferenza da maioría dos Estados, a mancomunidade Islandesa non tiña un líder oficial.
A principios do século XIII, durante a era dos Sturlungs, a mancomunidade comezou a sufrir longos conflitos entre clans enfrontados. Isto, xunto coa presión do rei noruegués Haakon IV para que os islandeses se reincorporasen á "familia" norueguesa, levou aos xefes islandeses a aceptar a Haakon IV como rei mediante a firma do Gamli sáttmáli ("Antigo Pacto") en 1262. Isto supuxo o fin efectivo da mancomunidade. Con todo, o Alþingi segue sendo o parlamento de Islandia, case 800 anos despois.[38]
Repúblicas mercantis

As repúblicas reapareceron en Europa a finais da Idade Media, cando varios estados pequenos adoptaron sistemas de goberno republicanos. Estes eran xeralmente estados comerciais pequenos pero ricos, como as repúblicas marítimas do Mediterráneo e a Liga Hanseática, na que a clase mercantil adquiriu prominencia social e política. O historiador danés Knud Haakonssen sinala que no Renacemento, Europa estaba dividida, sendo monarquías os estados controlados por unha elite terratenente e repúblicas os controlados por unha elite comercial.[5]
Durante o Renacemento fomentouse a revisión do mundo antigo, non só da súa arte, senón tamén da súa cultura, do seu pensamento político e da súa literatura e a maioría dos escritos que lograron sobrevivir foron traducidos. Entres estes estaban os que facían referencia ás repúblicas da antigüidade que foron rebautizadas como Repúblicas clásicas.
Italia era a zona máis densamente poblada de Europa nesa época e co goberno central máis feble, polo que se desenvolveron moitas cidades-estado e se creou unha ideoloxía republicana. As dúas máis poderosas eran a República de Venecia e a súa rival a República de Xénova[39] Cada unha delas era un gran porto comercial, e expandíronse aínda máis utilizando o poder naval para controlar gran parte do Mediterráneo. Foi en Italia onde se desenvolveu por primeira vez unha ideoloxía que avogaba polas repúblicas. Escritores como Bartolomeu de Lucca, Brunetto Latini, Marsilio de Padua e Leonardo Bruni consideraban que as cidades-estado medievais eran as herdeiras do legado de Grecia e Roma.
En toda Europa desenvolveuse unha rica clase mercantil nas importantes cidades comerciais. A pesar da súa riqueza, tiñan pouco poder no sistema feudal dominado polos propietarios rurais, e en toda Europa comezaron a defender os seus propios privilexios e poderes. Os estados máis centralizados, como Francia e Inglaterra, concederon cartas municipais limitadas.

A filosofía renacentista viu na república unha especie de Estado ideal e os Estados que xurdiron nese período como os Países Baixos adoptaron esta forma de organización política. Non obstante, máis que os ideais republicanos, pesou na súa decisión o seu sentimento anticatólico e por iso autodenomináronse República Protestante dos Países Baixos e o feito de non encontraren ningún candidato convincente como monarca.
En Europa Central foi a república aristocrática federal formada en 1569 polo Reino de Polonia e o Gran Ducado de Lituania, a República das Dúas Nacións, que durou ata as particións de Polonia en 1795.
Republicanismo ilustrado
A Ilustración trouxo con ela unha nova xeración de políticos e filósofos ilustrados que reformulou os principios da ciencia política que estiveran vixentes ata o momento. Locke, por exemplo, propuxo a división de poderes e a Separación Igexa-Estado cando o Absolutismo aínda era a situación habitual. Estas formulación políticas foron as que se establecerían despois nas constitucións promulgadas trala Revolución francesa e a guerra de Independencia dos Estados Unidos de América. De feito, a Ilustración definiu o modelo do que sería unha república e das monarquías constitucionais que comezaron a consolidarse no século XIX.
Os principios máis importantes establecidos pola Ilustración foron:
- A autoridade da lei.
- A esixencia de que os gobernos se interesen polos cidadáns aos que afecta esa lei.
- A necesidade de que os gobernos establezan o interese nacional, de tal xeito que fosen comprensibles polo pobo en xeral.
- Que existise algún modo de autodeterminación, no sentido de consulta popular (referendos, eleccións etc.).
Dende o final do absolutismo, tanto o liberalismo (repúblicas con sistemas económicos librecambistas), como o socialismo (repúblicas con sistemas económicos planificados), así como as monarquías constitucionais baseáronse nos ideais republicanos aparecidos durante a Ilustración e desenvolvidos nas repúblicas dos Estados Unidos e Francia. Estes ideais son a crenza na autodeterminación dos pobos e a dignidade individual humana.
República de partido único
Karl Marx argumentou que as clases sociais tiñan tenían intereses e que os gobernos existentes representaban os intereses da clase dominante, polo que nalgún momento estes gobernos serían derrocados polas clases proletarias.
Cando no século XX apareceron as novas Repúblicas Socialistas, estas proclamáronse como as herdeiras máis directas dos ideais da Ilustración. Porén, tiveron que enfrontarse a un grave problema: a maior parte do proletariado carecía do interese ou da experiencia de goberno necesaria para que os ideais republicanos socialistas se pudiesen pór en marcha. Por iso, as estruturas de goberno socialistas acabaron sendo na práctica moi piramidais.
República islámica
Algúns estudosos occidentais non consideran as repúblicas islámicas como auténticas repúblicas, pois os seus ideais están fundamentados no Corán e non nos ideais da Ilustración. Tampouco teñen ningunha outra ligazón coa tradición occidental do republicanismo que pode remontarse ata a antiga Roma.
Estas repúblicas islámicas xurdiron nas zonas de dominio do islam, tralas descolonizacións da segunda metade do século XX.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads