From Wikipedia, the free encyclopedia
O coleccionismo de moedas, asociado adoito ao doutros obxectos cuñados ou relacionados co diñeiro (medallas, fichas monetiformes, billetes etc.) é unha das afeccións máis populares e un dos coleccionismos máis coñecidos. Algunhas persoas coleccionan pensando unicamente no investimento numismático, mais a razón principal para coleccionar moedas é a propia satisfacción persoal. Aínda que o coleccionismo de moedas non se debe confundir coa numismática, para a boa clasificación, organización e valorización dunha colección cómpre posuír un certo grao de coñecemento numismático.[1][2]
Cada coleccionista ten as súas propias preferencias e especificidades, como poden ser as moedas en bos estados de conservación, as resultado de erros nas cecas, as que considere particularmente fermosas ou historicamente significativas etc.
O afán das persoas por acumularen moedas por mor do valor do metal en que están cuñadas é tan antigo como a propia existencia da moeda.[3] No entanto, a colección das moedas baseada no seu valor artístico tivo un desenvolvemento máis tardío. As evidencias amosadas polos rexistros arqueolóxicos da Roma Antiga e da Mesopotamia medieval indican que as moedas xa eran obxecto de colección e de catalogación naqueles tempos, por parte tanto de eruditos como das propias institucións de goberno. Tamén semella probable que os cidadáns individuais recollesen moedas vellas, exóticas ou con algunha significación conmemorativa, como un xeito accesible e portátil de arte.[4] Segundo o historiador romano Suetonio na súa obra De vita Caesarum ("As vidas césares"), escrita no século I d. de C., o emperador Augusto obsequiaba con moedas antigas e exóticas os seus amigos e os cortesáns durante os festivais e noutras ocasións especiais.[5]
As primeiras mostras de apreciación e de coleccionismo de moeda contemporánea remóntanse ao século XIV. Durante o Renacemento mesmo chegou a se converter nunha moda entre as clases privilexiadas europeas, sinaladamente entre os reis e as raíñas. Ao erudito e poeta italiano Petrarca atribúeselle ser un dos personaxes pioneiros máis salientables desta época pola súa afección ao coleccionismo de moedas e, seguindo o seu exemplo, diversos, nobres, príncipes e mesmo reis comezaron as súas propias coleccións. Entre os coleccionistas máis notables están o papa Bonifacio VIII, o Emperador do Sacro Imperio Romano Maximiliano I, Lois XIV de Francia, Fernando I, Henrique IV de Francia e o Elector Xoaquín II de Brandeburgo, quen iniciou o prestixioso Gabinete Numismático de Berlín (Münzkabinett)[6][7][8][9]. Debido a que durante o Renacemento a procura de moedas antigas estaba unicamente ao alcance dos moi ricos e poderosos, o coleccionismo de moedas coñecíase nesa época como "a afección dos reis".[10][11]
Durante séculos XVII e XVIII, o coleccionismo de moedas seguiu a estar asociado á riqueza e ao poder. Pero o pensamento racional propio da Ilustración conduciu a un enfoque máis sistemático da colección e do estudo das moedas. Nestes séculos xurdiu a numismática como disciplina académica e o seu coleccionismo comezou a estendeuse como unha actividade de lecer dunha burguesía ansiosa por demostrar riqueza e sofisticación.[10]
Foi nos séculos XIX o XX cando o coleccionismo numismático acadou máis popularidade e espallamento.[12] Comezaron a constituírse as primeiras asociacións numismáticas, que agrupaban os afeccionados para defenderen os seus intereses, como é o caso, entre outras, da Real Sociedade de Numismática, de Londres (1836), a Sociedade Real de Numismática de Bélxica (1841), a Sociedade Numismática dos EEUU (1858) ou a Sociedade Francesa de Numismática (1865), entre outras.[13] O mercado de moedas expandiuse para abranguer non só as moedas antigas, senón tamén as propias doutros países e as consideradas exóticas. Comezaron a constituírse as primeiras asociacións de comerciantes e os organismos reguladores. A primeira convención internacional de coleccionismo de moeda tivo lugar en Detroit en agosto de 1962.[14][15]
No século XXI, o coleccionismo pasou de merecer o sobrenome de "a afección dos reis", propia do Renacemento, ao de "a raíña das coleccións".[11]
As motivacións para o coleccionismo de moedas poden ser moi diversas dunha persoa a outra, aínda que a máis común é a baseada no simple pracer da colección, que pode estar complementada polo seu estudo ou pola expectativa dalgún tipo de lucro.[16]
Porén, outra das razóns importantes que levan as persoas a coleccionaren moedas e como vía de investimento. Do mesmo xeito que os selos, os metais preciosos e outros bens tanxibles, os prezos das moedas flutúan periodicamente en función da oferta e a demanda, ademais do seu propio valor intrínseco, destacadamente nas moedas de ouro ou de prata. En calquera caso, igual que ocorre con calquera outro obxecto de colección, unha colección de moedas non xera beneficio en tanto que esta non se venda, e mesmo pode levar consigo custos de mantemento, como seguros, alugamento de caixas de seguridade, material para o arquivamento etc. O límite entre o coleccionismo de moedas con ánimo de lucro e a simple especulación radica en que, no primeiro caso, o coleccionista comparte a súa ansia de beneficio económico con consideracións estéticas, históricas e doutro tipo, en tanto que o especulador é un simple acumulador de obxectos, sen maior apego a eles, á espera da súa revalorización.[17][18][19]
Noutras ocasións, os promotores das coleccións non son individuos a título particular, senón institucións de diversos tipos e con finalidades que transcenden a satisfacción persoal dos seus xestores (xa non posuidores). Trátase comunmente de coleccións numismáticas de universidades, museos ou entidades asociativas, movidos por intereses como a conservación do patrimonio e a divulgación didáctica da riqueza monetaria dun territorio.[20][21]
Algúns afeccionados á numismática constrúen coleccións xeneralistas, conformadas por exemplares da amplísima variedade de moedas existentes, sen que a elección se suxeite a criterios xeográficos nin históricos, nin de ningún outro tipo. Se os recursos económicos son suficientes, isto pode levar a crear coleccións cun número extraordinario de exemplares inconexos. O caso máis salientable é o do rei Faruq de Exipto, que chegou a reunir unha colección vastísima de moedas de todo tipo, época e lugar.[22] Porén, a maioría dos coleccionistas acomodan as súas coleccións a uns criterios preestablecidos, o que fai que existan uns exemplares determinados de particular interese para eles. Estas son, a modo de exemplo, algunhas das orientacións máis habituais das coleccións numismáticas, que con moita frecuencia se dan combinadas entre elas:[23]
En numismática o estado de conservación é un aspecto moi significativo no seu valor, ata o punto de que un exemplar pode multipilcar por varios centos o seu valor en función de que estea mellor ou peor conservado. Os coleccionistas válense dunhas escalas para determinar os estados de conservación, que poden ser diferentes dependendo do país.
Nos primeiros momentos do coleccionismo —antes do desenvolvemento dun mercado de moeda internacional—, non se utilizaban métodos cunha extremada precisión e recorríase a adxectivacións subxectivas como "boa", "moi boa" ou "non circulada". Cara a mediados do século XX, en paralelo a un mercado crecente de moedas raras e escasas, as escalas fóronse precisando de xeito diferente en cada país.[44] A máxima precisión é a da escala Sheldon, desenvolvida pola American Numismatic Association, que vai desde o número 1, para un exemplar de difícil identificación, ata o número 70, para un exemplar perfecto, acompañado dunhas siglas. Esta é a escala utilizada polas axencias internacionais de certificación do estado de conservación de moedas, polo que é coñecida internacionalmente.[45] [46][47] En Europa, no entanto, é máis común seguir recorrendo ás escalas descritivas baseadas en adxectivacións (ou nas súas siglas).[48]
Esta é unha comparativa das escalas máis utilizadas no mundo:[45]
MS 70 | |||||||
MS 69 | |||||||
MS 68 | |||||||
MS 67 | Superb Uncirculated | FDC exceptionnel | |||||
MS 66 | |||||||
MS 65 | Flor de cuño (FDC) | Gem Uncirculated | FDC | Fleur de coin (FDC) | Fior di conio (FDC) | Stan 1 | |
MS 64 | |||||||
MS 63 | Choice Uncirculated | UNC | Stempelglanz (ST) | ||||
MS 62 | |||||||
MS 61 | Sen circular (SC) | ||||||
MS 60 | Uncirculated | ||||||
AU 58 | |||||||
AU 55 | EF | Superbe (SUP) | Vorzüglich (VZ) | Splendido (SPL) | Stan 2 | ||
AU 53 | |||||||
AU 50 | Extraordinariamente ben conservada (EBC) | About Uncirculated | |||||
XF 45 | |||||||
XF 40 | Extremely Fine | VF | Trés trés beau (TTB) | Sehr schön (SS) | Bellissimo (BB) | ||
VF 35 | |||||||
VF 30 | Moi ben conservada (MBC) | ||||||
VF 25 | Stan 3 | ||||||
VF 20 | Very Fine | F | Trés beau (TB) | Schön (S) | Molto bello (MB) | ||
F 15 | |||||||
F 12 | Ben conservada (BC) | Fine | |||||
VG 10 | |||||||
VG 8 | Regular conservada (RC) | Very Good | G | Beau (B) | Sehr gut erhalten (SGE) | Bello (B) | Stan 4 |
G 6 | |||||||
G 4 | Good | ||||||
AG 3 | Mal conservada (MC) | About Good | AG | Bien conservée | Gering (GE) | Discreto (M) | Stan 5 |
FA 2 | Fair | ||||||
PR 1 | Poor |
Significado das siglas utilizadas en Galicia para os grados de conservación das moedas:[46]
Ademais da cualificación das moedas polo seu desgaste, hai outra categoría denominada "proba" ou "proba numismática" —úsase máis frecuentemente a palabra en inglés proof— . As moedas desta condición elabóranse cuns cuños particularmente puídos e teñen un tratamento posterior que lles confire un brillo especial aos campos en tanto que os relevos amosan un aspecto máis mate. Este sistema utilízase frecuentemente para as moedas conmemorativas. Tamén é habitual a coexistencia das series anuais na súa versión estándar, para a súa circulación, e en condición proof, nas presentacións en carteiras ou expositores destinados ao coleccionismo, nesta último caso con tiraxes máis pequenas.[49][50]
PF/SP | Proof / Proba numismática | Proof | Proof / SP | Flan bruni (FB) | Polierte Platte (PP) | Fondo specchio (FS) | Proof |
Prooflike | Prooflike | Prooflike | Aspect flan bruni |
Os servizos de certificación de moedas xurdiron nos Estados Unidos na década de 1980 co obxectivo de establecer un padrón para a descrición do estado de conservación das moedas, así como detectar alteracións intencionadas e falsificacións. A cambio dunhas tarifas establecidas, estas axencias cualifican o estado de conservación, autentican, describen e encapsulan moedas como garantía da súa certificación.[51]
Hai tres entidades certificadoras que gozan de recoñecemento internacional no sector da numismática, todas elas con sede nos EEUU aínda que con ámbito de actuación internacional: Professional Coin Grading Service (PCGS), Numismatic Guaranty Corporation (NGC) e Independent Coin Graders (ICG).[52][53][54]
É habitual que os coleccionistas de moedas se agrupen en clubs ou asociacións, que ofrecen diversos beneficios para os seus membros. Serven de canle de información e neles os asociados establecen contactos para defenderen intereses comúns. Á marxe das entidades clásicas, cada vez é máis frecuente a existencia de clubs e asociacións en liña a través de Internet, que agrupan afeccionados de todo o mundo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.