Zsa Zsa Gabor
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Sári Gábor, nada en Budapest o 6 de febreiro de 1917 e finada nos Ánxeles (California) o 18 de decembro de 2016, máis coñecida como Zsa Zsa Gabor (|ˌʒɑːʒɑː ˈgɑːbɔr|, en húngaro |ˈʒɒʒɒ ˈɡaːbor|), foi unha actriz húngara-estadounidense.[1] Tivo varios papeis en coñecidos filmes de Hollywood, obras de Broadway e tivo tamén un forte auxe na televisión.
Comezou a súa carreira nos escenarios de Viena e foi coroada Miss Hungría en 1936. Emigrou aos Estados Unidos en 1941 e converteuse nunha actriz cobizada polo seu «instinto e estilo europeo». O seu primeiro papel no cinema foi como actriz secundaria en Lovely to Look At. Máis tarde actuou na comedia We're Not Married! xunto a Marilyn Monroe, en Touch of Evil de Orson Welles, e realizou un dos seus poucos papeis protagonistas en Moulin Rouge (1952), dirixido por John Huston, quen a describiu como unha actriz de mérito. Ademais dos seus filmes e aparicións na televisión, foi coñecida pola súa serie de nove matrimonios, incluído co magnate hoteleiro Conrad Hilton, o actor británico George Sanders e o dominicano Porfirio Rubirosa.
Remove ads
Traxectoria
Os pais de Gabor foron Vilmos Gábor (1884-1962), militar, e Janka (Jolie) Tilleman (1896-1997),[2] xoieira e representante de artistas; a súa avoa Francesca Kende era propietaria dunha xoiaría. Zsa Zsa Gabor era a segunda de tres irmás: Magda (1915-1997), Zsa Zsa e Eva (1919-1995), quen tamén foi coñecida como actriz. Mulleres de gran beleza, as tres irmás movéronse no ambiente refinado da alta sociedade estadounidense dende que abandonaron a súa Hungría natal.[1]
Zsa Zsa Gábor apareceu en máis de trinta filmes e en populares series e shows de televisión, pero foron o seu marcado acento húngaro, o seu carácter ocurrente e os seus numerosos matrimonios, as razóns polas que se mantivo durante décadas como unha personalidade soada en Hollywood.
Miss Hungría
Do mesmo xeito que as súas irmás, Zsa Zsa foi introducida pola súa nai no mundo dos espectáculos de variedadaes; debutou no club Femina de Viena[3] e en 1936 gañou o concurso de Miss Hungría.[4] Ese mesmo ano, durante outra das súas estancias na capital austríaca, o popular tenor Richard Tauber deulle un papel (como soprano soubrette) nunha opereta.
En 1941 Zsa Zsa mudouse a Hollywood en busca dun futuro mellor, lonxe da segunda guerra mundial que azoutaba Europa. Precedeulle con éxito a súa irmá Eva, quen obtivera un papel no filme Forced Landing. A guerra tocou de preto ás irmás Gábor: os seus avós maternos morreron nun bombardeo en Budapest en 1944, mentres que a súa nai conseguiu fuxir aos Estados Unidos grazas á axuda dun amigo de Magda, que era embaixador de Portugal.
Década de 1950
O debut de Zsa Zsa no cinema non foi inmediato, senón que se produciu dez anos despois da súa chegada a América. Antes de conseguir papeis destacados na gran pantalla, fixo aparicións en programas de radio e televisión en compañía das súas irmás, Eva e Magda. As tres irmás Gabor e a súa nai fixéronse habituais nos ecos de sociedade, pois acudían xuntas a festas facendo gala da súa beleza e chispeante carácter, ao que contribuía o seu acento húngaro.
O apoxeo de Gabor no cine foi durante a década de 1950. Debutou da man do director Mervyn LeRoy en Lovely to Look At (1952), adaptación do musical de Broadway Roberta. Participou despois en filmes como We're Not Married! xunto a Ginger Rogers e Marilyn Monroe, en The Story of Three Loves de Vincente Minnelli e en 3 Ring Circus xunto a Jerry Lewis e Dean Martin. En 1953, rodou en Europa outra comedia, L'ennemi public no. 1, protagonizada polo cómico Fernandel.
O seu papel de maior entidade foi xunto a José Ferrer no filme Moulin Rouge (1952) de John Huston, biopic sobre o pintor Toulouse-Lautrec onde encarnou a cantante Jane Avril, amiga e musa do pintor. O mesmo Huston chegou a afirmar que Zsa Zsa era «como actriz, digna de crédito».[5]
Zsa Zsa sumou ao seu historial cinematográfico outros dous títulos destacados: Lili (1953), filme musical protagonizado por Leslie Caron, e o filme de Orson Welles Touch of Evil (1958), nun elenco que encabezaban Charlton Heston, Janet Leigh e Marlene Dietrich.
Tamén aceptou traballos en producións de serie B, eminentemente comerciais. Rodou o filme de ciencia ficción Queen of Outer Space (1958) en The Girl in the Kremlin (1957) relacionouse con Lex Barker, galán famoso por interpretar a Tarzán.
Desde os anos 1960
A partir dos anos sesenta o seu traballo centrouse en espectáculos e series de televisión; colaborou co humorista e presentador Bob Hope e tivo papeis de estrela convidada en múltiples series como Batman, Bonanza, The Love Boat ou O príncipe de Bel Air... Tamén gravou unha versión televisiva de Ninotchka e en 1972 encarnou a bailarina e espía Mata Hari no filme cómico Up The Front.
Dotada de gran sentido do humor, na súa madurez chegou a parodiarse a ela mesma en breves papeis en A Nightmare on Elm Street 3: Dream Warriors (1987) e The Naked Gun 2 1⁄2: The Smell of Fear (1991).
2002-2016: problemas de saúde
A boa saúde de Gabor comezou a crebarse en 2002, ao sufrir un accidente de automóbil polo que estivo hospitalizada durante varias semanas. En 2005, sufriu unha trombose e quedou parcialmente paralizada, tendo que desprazarse en cadeira de rodas;[6][7] someteuse a unha operación para eliminar unha obstrución arterial. En 2007 sufriu unha cirurxía relacionada coa súa operación anterior e despois foi sometida a unha cirurxía para tratar unha infección. En xullo de 2010, sufriu unha caída na súa casa e tivo que someterse a unha operación de cadeira; deixou o hospital o 16 de agosto de devandito ano. Porén, poucos meses despois, o 14 de xaneiro de 2011, cirurxiáns nos Estados Unidos amputaron tres cuartas partes da súa perna dereita á altura do xeonllo por mor dunha gangrena.[8]
O 18 de maio dese mesmo ano foi ingresada nun hospital dos Ánxeles para ser intervida de urxencia por mor dunha hemorraxia dixestiva derivada dunha mala colocación da sonda gástrica que a alimentaba. A consecuencia disto, a actriz caeu nun coma do que saíu cinco días despois.
O 6 de decembro de 2012, Gabor foi ingresada de urxencia no Hospital da Universidade de California por mor dunha grave infección producida polo tubo de alimentación que lle colocaron no estómago.[9]
En decembro de 2014 informouse de que estaba conectada a unha máquina que lle permitía seguir con vida, alimentada por unha sonda nasogástrica, aínda que perdía o coñecemento por momentos.
Falecemento
Gabor faleceu debido a un ataque cardíaco no seu fogar o 18 de decembro de 2016, dous meses antes de cumprir 100 anos.[10]
Remove ads
Vida persoal

Etiquetada como unha socialité (celebridade) da jet set hollywoodiense, o que acabou por eclipsar a súa carreira como actriz, Gabor sumou nove matrimonios. Casou por primeira vez aos vinte anos de idade cun ministro turco e entre os seus seuintes maridos estiveron o magnate hoteleiro Conrad Hilton (con quen tivo a súa única filla, Francesca) e o actor George Sanders, de quen se divorciou e que tempo despois casou coa súa irmá Magda.
Cronoloxicamente, os seus maridos foron:
- Burhan Asaf Belge (1937-1941; divorciados[11][12])
- Conrad Hilton (10 de abril de 1942-1947; divorciados[12][13])
- George Sanders (2 de abril de 1949-2 de abril de 1954; divorciados[12][14])
- Herbert Hutner (5 de novembro de 1962-3 de marzo de 1966; divorciados[15][16])
- Joshua S. Cosden, Jr. (9 de marzo de 1966-18 de outubro de 1967, divorciados[17])
- Jack Ryan (21 de xaneiro de 1975-24 de agosto de 1976, divorciados[18])
- Michael O'Hara (27 de agosto de 1976-1983; divorciados[19])
- Felipe de Alba (13 de abril de 1983-14 de abril de 1983; anulado[20])
- Frédéric Prinz von Anhalt (14 de agosto de 1986-ata o falecemento de Gabor)
A única filla de Gabor, Constance Francesca Hilton, naceu o 10 de marzo de 1947.[13][21] Segundo a autobiografía de Gabor de 1991 One Lifetime Is Not Enough, o seu embarazo foi o produto dunha violación por parte do seu marido Conrad Hilton. Foi a única das irmás Gabor que tivo algún fillo.[22] Francesca Hilton faleceu en 2015 aos 67 anos por mor dun infarto.[23][24] O marido de Gabor nunca lle falou sobre o pasamento da súa filla polo seu estado físico e emocional.[25][26]
O seu último matrimonio e o máis duradeiro emparentouna supostamene coa nobreza europea: casou co alemán Frédéric Prinz von Anhalt, de quen se afirmaba que ostentaba un título aristocrático sen validez legal no seu país. Entre os romances de Gabor que non culminaron en voda lémbrase o que mantivo co playboy dominicano Porfirio Rubirosa, e fálase de aventuras máis fugaces co político turco Ataturk[27] cando ela tiña 18 anos e co ditador dominicano Rafael Leónidas Trujillo.
Zsa Zsa Gabor era famosa polo seu agudo enxeño, a súa predilección polas xoias e o seu peculiar acento, razóns polas que mantivo gran notoriedade, á marxe da súa irregular carreira. Alcanzou resonancia mundial en 1989 o incidente que protagonizou cando losqueou un policía que a detivo por unha infracción de tráfico; ela conducía o seu coche Rolls Royce coa documentación caducada e en presumible estado de embriaguez. Por devandita agresión ao axente, a actriz pasou tres días nunha cela e tivo que cumprir 120 horas de traballo comunitario nun albergue de mulleres. A propia Gabor parodiou en dúas ocasións esa liorta, nun episodio da telecomedia O príncipe de Bel-Air e no filme The Beverly Hillbillies.
Aínda que os pais de Gabor eran xudeus,[28] ela era católica practicante.[29][30]
Remove ads
Filmografía
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads