numismático e inventor francés From Wikipedia, the free encyclopedia
Gustave de Ponton d'Amécourt, nado en París o 16 de agosto de 1825 e finado en Trilport, Illa de Francia, o 20 de xaneiro de 1888, foi un inventor, numismático e arqueólogo francés.
Gustave de Ponton d'Amécourt en (1863) co seu prototipo de helicóptero, fotografado por Nadar. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de agosto de 1825 París, Francia |
Morte | 20 de xaneiro de 1888 (62 anos) Trilport, Sena e Marne. |
Presidente Société Française de Numismatique | |
1865 – 1888 | |
Mayor of Trilport (en) | |
1855 – 1876 | |
Datos persoais | |
Residencia | Francia |
País de nacionalidade | francesa |
Q89547790 | Creador dun prototipo de helicóptero. Presidente da Sociedade Francesa de Numismática. |
Actividade | |
Campo de traballo | Enxeñaría, numismática e arqueoloxía. |
Ocupación | enxeñeiro , arqueólogo , numismático |
Membro de | |
Lingua | Lingua francesa |
Familia | |
Cónxuxe | Anne-Marie Dumont de Signéville. |
Premios | |
Cabaleiro da Orde de Cristo. Cabaleiro da Orde de San Gregorio Magno. Cabaleiro da Lexión de Honra. | |
Gustave de Ponton d'Amécourt naceu en París en 1825, fillo de Marie-Elisabeth-Madeleine Collette de Baudicour e do oficial Antoine-Louis-Marie de Ponton d'Amécourt.[1]
Estudou matemáticas, sánscrito, grego e latín, no colexio da rúa Vaugirard, así como numismática e arqueoloxía, o que o levou a ser considerado como un dos eruditos do seu tempo.[1][2]
Interesouse pola numismática desde moi novo; a súa primeira publicación neste eido foi unha carta a Louis de la Saussaye datada o 27 de decembro de 1852, acerca dunha moeda gala, que apareceu na Revue Numismatique en 1853.[2][3]
Presidiu a Sociedade Histórica e Arqueolóxica de Maine, e tamén pertenceu ao grupo de fundadores da Sociedade Francesa de Numismática, ademais do seu primeiro presidente, desde 1865 ata a súa morte.[2][4][5][6] Tamén pertenceu á Sociedade Real de Numismática de Bélxica, que o 5 de xullo de 1868 o nomeou membro honorario,[7] e da Sociedade de Lingüística de París, desde 1867.[8]
Entre as súas investigacións cómpre salientar varios estudos en profundidade acerca das moedas merovinxias, que foron publicados en diversos volumes. En 1857, comprou o tesouro de Imphy e descubriu un centenar de diñeiros carolinxios, que segue a ser o tesouro monetario máis importante do reinado de Pipino o Breve e de comezos do de Carlomagno.[2][9]
Como coleccionista numismático, Ponton d'Amécourt reuniu unha importante colección de moedas de ouro romanas, e expuxo 645 delas na Exposición Universal de París de 1878.[10] O catálogo da súa venda (1887) contabiliza case un milleiro de exemplares.[2][11] Unha parte destas moedas foi adquirida para o Gabinete de Medallas do Museo de Belas Artes de Lión.[12]
Con todo, o foco principal tanto da súa colección era a moeda merovinxia, cuxo estudo lle serviu como base para varias publicacións, e que puxo ao dispor doutros eruditos da época, como Anatole de Barthélemy ou Etienne Cartier. O seu amplo coñecemento destas emisións levouno a ser invitado pola Royal Numismatic Society para pronunciar unha conferencia en Londres acerca das moedas merovinxias do tesouro de Crondall.[2]
As súas coleccións numismáticas foron postas á venda en diversas ocasións entre 1886 e 1890.[13][14] En 1889, un lote de 1.131 moedas merovinxias da súa colección foi adquirido polo Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia por 180.000 francos aos seus herdeiros.[15][16] O ano anterior, a súa viúva doáralle a esta institución diversos folletos e libros que pertenceran á biblioteca do seu marido.[2]
Gustave de Ponton d'Amécourt creou con éxito un dos primeiros prototipos de helicóptero ao deseñar en 1861, xunto co seu amigo Gabriel de La Landelle, a súa chère hélice ( "querida hélice"), un pequeno enxeño experimental de aeróstato cun rotor contrarrotatorio, dúas hélices aéreas coaxiais e unha máquina de vapor de dous cilindros[17][18] —cuxa caldeira supuxo un dos primeiros usos do aluminio— inspirado en antecedentes como as hélices volantes e os ornitópteros dos manuscritos de Leonardo da Vinci da década de 1480, e tamén na "libélula de bambú" chinesa do século IV, e nos seus primeiros prototipos de estudos de hélices aéreas.[19][20]
El foi o creador da palabra "helicóptero" (hélicoptère, en francés),[1][2][18] a partir do grego antigo έλιξ, έλικος ou helix ("espiral" ou "hélice") e πτερὸν ou pteron ("á"). O termo apareceu por primeira vez o 3 de agosto de 1861 nunha solicitude de patente no Reino Unido, e despois o 16 de abril de 1862, nun certificado de adición á patente 49.077, presentada orixinalmente o 3 de abril de 1861 en Francia, na que só se mencionaba o termo aéronef. Por analoxía coa palabra "navegación", el e Gabriel de La Landelle crearon tamén a palabra "aviación", a partir do latín avis ("paxaro").[21]
O aparello foi fotografado en 1863 polo seu amigo, o fotógrafo Félix Tournachon, máis coñecido como Nadar,[1] un pioneiro da fotografía aérea. Xuntos fundaron a Sociedade de Fomento da Locomoción Aérea con Medios Máis Pesados que o Aire, en París, en 1863, xunto con Gabriel de La Landelle e co seu amigo o novelista Jules Verne, que se inspirou neste invento para crear o seu imaxinario barco voador "Albatros", de 30 m de eslora, con 37 mastros, propulsado por 74 hélices dobres con motores eléctricos mais dous motores eléctricos con hélices dianteiras e traseiras, para a súa novela de ciencia ficción Robur-le-Conquérant ("Robur o conquistador"), de 1886.[2][17]
Gustave de Ponton d'Amécourt foi un conservador e monárquico militante, así como un fervente cristián. Significouse durante a guerra franco-prusiana de 1870 e na loita contra as leis anticongregacionistas. A súa militancia política levouno a ser nomeado alcalde de vila de Trilport, en Sena e Marne, cargo que exerceu entre 1855 e 1876.[2]
Gustave de Ponton d'Amécourt casou con Anne-Marie Dumont de Signéville, filla de Victoire Haudos de Possesse e de François Dumont de Signéville.
Finou en Trilport, unha localidade da Illa de Francia próxima a París, o 20 de xaneiro de 1888, aos 62 anos.[6][22] Foi soterrado no cemiterio desa localidade.[2]
Na súa memoria colocouse unha placa conmemorativa na praza principal de Trilport e, en xullo de 2009 inaugurouse nesa vila o Parque Gustave de Ponton d’Amécourt.[23]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.