ceca pública eslovaca From Wikipedia, the free encyclopedia
A Casa da Moeda de Kremnica (en eslovaco: Mincovňa Kremnica; en húngaro: Körmöcbányai pénzverde) é unha casa de moeda de titularidade estatal situada en Kremnica, Eslovaquia. O precursor da actual compañía actual estableceuse en 1328 e a ceca mantívose case sete séculos dedicada á cuñaxe de moeda.[5]
Casa da Moeda de Kremnica –Mincovňa Kremnica– | |
---|---|
Marca de ceca de Mincovňa Kremnica | |
Edificio da Casa da Moeda de Kremnica | |
Tipo | Empresa pública. |
Fundación | 1328 |
Matriz | Ministerio de Facenda de Eslovaquia[1] |
Localización | Kremnica Eslovaquia. |
Fundador | Carlos de Anjou |
Persoas clave | Director: Vlastimil Kalinec.[2] |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas, medallas e produtos de investimento, etc. |
Beneficio neto | 710.000 euros (2018)[3] |
Número de empregados | 234 (2018)[4] |
Notas | |
Marca de ceca: MK | |
Na rede | |
http://www.mint.sk/onas.php | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Ademais de elaborar moedas para diversos países do mundo, a Casa da Moeda de Kremnica é a produtora das moedas do euro de Eslovaquia.[6][7]
A Casa da Moeda de Kremnica estableceuse o 17 de novembro de 1328 cando o rei húngaro Carlos de Anjou converteu a Kremnica nunha cidade real libre. [8][9]
Da gran variedade de moedas que a ceca cuñou desde aquel momento, a máis salientable foi o ducado de ouro. Os ducados de Kremnica eran coñecidos pola súa boa calidade e eran considerados como a moeda máis forte e a moeda refuxio de Europa Central.[9] Nos arquivos históricos dispoñibles consta que nesta casa de moeda se cuñaron 21 millóns e medio de ducados ao longo da súa historia. O valor da cantidade de ouro utilizada para estas cuñaxes sería hoxe de arredor de mil millóns de Euros, á parte do seu valor numismático.[8]
Ademais, a ceca de Kremnica foi unha das primeiras en cuñar táleros de prata, a partir de 1499. E desde finais do século XV e durante todo o século XVI tamén destacou por labrar algunhas das medallas de máis calidade de Europa.[8]
A mediados do século XV, a ceca foi trasladada desde o seu lugar primitivo ata outra localización dentro das murallas da cidade, onde se instalou nun complexo de edificios, preto das murallas na súa sección noroeste, cuxa construción non se concluíu ata 1880.[8]
En 1892, cando se instaurou a coroa como unidade monetaria do Imperio Austrohúngaro, a Casa da Moeda de Kremnica puido facer fronte ao considerable aumento da cuñaxe provocado pola introdución das novas moedas. Hungría tivo varias cecas operativas nese período (como as de Bratislava ou a de Alba Iulia, na actual Romanía), aínda que Kremnica era a única en Eslovaquia e estaba moi por diante en materia tecnolóxica. Gradualmente, o Imperio foise desfacendo das cecas pouco rendibles e a de Kremnica foi a única que se mantivo a finais do século XIX.[8]
O período de máxima operatividade da ceca coincidiu co reinado da emperatriz María Tareixa. As cantidades de moeda cuñadas en Kremnica nesa época foron maiores que as de todas as demais cecas do Imperio xuntas.[8]
Logo da I guerra mundial, a Casa da Moeda de Kremnica foi a única existente no territorio da República de Checoslovaquia. Mais a ceca viuse moi afectada polas dúas contendas mundiais do século XX. Tras a primeira guerra, o Goberno de Mihály Károlyi ordenou trasladar a Budapest os equipamentos e os depósitos de metais nobres e comezaron a producirse as primeiras moedas coas máquinas defectuosas e os cuños gastados no distrito de Csepel. Mesmo as pezas alí cuñadas en 1922 conservaban aínda a marca de ceca KB, utilizada daquela pola Casa da Moeda de Kremnica.[8]
O Goberno checoslovaco tivo, por tanto, que restablecer novamente a casa de moeda, xa que en Kremnica non ficaban máis que os edificios. Os labores de instalación de nova maquinaria deron comezo en 1921. Desde entón, a ceca non deixou de producir todas as moedas en circulación dos estados checoslovaco e eslovaco, e cuñou moedas para outros 25 países.[6] Tendo en conta que Kremnica era a única casa de moeda establecida en todo o territorio checoslovaco, as moedas utilizadas no Protectorado de Bohemia e Moravia (1939-1945) foron subministradas por Alemaña. Pola súa banda, ao se producir a separación das dúas repúblicas, a República Checa estableceu en 1993 a súa propia casa de moeda.[8]
A finais de 1986, construíuse e dotouse unha nova planta nas aforas da cidade e alí se transferiu toda a produción, bardante a cuñaxe de medallas, que se mantivo no edificio orixinal.[8] Ese edificio histórico converteuse, o 24 de febreiro de 2011, nun dos monumentos declarados patrimonio cultural europeo.[10][11]
No período actual, a ceca de Kremnica fabrica tanto moedas de circulación (en euros) como moedas conmemorativas e para o coleccionismo, por orde do Banco Nacional de Eslovaquia, así como para outros estados. O seu abano de produtos abrangue non só moedas e medallas, senón tamén condecoracións e insignias, xoias, placas, tarxetas e outros obxectos.[12]
En marzo de 2013, a empresa fíxose cun contrato para a produción de 175 millóns de pezas de 10 rupias para Sri Lanka, cun valor total de 6.032 millóns de dólares. Este contrato foi especialmente valioso para a ceca de Kremnica, xa que lle permitiu introducirse nun mercado ata a data dominado pola Royal Mint do Reino Unido.[13]
En 2006 levouse a cabo un reacondicionamento xeral dos edificios históricos da Casa da Moeda de Kremnica, cuxa construción data de 1450. Neles instalouse unha tenda na que se comercializan todos os produtos elaborados na ceca, así como unha exposición permanente sobre os procesos de cuñaxe, con maquinaria e equipamentos de alto valor histórico (sobre todo as prensas da marca Vulkan). Ademais desta maquinaria histórica, os visitantes tamén teñen a oportunidade de observar como é o proceso moderno de cuñaxe de moeda.[14]
A primeira marca de ceca nas moedas cuñadas en Kremnica foi un «C», da denominación latina Cremnicium, mais cambiou a «K», correspondente ao húngaro Körmöcz e ao alemán Kremnitz, baixo o reinado de Sexismundo de Luxemburgo, e máis tarde a «KB», forma abreviada do húngaro Körmöcz-Bánya e do alemán Kremnitz-Bergstadt. Mediante un decreto do 16 de xuño de 1766, María Tareixa uniformou as marcas de ceca de todas as casas de moeda do Imperio Austríaco e adxudicóuselle a letra «B» nunha orde alfabética e pola importancia da ceca (o A foi para a ceca de Viena). Entre 1848 e 1849 cambiouse temporalmente a marca de ceca a «K.B.» (Körmöczbánya"), e de xeito permanente en 1868; esa marca mantívose durante o traslado das instalacións a Budapest ata 1922. Finalmente, a partir do establecemento da actual Mincovňa Kremnica utilízanse as súas iniciais «MK» como marca de ceca.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.