Historia da música
From Wikipedia, the free encyclopedia
A historia da música é tanto o estudo da evolución que a música sufriu ao longo dos tempos, como -tamén- o conxunto de procesos que esta evolución comportou así como o estudo das diferentes tradicións na música e a súa ordenación no tempo. Por unha banda é unha disciplina de estudo que se insire dentro da musicoloxía histórica e, por outra, é o resultado dos datos e interpretacións feitas por musicólogos e outros investigadores. Á súa vez, o estudo de como este estudo da historia da música foi evolucionando ao longo do tempo coñécese como historiografía da música.
Dado que toda cultura coñecida ha ter algunha forma de manifestación musical, a historia da música abarca a todas as sociedades e épocas, e non se limita, como veu sendo habitual, a Occidente, onde se utilizou a expresión «historia da música» para referirse á historia da música europea e a súa evolución no mundo occidental.
A música dunha cultura está estreitamente relacionada con outros aspectos da cultura, como a organización económica, o desenvolvemento técnico, a actitude dos compositores e a súa relación cos oíntes, as ideas estéticas máis xeneralizadas de cada comunidade, a visión acerca da función da arte na sociedade, así como as variantes biográficas de cada autor.
No seu sentido máis amplo, a música nace co ser humano, e xa estaba presente, segundo algúns estudosos, moito antes da expansión do ser humano polo planeta, hai máis de 50.000 anos.[1] É polo tanto unha manifestación cultural universal.