Yosyf Slipyi
Arcebispo Maior de Lviv From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Yosyf Slipyi[1] (en ucraíno: Йосиф Сліпий), de nome secular Yosyf Kobernytskyi-Dychkovskyi (en ucraíno: Йосиф Коберницький-Дичковський), nado en Zazdrist (Galicia [Imperio Austrohúngaro]) o 17 de febreiro de 1892 e finado en Roma o 7 de setembro de 1984, foi un bispo católico ucraíno, arcebispo maior de Lviv e cardeal da Igrexa católica. Preso do réxime soviético dende 1945, foi finalmente liberado en 1963, grazas ás presións do Vaticano e dos Estados Unidos para participar no Concilio Vaticano II.
Remove ads
Traxectoria
Primeiros anos e presbiterado
Naceu nunha familia acomodada e profundamente cristiá o 17 de febreiro de 1892 en Zazdrist,[2][3] Galicia (hoxe rexión de Ternopil, Ucraína), entón parte da chamada Cisleitania do Imperio Austrohúngaro. Estudou inicialmente en Ternopil, e en 1911 entrou no seminario greco-católico de Lviv, pasando posteriormente ao Collegium Canisianum de Innsbruck (Austria), onde se doutorou en 1916 cunha tese co título "Die Auffassung des ewigen Lebens nach dem heiligen Evangelisten Johannes" (O concepto da vida eterna en san Xoán Evanxelista).[4]

O 30 de setembro de 1917 foi ordenado sacerdote[3] en Lviv polo metropolita Andrei Sheptytskyi, e volveu a Innsbruck, onde publicou en 1920 o seu ensaio "Die Trinitätslehre des byzantinischen Patriarchen Photios" (A doutrina sobre a Santa Trindade do patriarca bizantino Focio).[4][5] Posteriormente, o metropolita enviouno a Roma, entre 1920 e 1922, para estudar no Pontificio Instituto Oriental e na Pontificia Universidade Gregoriana.[6]
Á súa volta a Lviv, entón parte da Segunda República de Polonia, foi profesor no seminario, e fundou a revista trimestral "Богословія" (Teoloxía). Pasou a ser o reitor do seminario en 1926, e en 1929 reitor da Academia Teolóxica de Lviv fundada polo metropolita.[7] Baixo a súa dirección, a Academia medrou en alumnos e influencia no ámbito teolóxico.
Episcopado
En setembro de 1939 comezou a segunda guerra mundial, e soviéticos e nazis repartíronse os territorios da República de Polonia, quedando os territorios da Ucraína Occidental incorporados a RSS de Ucraína.
O 22 de decembro de 1939,[3][8] coa beizón do papa Pío XII, Slipyi foi consagrado arcebispo de Lviv con dereito de sucesión polo metropolita Andrei Sheptytskyi,[9] afectado de parálise logo dos anos en prisión baixo o réxime tsarista. A consagración foi realizada en segredo, por mor da presenza soviética e da situación política.[10][11]
Ao mesmo tempo, facendo uso dos poderes que lle dera Pío X, o metropolita estabeleceu os exarcados apostólicos de Rusia, Belarús, a Grande Ucraína, e Volinia, Polesia e Podlasia; para tentar manter a unidade dos grecocatólicos da Unión Soviética con Roma ante a inminente persecución; e Yosyf Slipyi foi nomeado exarca da grande Ucraína.[12][13] Os días 18 e 19 de decembro de 1940 celebrouse un sínodo cos novos exarcas en Lviv, e o 22 de novembro de 1941 Pío XII ratificou a nova organización da Igrexa católica bizantina e a ampliación da súa xurisdición a toda a URSS.[14]
Cando en 1941 os alemáns tomaron Ucraína mantiveron unha política de relativa tolerancia relixiosa, e cando os soviéticos tomaron novamente o territorio acusaron aos seus opositores de colaborar cos nazis. No eido relixioso, sufriron represión os católicos, tanto latinos como bizantinos, e os ortodoxos ucraínos que se negaban a aceptar a autoridade do patriarca de Moscova.
O 1 de novembro de 1944 finou o metropolita, e Slipyi converteuse no líder relixioso da Igrexa católica bizantina ucraína.[3]
Metropolita de Lviv
Detención e gulag
Logo da conquista de Lviv polo exército soviético, Slipyi laiábase nunha carta ao clero da cidade, con data do 23 de novembro de 1944, da vitoria do comunismo en Ucraína. Co propósito de incorporar forzosamente aos grecocatólicos á Igrexa ortodoxa rusa, convocouse un Sínodo en Lviv, e os bispos e relixiosos que non aceptaron as súas conclusións e mantiveron a unión con Roma foron detidos e deportados.
Slipyi, con 53 anos, foi detido xunto con outros bispos o 11 de abril de 1945 pola NKVD e condenado a oito anos de traballos forzados, baixo a acusación de colaborar co réxime nazi durante a ocupación alemá, algo que el negou.[15] Este foi o primeiro paso no aniquilamento previsto da Igrexa greco-católica ucraína por parte das autoridades soviéticas.[16][17][18] Sábese que estivo en 1946 en Mariinsk, en 1947 no gulag de Kirov e noutros en Siberia, no círculo polar ártico.
Dende o gulag seguiu a exercer de metropolita, nomeando bispos e administradores novos cando sabía das mortes e detencións dos xerarcas grecocatólicos.[19] En 1953 foi sentenciado a unha segunda condena en Siberia, por tempo indefinido. Foi dende Maklakovo que escribiu as cartas pastorais do Nadal de 1954 e da Coresma de 1955, polas que foi condenado por terceira vez; a condena foi agravada por unha carta de 1957 do papa Pío XII, que foi interceptada pola KGB, na que o pontífice felicitábao polo aniversario da súa ordenación sacerdotal.
Logo dun ano de interrogatorios en Kíiv, en setembro de 1958 estaba no gulag de Novosibirsk, e a comezos de 1959 na Siberia central. A finais de 1960 foi trasladado a Kíiv, para tentar que se manifestara en contra do novo papa Xoán XXIII. As autoridades ofrecéronlle ser nomeado patriarca de Moscova se crebaba a unión con Roma, rexeitando a Unión de Brest, mais Slipyi non aceptou. En lugar diso, redactou dúas cartas ás autoridades soviéticas protestando polo trato aos grecocatólicos, afirmando a súa unión coa Santa Sé, e rexeitando a Igrexa ortodoxa.
En 1961, no gulag de Mordovia, contraeu unha infección pulmonar, mais librou da morte grazas a penicilina que conseguiu o sacerdote lituano Alfonsas Svarinskas, tamén prisioneiro.[20][21] Até o ano 1963 seguiu en Mordovia. Unha das consecuencias dos continuos cambios de prisión, que tiñan como obxectivo crebar a vontade e seguridade das vítimas e evitar a unión dos prisioneiros, foi que Slipyi as aproveitou para visitar e confortar aos fieis católicos dispersos polo territorio soviético e a escribir e difundir cartas pastorais.
Liberación e exilio
Logo de intensas xestións da Santa Sé durante varios anos, Kennedy e Khrushchev chegaron a un acordo para liberar a Slipyi e expulsalo da URSS.[22] O 26 de xaneiro de 1963 o Soviet Supremo emitiu a orde de liberación, mais antes de ser liberado consagrou como bispo a Vasyl Velychkovskyi o 4 de febreiro, nomeándoo locum tenens da sé de Lviv.[23] O 9 de febreiro chegou a Roma, e foi recibido ao día seguinte por Xoán XXIII; cando viu ao papa botouse ao chan e bicoulle os pés e sinal de fidelidade.[24]
Pasou o ano atendendo aos fieis grecocatólicos de Roma, e participou no Concilio Vaticano Segundo. Comezou entón unha frenética actividade pastoral: visitou o Canisianum de Innsbruck, participou en 1964 no Congreso Eucarístico de Bombai, e antes de finalizar o ano, Slipyi fundou en Roma a Universidade Católica Ucraína, coa intención de trasladar a súa sede a Ucraína cando fora posible.
Arcebispo maior de Lviv e actividade no exilio

En 1964 fundou en Albano un mosteiro de monxes estuditas.[25] O 23 de decembro do mesmo ano, Paulo VI elevou ao metropolita ao rango de arcebispo maior de Lviv,[26] practicamente equivalente ao de patriarca.
Paulo VI creouno cardeal o 22 de febreiro de 1965, aínda que asúmese que Slipyi fora un dos cardeais in pectore creados por Xoán XXIII en 1960.[27]
En 1968 efectuou as súas primeiras visitas pastorais ás comunidades grecocatólicas ucraínas fóra de Europa. Visitou as comunidades no Canadá e nos Estados Unidos, e pasou tamén por Colombia, Venezuela, o Perú, o Brasil e a Arxentina, para viaxar finalmente a Australia e Nova Zelandia. Ao ano seguinte visitou Alemaña, e en 1970 España, Francia e Austria.
O 2 de abril de 1977 Slipyi ordenou tres bispos no mosteiro estudita de Castel Gandolfo: Liubomyr Huzar, Ivan Khoma e Stepan Chmil.[28][29][30] A consagración foi realizada en segredo por mor das sospeitas de Slipyi de que a Santa Sé estaba a evitar calquera enfrontamento coas autoridades soviéticas, e Slipyi decidiu asegurar o futuro da Igrexa ucraína coa consagración de tres bispos.[29]
Dende o seu exilio denunciou repetidamente a falta de liberdade relixiosa no seu país, especialmente no Concilio e nos Sínodos posteriores. Ante o papa, no Tribunal Sakharov e no congreso de Axuda á Igrexa Necesitada, enumerou os nomes dos fieis católicos presos. En 1980 convocou en Roma o Sínodo de Bispos ucraínos, co fin de darlle unha forma canónica estable á Igrexa católica ucraína.
Yosyf Slipyi finou o 7 de setembro de 1984, na sede da Universidade Católica Ucraína na que residía. Xoán Paulo II acudiu á sede da universidade a pregar e renderlle homenaxe.
Remove ads
Premios, distincións e homenaxes

En 1968, con ocasión da súa visita pastoral ao Canadá e aos Estados Unidos, foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade San Paulo de Ottawa,[31] pola Universidade Loyola de Chicago[32][33][34] e pola Universidade Católica de América.[34] Foi tamén distinguido como doutor honoris causa pola Universidade Libre Ucraína, con sede en Múnic.[35]
Hai estatuas del en Zazdrist (1992) e en Ternopil (2004). En 2005 inaugurouse unha placa na súa memoria en Khárkiv.
Remove ads
Obra
- Die Auffassung des ewigen Lebens nach dem heiligen Evangelisten Johannes [O concepto de vida eterna en San Xoán Evanxelista]. 1916.
- Die Trinitätslehre des byzantinischen Patriarchen Photios [A doutrina sobre a Santa Trindade do Patriarca bizantino Focio]. 1920.
- Св. Тома з Аквіну і схоластика [S. Tomé de Aquino e a escolástica]. Lviv. 1925.
- De principio spirationis in SS. Trinitate: historica-dogmatica inquisitio [O principio inspirador da Santísima Trindade: investigación histórico-dogmática]. Sumptibus "Theologicae Societatis". 1926.
- Греко-Католицька Богословська Академія і її статути [A Academia Teolóxica Greco-Católica e os seus estatutos]. Lviv. 1930.
- Віра і наука [A fe e a ciencia]. Lviv. 1935.
- Подорож до Англії [Viaxe a Inglaterra]. 1936.
- Загальна наука про св. Тайни [Estudo xeral do Santo Misterio]. Yorkton. 1953.
- Тайни хрещення і миропомазання [Os sacramentos do Bautismo e Confirmación]. 1955.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads