From Wikipedia, the free encyclopedia
A balea vasca,[3][4] tamén coñecida como balea franca setentrional,[5] ou balea franca do Atlántico.[Cómpre referencia][6] Eubalaena glacialis Müller, 1776, é unha especie de cetáceo misticeto da familia dos balénidos.
Balea vasca Balea franca setentrional Eubalaena glacialis | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Balea vasca femia co seu baleato. | |||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||
En perigo[1] | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Eubalaena glacialis (Müller, 1776) [2] | |||||||||||||||||||||||
Distribución da balea vasca | |||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||
|
É unha das tres especies do xénero Eubalaena, as coñecidas como baleas francas, que anteriormente foron clasificadas como unha soa especie,[7] e que son denominadas así (baleas francas = baleas fáciles de cazar) porque nadan lentamente, son moi confiadas e, cando morren, flotan na auga, o que facilita moito os labores dos baleeiros que as cazaban.
Debido á excesiva caza á que foi sometida a especie desde a Idade Media e, sobre todo, desde o inico da súa caza industrial a finais do século XIX, con barcos modernos de casco metálico e, sobre todo, desde a invención do canón lanza arpóns, e dos arpóns explosivos, a especie quedou, a finais do século XX, en serio perigo de extinción.
Na actualidade encóntrase entre as baleas máis ameazadas do planeta.
É a especie máis pequena da familia dos balénidos, cunha lonxitude total de entre os 11 e os 18 m,[5] (uns 14 m de media), sendo as femias lixeiramente máis grandes que os machos.[8]
O aspecto xeral do corpo é cilíndrico, desde o ollo até á metade do dorso. A cabeza é grande, representando un cuarto da lonxitude total do corpo (pero proporcionalmente máis pequena que na balea de Groenlandia, que supón un terzo da lonxitude total), e leva dorsalmente, cerca do extremo da mandíbula superior, unha excrecencia córnea, frecuentemente infestada de parasitos; outras similares, máis pequenas, encóntranse con frecuancia detrás desta principal. Como as demais especies do xénero, carece de aleta dorsal, e as pectorais son anchas, cos bordos arredondados, e a aleta caudal é de grande envergadura, cunha fendedura centrtal ben marcada no bordo posterior, separando os dous lobos. A mandíbula superior é estreita, moi arqueada, e cunha concavidade que aloxa o labio inferior, que é moi alto e co bordo superior convexo. Non presenta dobras gulares.[8]
Presenta de 250 a 390 barbas a cada lado da mandíbula superior, de cor escura (negra, parda escura ou gris escura), que poden chegar a medir até 225 cm de lonxitude como máximo, e son relativamente anchas na súa base (de 1/10 da lonxitude).[8]
A coloración da pel é moi escura, frecuentemente parda escura, pero pode chegar a ser totalmente negra (o que xustifica un dos seus nomes en portugués, baleia-negra)[4] con algunhas manchas irregulares e de tamaño variábel na rexión ventral.[8]
A balea vasca habita no Atlántico norte, onde existen dúas subpoboacións, a máis numerosa nas costas do oeste, con ao redor de 400 exemplares, que se estenden desde a illa de Terra Nova e as costas da península do Labrador (Canadá), até as de Xeorxia e a Florida (Estados Unidos; as súas zonas de alimentacion está no norte desta área, na parte baixa da baía de Fundy, preto da illa Grand Manan, Nova Escocia (Canadá) e a baía de cabo Cod (Massachusetts), mentres que as zonas de reprodución están máis ao sur, observándose recentemente grupos de cría na Florida.[9]
A subpoboación do Atlántico oriental é moito menor. Antano estendíase desde as costas de Islandia e Noruega até as do mar Cantábrico (incluídas as galegas), pasando polas de Irlanda, as occidentais da Gran Bretaña, as francesas desde a Bretaña até o golfo de Biscaia,[9] chegando nas súas migracións até os arquipélagos dos Azores, Madeira e as Canarias.[10]
As baleas vascas encóntranse adoito soas ou, como moito, reunidas en pequenos grupos de 2 a 3 individuos, aínda que ás veces poden formarse grupos de até cen exemplares en zonas onde o alimento é particularmente abundante.
Son nadadoras activas e relativamente rápidas, alcanzando velocidades de até uns 5 nós (uns 9 km/h).
O animal mostra a súa aleta caudal cando vai facer unha inmersión profunda, que pode ter unha duración de 10 a 20 min.
Cando sae á superficie, o primeiro sopro pode alcanzar os 3 m de alto, está lixeiramente inclinado cara a adiante e, visto desde atrás, ten forma duna "V" amplamente aberta, debido a que os espiráculos dereito e esquerdo distan un do outro. O número de sopros entre inmersións varía entre 5 e 15.[8]
As baleas vascas aliméntanse principalmente de copépodos diaptómidos e outros pequenos invertebrados (copépodos pequenos, krill, pterópodos e larvas de percebes e outros crustáceos), xeralmente filtrándoos lentamente a través da barbas. A especie de presa máis común é o copépodo Calanus finmarchicus.[11]
Pouco se sabe da reprodución desta especie. Emparéllanse a finais do inverno. A xestación dura un ano, e o período de lactación probabelmente de 6 a 7 meses.[8]
As baleas vascas sufriron persecucións debido a catro causas fundamentais: vivir cerca da costa, flotar cando está morta, nadar paseniño e posuír unha capa de graxa moi grosa (representa do 36 ao 45 % do peso total).
A balea vasca cazouse en Europa desde o século XI e durante toda a Idade Media, especialmente no golfo de Biscaia, no mar Cantábrico e nas costas de Galicia, de xeito que xa no século XVI a súa poboación estaba dezmada nas augas europeas, polo que os baleeiros comezaron a explotar a balea franca boreal (Balaena mysticetus) nas augas polares, sen deixar por iso de perseguir a balea vasca até pasada a primeira metade do século XX.[8]
Os intentos por chegar a acordos internacionais para controlar a caza de cetáceos non comezaron até 1935, ano en que a Liga de Nacións auspiciou un primeiro borrador que só foi aprobado por Gran Bretaña e Noruega, as dúas maiores nacións baleeiras naquelas datas, que en conxunto representaban o 95 % das máis de 30 000 baleas que se cazaban anualmente.[12]
O ano seguinte produciuse o primeiro intento de crear unha Conferencia Internacional Baleeira, pero só asistiron dous dos membros convocados, Gran Bretaña e Noruega. Alemaña enviou un observador coa misión de deixar en claro que quería "completa liberdade de acción, pois era o principal consumidor mundial de aceite de balea".[12]
En 1937 celebrouse en Londres unha conferencia internacional con representantes de Suráfrica, os Estados Unidos, a Arxentina, Australia, Alemaña, Irlanda, Nova Zelandia, Gran Bretaña e Noruega. Nesta conferencia pactouse que se prohibiría, mediante normas legais internacionais, a caza peláxica durante nove meses do ano. Así mesmo, dictaminouse a protección total das femias e as súas crías, e establecéronse zonas de reserva onde os buques baleeiros non poderían entrar.[12]
A década de 1970 asistiu ao inicio do movemento mundial contra a caza de baleas. En 1972, a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente Humano[13] celebrada en Estocolmo aprobou unha proposta que recomendaba unha moratoria de dez anos na caza comercial de cetáceos para permitir que as poboacións destes animais puideran recuperarse.
En 1982 a CBI determinou o fin da caza comercial, a través dunha moratoria internacional sobre a caza de baleas, que se fixo efectiva na campaña 1985-1986 (e que se coñece como a moratoria de 1986).
As principais ameazas que actualmente pesan sobre a especie son:
Nos últimos tempos a situació do status da poboación de Eubalaenas glacialis foi cualificada:
Na actualidade a IUCN, tendo en conta que a diminución da poboación desta especie foi moi importante desde hai tres xeracións, e que se determinou que o número de femias reprodutivamente activas era de 70 animais en 1998, e que, incluso admitindo a posibilidade de que algunhas baleas nais foran omitidas no catálogo de identificación, isto significa que o número total de indivuduos maduros (é dicir, reprodutivamente activos) está moi por debaixo do límite de perigo, seguiu considerando a especie en perigo de extinción.[10]
A UICN estima que a subpoboación do Atlántico occidental é neste momento duns 250 individuos, e a do oriental, se é que existe, debe ser seguramente moi pequena (menos de 50 individuos maduros). Se esta subpoboación europea se avaliase separadamente, sería clasificada como en perigo crítico ("CR"), ou posibelmente como extinta ("EX").[10]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.