Valga
concello da comarca de Caldas, na provincia de Pontevedra From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Valga (/ˈbalɣa̝/) é un concello da provincia de Pontevedra, situado na beira esquerda do curso baixo do río Ulla. Pertence á comarca de Caldas e linda cos concellos de Dodro, Pontecesures e Padrón polo norte, co de Cuntis e o da Estrada polo leste, cos de Catoira e Caldas de Reis polo sur, e de novo co de Dodro polo noroeste. Segundo o IGE a súa poboación no ano 2014 era de 6.050 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valgués, valguesa».
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Valga.
Remove ads
Poboación

Localización
Valga atópase na beira esquerda do curso baixo do río Ulla; está cruzado pola autoestrada AP-9, o camiño de ferro da Coruña a Vigo, a N-550 da Coruña a Pontevedra e a C-550 de Fisterra a Tui.
A parte norte ocúpaa o amplo val do Ulla, ao que verten os ríos Louro e Valga, que transcorren paralelos parte do seu percorrido. Nos lindes do suroeste atópanse o monte Fontebecha (372 m), O Mecho (365 m) e o Outeiro da Marquesa (356 m). Cara ao sueste está a ladeira do monte Xesteiras (que chega aos 716 m entre Cuntis e A Estrada). Nesta zona máis interior do concello sobresaen o Monte Gorgullón (283 m), o Monte Ouroso (354 m), o Outeiro da Carballeira (350 m), o Outeiro dos Lobos (402 m), o Alto dos Salgueiros (372 m), o Monte da Lagoa (397 m) e o Monte Lomba (371 m). As vías de comunicación circulan en dirección norte-sur na depresión entre as unidades montañosas de Fontebecha e de Xesteiras.
As temperaturas son suaves, cunha media de 13 °C. Chove bastante, até chegar aos 1.700 mm anuais.
Remove ads
Historia
Durante a idade Media o territorio era señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e dividíase entre Cordeiro e Padrón.
O 27 de abril de 1809, durante a Guerra de Independencia española tivo lugar a Batalla de Casal do Eirigo. Nela os voluntarios do lugar, dirixidos por Pablo Morillo e polo presbítero Felipe Concha fixeron retroceder até Pontecesures as tropas de Ney e Maucunne. Parece que con tal ocasión foi construída a ermida de Nosa Señora da Saúde.
O concello xurdiu da división municipal de 1821, levando o nome de Cordeiro até 1836. En 1925 segregouse a parroquia de San Xulián de Requeixo, dando lugar ao actual concello de Pontecesures.
Patrimonio

O petróglifo dos Penoucos de Campo Redondo, na parroquia de Valga, data da Idade de Bronce, e está declarado Ben de Interese Cultural. Da cultura castrexa son os poboados do Castro e a Roda do Castro (Setecoros) e O Castro (Cordeiro).
A capela dos Martores data do século V, sendo ampliada no XVII. A igrexa de Santa María de Xanza e a de Santa Cristina de Campaña son románicas. A igrexa vella de Santa Comba de Louro foi derrubada no século XVIII.
Dada a orografía do territorio, abundan os miradoiros, como o de Chan do Monte en Setecoros, o de Campo Redondo e o miradoiro do monte Xesteiras.
Valga celebra o 31 de agosto a Festa da anguía e a Mostra da Caña do País.

Remove ads
Símbolos
En 2017, o pleno do concello aprobou un novo escudo municipal, deseñado polo historiador Eduardo Pardo de Guevara, vicepresidente da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
O escudo anterior databa de 1816 e representaba un año pendurado dunha corda sobre unha ponte. O motivo do año e a corda procede da insignia da Orde do Vélaro de Ouro, se ben o símbolo desta e o animal que aparece na lenda orixinal é un carneiro adulto. A razón pola que se recorreu a esta imaxe parece deberse ao nome da parroquia de Cordeiro —Cordario no século XI[1], derivado do latín vulgar cordarium—, posiblemente alusivo á existencia dunha antiga cordoaría na zona, que evolucionou ata coincidir co nome da cría da ovella. A ponte fai referencia ao lugar de Ponte Valga, sede da casa do concello.
O brasonamento do novo escudo é o seguinte:
De azur e sobre ondas de prata e azur, a ponte de ouro, surmontado do año alterado de prata e de dúas cordas de ouro, cos seus extremos ou cabos soltos e dispostas nos flancos. Ao timbre, a coroa real pechada.[2]
Nas novas armas corríxese a anomalía que supuña o uso da simboloxía do Vélaro de Ouro sen ter o concello relación ningunha coa Orde. Ademais, a representación actual do año, vivo e ceibo, resulta menos agresiva cá imaxe do seu coiro atado e colgante.[3]
Tamén no 2017 adoptouse un himno municipal[4], composto polo músico valgués Manu Conde, membro do grupo Milladoiro, con letra anónima, segundo o concello. Un veciño afirmou que a letra do himno se basea nunha composición poética súa que el mesmo dera a coñecer ao concello. Segundo este veciño, a letra fora despois sometida a modificacións que el nunca autorizou, polo que se desvinculou do proxecto. Con todo, denunciou que a letra final foi desenvolvida a partir do seu texto, co que mantén unha gran semellanza, sen recoñecemento á súa autoría orixinal.[5]
Remove ads
Valga na literatura popular
Rosalía de Castro escribiu o seguinte:
- Vexo Valga á beira hermosa/ dun camiño todo prata,/ casta virxe candorosa,/ sentadiña en chan de rosa,/ vestidiña de escalrata.
- Cantigueiro
- Véxote no Milladoiro,/ no Faramelo, en Padrón,/ e astra pola Ponte Valga/ te vexo no corazón [6].
Asociacións culturais e deportivas
O concello de Valga conta con diferentes asociacións culturais, como a Banda de Música Municipal de Valga, a Escola de Música Municipal de Valga[7], a Escola Municipal de Teatro e a Asociación Cultural e Xuvenil A Eira[8], entre outras moitas.
O Furia Athlétic Club é un equipo de fútbol localizado na parroquia de Santa Cristina de Campaña.[9]
Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Valga.
- Igrexa de Santa María de Xanza.
- Placa altimétrica.
Parroquias
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Valga | |
---|---|
Campaña (Santa Cristina) | Cordeiro (Santa Comba) | Setecoros (San Salvador) | Valga (San Miguel) | Xanza (Santa María) |
Lugares de Valga
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Valga vexa: Lugares de Valga.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads