From Wikipedia, the free encyclopedia
Ireneu[1], ás veces tamén Ireneo[2][3][4] (en grego Εἰρηναῖος), nado na primeira metade do século II e finado cara ao 202, foi un apoloxista cristián e un dos primeiros Pais da Igrexa. Foi oínte de Policarpo,[5] quen segundo a tradición fora discípulo de Xoán o Evanxelista. Desde 189, foi bisbo de Lugdunum, Galia, entón parte do Imperio Romano (hoxe Lión, Francia). Considérase o adversario máis importante do gnosticismo do século II. A súa obra principal é Contra as herexías. Os seus escritos foron decisivos nos comezos do desenvolvemento da teoloxía cristiá. Tanto a Igrexa Católica como a Ortodoxa Oriental considérano santo. Na primeira a súa festa é o 28 de xuño,[6] na segunda o 23 de agosto. A Igrexa Luterana[7][8] conmemórao[9] tamén o 28 de xuño.
Nome orixinal | (grc) Εἰρηναῖος Λουγδούνου |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 130 (Gregoriano) Esmirna |
Morte | c. 202 (Gregoriano) (71/72 anos) Lión |
Bispo de Lión | |
Diocese: Arquidiocese de Lyon (pt) | |
Bispo | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Asia |
Actividade | |
Ocupación | teólogo , presbítero , filósofo |
Período de tempo | Alto Imperio Romano |
Profesores | Policarpo de Esmirna (pt) |
Lingua | Grego antigo e lingua latina |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 28 de xuño |
Ireneu naceu na primeira metade do século II (segundo uns, entre os anos 115 e 125, segundo outros entre 130 e 142). Crese que fora grego, nado na mesma cidade que Policarpo, Esmirna, en Asia Menor, (hoxe İzmir, Turquía).[10] A diferenza de moitos dos seus contemporáneos, non se converteu na idade adulta senón que se criou nunha familia cristiá.
Durante a persecución de Marco Aurelio, emperador romano entre 161 e 180, Ireneu foi crego da Igrexa de Lión. O clero desa cidade, que tiña moitos dos seus membros encarcerados, en 177 enviouno cunha carta para Eleuterio, o bispo de Roma, na que pedía tratar con suavidade aos montanistas de Frixia. Mentres Ireneu estaba en Roma, en Lión ocorreu unha matanza. Xa de regreso na Galia, Ireneu sucedeu ao martirizado primeiro bispo de Lión, Potino.[11]
Sábese pouco sobre a súa carreira como bispo. Despois da persecución de Marco Aurelio seguiu certa paz relixiosa. Ireneu escribiu obras contra o gnosticismo. A máis famosa é Adversus haereses ("Contra as herexías") un tratado de 5 volumes de arredor do ano 180. Ireneu suxire que tería contacto con gnósticos e os seus escritos, e isto quizais acontecera en Asia Menor ou Roma.[12] Porén, parece que tamén había gnósticos preto de Lión: Ireneu escribe que había seguidores de Simón o Mago que vivían e ensinaban no val do Ródano.[13]
A última acción rexistrada sobre el (por Eusebio, 150 anos despois) é que en 190 ou 191 influíu sobre o bispo romano Vítor I para que non excomungase as comunidades cristás de Asia Menor que seguían a celebrar a Pascua o 14 de Nisán (é dicir, na data tradicional xudía).[13]
Descoñécese cando morreu, mais ocorrería a finais do século I ou comezos do II. Algúns católicos e ortodoxos considérano mártir.[14] Foi sepultado baixo a Igrexa de San Xoán de Lión, despois renomeada Santo Ireneu no seu honor. En 1562 a tumba e os seus restos foron destruídos polos hugonotes.
Ireneu escribiu varias obras, pero a máis importante que se conserva e Adversus haereses, en cinco volumes. Porén, non fica ningunha versión completa do seu orixinal grego, senón unha antiga versión latina, probablemente do século III, e trinta e tres fragmentos dunha versión siria e unha versión armenia completa dos libros 4 e 5.[15]
Tamén escribiu A demostración da prédica apostólica, da que se descubriu unha copia armenia en 1904, e que parece unha instrución para cristiáns convertidos recentemente.[16]
Eusebio atesta outras obras de Ireneu, hoxe perdidas, incluíndo Sobre a Ogdoade, unha carta sen título dirixida a Blasto sobre o cisma, Sobre o suxeito do coñecemento, Sobre a monarquía ou Como Deus non é a causa do mal. Pese á ampla influencia de Ireneu sobre a seguinte xeración –tanto Hipólito como Tertuliano beberon libremente nos seus escritos– ningunha das súas obras –salvo Contra as herexías e A demostración da prédica apostólica– se preservou ata hoxe, talvez por mor da súa esperanza literal nun milenio terrestre, que o convertería nunha lectura non grata no oriente grego.[17]
A obra foi escrita en grego en 180, mais axiña traducida ao latín. Ten cinco volumes ou libros. No primeiro Ireneu fala dos gnósticos valentinianos e os seus predecesores, quen fai remontar a Simón o Mago. No segundo libro tenta probar que o valentinianismo non ten méritos doutrinais. No terceiro pretende demostrar a falsidade desa herexía con evidencias que colle dos evanxeos. O cuarto libro consiste en ditos de Xesús, e Ireneu salienta a unidade do Antigo testamento cos Evanxeos. No último volume Ireneu céntrase en máis ditos de Xesús e ademais nas cartas de Paulo o Apóstolo.[18]
O propósito de Contra as herexías foi refutar os ensinos de diversos grupos gnósticos; aparentemente, varios mercadores gregos comezaran unha campaña oratoria no bispado de Ireneu, ensinando que o mundo material era unha creación accidental dun deus mao, do cal temos que escapar procurando a gnose (coñecemento). Ireneu sostivo que a verdadeira gnose é o coñecemento de Cristo, que redime, máis que liberar da existencia corpórea. Ata a descuberta da Biblitoteca de Nag Hammadi en 1945, Contra as herexías foi a mellor descrición do gnosticismo que se tiña. De acordo con algúns estudosos bíblicos, o achado de Nag Hammadi amosou que a descrición de Ireneu sobre o gnosticismo era moi cuestionable.[19][20] Aínda que correcta nalgúns detalles sobre o sistema de crenzas de diversos grupo, o principal propósito de Ireneu era previr aos cristiáns respecto ao gnosticismo, máis que catalogar esas crenzas. Ireneu describe aos gnósticos como libertinos sexuais, por exemplo, cando algúns dos escritos destes grupos avogan pola castidade con máis énfase que os textos ortodoxos —se ben os textos non poden ser tidos como guías das prácticas reais, das que non se sabe fiablemente case nada ata hoxe.[21][22] Porén, polo menos un estudoso, Rodney Stark, sostén que a propia Biblioteca de Nag Hammadi proba que Ireneu tiña razón.[23] Por exemplo, Ireneu escribiu: "Declaran que Xudas o traidor estaba completamente informado destas cousas, e que só el, coñecendo a verdade coma ningún outro, cumpriu o misterio da traizón; por el [Xudas] todas as cousas son así botadas na confusión. Eles crean unha historia ficticia desta clase, a cal intitulan o Evanxeo de Xudas."[24] Esta afirmación resultou confirmada pola descuberta do Evanxeo de Xudas, onde Xesús pide a Xudas que o traizoe.
En calquera caso, os gnósticos non eran un só grupo, senón un conxunto de seitas. Algúns serían libertinos pois consideraban sen sentido a existencia corpórea; outros loaban a castidade e prohibían vehementemente calquera actividade sexual, mesmo o matrimonio.[25]
Ireneu sinala como proba de ortodoxia as Escrituras, clasificando como tales non só o Antigo testamento senón a maioría dos libros hoxe coñecidos como Novo testamento,[26] e exclúe moitas obras, maioritariamente gnósticas, que xurdiran no século II e que reclamaban ter autoridade como escrituras.[27] A miúdo Ireneu, como estudante de Policarpo, un suposto discípulo directo de Xoán, cría estar a interpretar as escrituras coa mesma hermenéutica que os apóstolos.[28] Isto é importante, pois Ireneu sostiña que, aínda que tanto el como os gnósticos dicían basear os seus argumentos nas escrituras, el podía remontar a súa autoridade ata Cristo, e os gnósticos non, polo tanto, el tiña razón.[29] Tamén usou a "Regra da fe",[30] un "proto-credo" con similitudes co credo dos apóstolos, como unha clave hermenéutica para soster que a súa interpretación das escrituras era a correcta.[31]
Antes de Ireneu, os cristiáns diferían canto aos evanxeos que preferían. Os cristiáns de Asia Menor preferían o de Xoán. O de Mateu era o máis popular de todos.[32] Ireneu afirmou que os evanxeos de Mateu, Marcos, Lucas e Xoán, eran escrituras canónicas.[33] Así deu o testemuño máis antigo a favor dos catro evanxeos ata hoxe considerados canónicos. Posiblemente o fixera reaccionando contra a versión editada de Lucas feita por Marción, quen afirmaba que o de Lucas era o único evanxeo verdadeiro.[34][35]
Algúns intérpretes, baseándose nos argumentos que da Ireneu para apoiar só catro evanxeos, deducen que na época de Ireneu o concepto de catro evanxeos auténticos entre os existentes sería unha novidade.[36] Contra as herexías 3.11.7 recoñece que moitos cristiáns heterodoxos usan só un evanxeo mentres que 3.11.9 recoñece que algúns usan máis de catro.[37] O éxito do Diatessaron de Taciano (unha harmonización dos catro evanxeos nunha sóa narración), aproximadamente na mesma época (c 150–160) é "... unha poderosa indicación de que o evanxeo cuádruplo que contemporaneamente promovía Ireneu non era recoñecida amplamente, e moito menos universalmente."[38] Ireneu tamén é o testemuño máis antigo de que o Evanxeo de Xoán foi escrito por Xoán o Apóstolo,[41] e que o de Lucas foi escrito por Lucas, o compañeiro de Paulo.[39] Ireneu cita textos do hoxe coñecido como Novo testamento unhas 1000 veces. Preto dun terzo das citas remiten as cartas de Paulo. Ireneu considerou que as 13 cartas do corpus paulino foran escritas polo propio Paulo.[40]
O punto central da teoloxía de Ireneu é a unidade e bondade de Deus, en oposición á teoría gnóstica sobre Deus que fala dunha serie de emanacións divinas (Eóns) e distingue entre a Mónada e o Demiúrgo. Ireneu usa a teoloxía do Logos que herdou de Xustino Mártir. Ireneu foi estudante de Policarpo, de que se di que foi instruído por Xoán o Apóstolo.[41] (Xoán usara a terminoloxía do Logos no Evanxeo de Xoán e na Primeira Epístola de Xoán). Ireneu prefire falar do Fillo e o Espírito Santo como as "mans de Deus".
A énfase de Ireneu na unidade de Deus reflíctase na súa correspondente énfase na unidade da historia da salvación. Ireneu insiste repetidamente en que Deus comezou o mundo e que vela por el desde ese acto creativo; todo o que aconteceu é parte do seu plan para a humanidade. A esencia deste plan é un proceso de maduración: Ireneu cre que a humanidade foi creada inmatura e que Deus quixo que ás súas criaturas levase moito tempo crecer e asumir a semellanza divina. Así, Adán e Eva foron creados nenos. A súa Caída, pois, non foi unha total rebelión, senón máis ben unha desobediencia infantil, un desexo de crecer antes de tempo e ter todo inmediatamente. Todo o que aconteceu desde entón foi, polo tanto, planeado por Deus para axudar á humanidade a superar ese incidente inicial e alcanzar a madurez espiritual. O mundo foi intencionadamente deseñado por Deus como un lugar difícil, onde os seres humanos son forzados a tomar decisións morais, pois só desta forma poden madurar como axentes morais. Irineu compara a morte co gran peixe que tragou a Xonás: só nas profundidades do ventre da balea Xonás podería volverse a Deus e actuar de acordo coa vontade divina. Do mesmo xeito, a morte e o sufrimento parecen males, pero sen eles nunca se podería chegar a coñecer a Deus.
Segundo Ireneu, o punto alto da historia da salvación é a chegada de Xesús. Para Ireneu, a Encarnación de Cristo foi destinada por Deus antes que El determinara que a humanidade sería creada. Ireneu desenvolve esta idea baséandose en Rom. 5:14, dicindo que "Por canto El tiña unha pre-existencia como un Ser salvífico, era necesario que o que pode ser salvado tamén fose chamado á existencia, a fin de que o Ser que salva non existise en balde." [42] Algúns teólogos afirman que Irineu cría que a Encarnación ocorrería mesmo se a humanidade nunca pecara; pero o feito de que pecara determinou o papel del como o salvador.[43]
Ireneu ve a Cristo como o novo Adán, que desfai sistematicamente o que Adán fixo: así, onde Adán foi desobediente respecto do edito de Deus sobre o froito da Árbore do Coñecemento do Ben e do Mal, Cristo foi obediente ata a morte na madeira dunha árbore. Ireneu é o primeiro en establecer comparacións entre Eva e María, contrastando a infidelidade da primeira coa fidelidade da última. Ademais de desfacer os erros cometidos por Adán, Ireneu pensa que Cristo "recapitula" ou "resumo" a vida humana.[44]
Ireneu concibe a nosa salvación como esencialmente xurdida da encarnación de Deus como home. Caracteriza a pena de pecado como a morte e a corrupción. Deus, porén, é inmortal e incorruptible, e simplemente uníndose á natureza humana en Cristo, el nos transmite esas calidades: elas espállanse, por así dicir, como unha infección benigna.[45] Ireneu subliña que a salvación ocorre a través de Cristo e a súa Encarnación, a cal concede a incorruptibilidade á humanidade, en vez de salientar a súa morte redentora na crucifixión, aínda que o último acontecemento é parte integral do primeiro.[46]
Parte do proceso de recapitulación é que Cristo pasara por todas as fases da vida humana, desde a infancia ata a vellez, e simplemente vivíndoas, santifícaas coa súa divindade. Aínda que ás veces se supón que Ireneu cría que Cristo non morrera ata ser máis vello do que convencionalmente se di, o bispo de Lión só se referiu a que, como Xesús chegou a idade permitida para ser un rabí (30 anos), recapitulou e santificou, segundo a periodización da vida humana tradicional xudía, o período entre os 30 e os 50 anos, e así tocou o inicio da vellez, cando unha persoa chega aos 50 anos. (véxase Contra as herexías, Libro II, capítulo 22).
Na devandita pasaxe de Contra as herexías, Ireneu claramente di que despois de recibir o bautismo á idade de trinta anos, citando Lucas 3:23, os gnósticos a continuación afirman falsamente que "El [Xesús] predicou só un ano a partir do seu bautismo", e tamén "Ao completar o seu trixésimo ano El [Xesús] padeceu, sendo, de feito, aínda mozo, e de ningún xeito acadou unha idade avanzada." Ireneu argumenta contra os gnósticos usando as escrituras para amosar que Xesús vive, polo menos, varios anos despois do seu bautismo, referindo a 3 visitas a Xerusalén nitidamente separadas. A primeira, cando Xesús converte auga en viño, vai ata o día da festa pascal, despois do cal se retira e se atopa en Samaria. A segunda, cando Xesús vai a Xerusalén para a Semana Santa e cura ao paralítico, despois do cal se retira polo mar de Tiberíades. A terceira mención é cando viaxa a Xerusalén, cea na Pascua, e padece o día seguinte.[47]
Ireneu cita as escrituras, que nós citamos como Xoán 8:57, para suxerir que Xesús aínda predicaba cando tiña 40 anos. Ireneu tamén escribe que "Os anciáns son testemuñas disto, quen en Asia se reuniron con Xoán o discípulo do Señor, no sentido de que Xoán lles entregara isto: pois residiu con eles ata os tempos de Traxano. E algúns deles non veron soamente a Xoán, senón tamén outros dos apóstolos, e tiñan o mesmo relato dado por eles, e testemuña da devandita relación. "[47]
En Demostración (74) Ireneu reforza a súa opinión de que Xesús tiña polo menos 45 coa afirmación "Pois Herodes o rei dos xudeus e Poncio Pilatos, o gobernador de Claudio César, reuníronse e condenárono a ser crucificado."[48] Isto dataría a crucifixión non antes de 42 d. C.[49]
En Ireneu moitos aspectos da presentación da historia da salvación dependen das epístolas de Paulo. A concepción da salvación que tiña Ireneu depende moito de como é entendida nas cartas de Paulo. Ireneu por primeira vez trae á luz o tema da vitoria sobre o pecado e o mal que produciu a morte de Xesús. A intervención de Deus salvou a humanidade da caída de Adán e da maldade de Satanás.[50] A natureza humana uniuse coa de Deus na persoa de Xesús, permitindo así a natureza humana vencer o pecado.[51] Paulo escribe sobre o mesmo tema, que Cristo veu para instituír unha nova orde, e que estar baixo a Lei, é estar baixo o pecado de Adán (Rom. 06:14, Gal. 05:18).
A reconciliación tamén é un tema de Paulo no que Ireneu insiste no seu ensino sobre a salvación. Ireneu cre que Xesús ao encarnar santifica a humanidade para que poida reflectir de novo á perfección asociada á semellanza do divino. Esta perfección leva a unha nova vida, na liñaxe de Deus, que sempre estase a esforzar pola vida eterna e a unidade co Pai.[52][53] Isto tómao de Paulo, quen atribúe esa reconciliación as accións de Cristo: "Pois como a morte veu a través dun ser humano, a resurrección dos mortos, tamén veu a través dun ser humano; pois como todos morren en Adán, así todos serán vivificados en Cristo" 1 Cor. 15: 21-2.
Un terceiro tema na concepción da salvación tanto en Paulo como en Ireneu é que o sacrificio de Cristo é necesario para a vida nova dada á humanidade no triunfo sobre o mal. É nese sacrificio obediente que Xesús é gañador e reconciliador, borrando así as marcas que Adán deixara na natureza humana. Para argumentar contra os gnósticos sobre este punto, Ireneu utiliza Colosenses (Col. 2: 13-4) para demostrar que a débeda que veu por unha árbore foi pagada por nós noutra árbore. Ademais, o primeiro capítulo de Efesios é tomado na discusión de Irineu sobre o tema cando afirma, "polo seu propio sangue nos redimiu, como tamén declaran os seus apóstolos, e 'En quen temos a redención polo seu sangue, tamén [temos] o perdón dos pecados '. "[54]
Ireneu, na súa comprensión da salvación, non repetiu simplemente a mensaxe de Paulo. Un dos principais cambios que Ireneu fixo é respecto a cando ocorrería a Parusía. Paulo di crer que ía a ocorrer en breve, probablemente durante a súa propia vida (1 Tes. 04:15, 1 Cor. 15: 51-2). Con todo, o fin dos tempos non acontece inmediatamente e os cristiáns comézanse a preocupar e ter dúbidas sobre a fe. Ireneu ve no apresuramento un pecado, así como o foi cando Adán e Eva espelíronse a comer da árbore do coñecemento. Por outra banda, a redención restaurou á humanidade a través da submisión de Cristo á vontade de Deus. Así, a salvación do home tamén será restaurada á traxectoria orixinal controlada por Deus e perdida pola présa da pecado humano.[55] Esta versión un pouco máis lenta da salvación non é algo que Ireneu recibira de Paulo, senón unha construción necesaria dado o atraso da segunda vinda de Xesús.
Para combater os seus adversarios gnósticos, Ireneu desenvolve significativamente a presentación de Paulo sobre Cristo como o Último Adán. A presentación de Ireneu sobre Cristo como o novo Adán baséase no paralelismo Cristo-Adán de Paulo en Romanos 5: 12-21. Ireneu usa este paralelismo para demostrar que Cristo realmente asumiu a carne humana. Ireneu considera necesario salientar isto porque entende que a incapacidade de recoñecer a plena humanidade de Cristo é o punto en común das distintas correntes gnósticas.[56]
Ireneu cre que se o Verbo non se fixera carne, os seres humanos non serían integramente rescatados.[57] Explica que, ao devir en home, Cristo restaurou a humanidade como imaxe e semellanza de Deus, o que se perdera na Caída.[58][59] Así como Adán foi a cabeza orixinal da humanidade a través de quen todos pecaron, Cristo é a nova cabeza da humanidade que cumpre o papel de Adán na economía da salvación.[60] Ireneu chama este proceso de restauración "recapitulación da humanidade".[61]
Para Ireneu, a presentación que fai Paulo da Lei antiga (a Alianza mosaica) nesta pasaxe indica que a Lei antiga revelou a pecaminosidade dos homes, pero que non puido salvalos. Explica que a Lei "só puxo de relevo o pecado, pero non o destruíu. Pois o pecado non tiña dominio sobre o espírito, senón sobre o home".[62] Como os seres humanos teñen unha natureza física, non poden ser salvados por unha lei espiritual. En vez diso, precisan dun Salvador humano. Por iso era necesario que Cristo asumira a carne humana.[63] Ireneu resume como encarnado Cristo salva a humanidade cunha declaración que se asemella a Romanos 5:19: "Porque, como pola desobediencia dun só home que foi orixinalmente moldeado dun solo virxe moitos se fixeron pecadores e perderon a vida, foi necesario que, pola obediencia dun só home, que foi orixinalmente nacido dunha virxe, moitos sexan xustificados e reciban salvación".[64] A creación física de Adán e Cristo é salientada por Ireneu para demostrar como a Encarnación salva a natureza física da humanidade.[65]
Ireneu subliña a importancia da reversión que Cristo fai da acción de Adán. Por medio da súa obediencia, Cristo desfai a desobediencia de Adán.[66] Ireneu presenta a Paixón como o clímax da obediencia de Cristo, subliñando como esta obediencia na árbore da Cruz (Fil. 2: 8) desfai a desobediencia que ocorreu a través dunha árbore (Gen 3:17).[67] A interpretación que fai Ireneu da discusión de Paulo sobre Cristo como o novo Adán é significativa porque axudou a desenvolver a teoría da recapitulación da expiación. Ireneu subliña que é a través da inversión que Cristo fai da acción de Adán que a humanidade é salvada, no canto de considerar que a Redención ocorrese como unha forma de culto ou dunha forma xurídica.[68]
O gnosticismo valentiniano foi unha das principais formas de gnosticismo que combateu Ireneu. Segundo a visión gnóstica da salvación, a creación era perfecta desde o comezo; non precisaba de tempo para crecer e madurar. Para os valentinianos, o mundo material é o resultado da perda de perfección que resultou do desexo de Sofía por entender o Antepasado. Polo tanto, o home finalmente é rescatado mediante coñecementos secretos, para entrar no pléroma do que o Achamoth orixinalmente caeu.
Segundo os gnósticos valentinianos, hai tres clases de seres humanos. Os materiais, que non poden acadar a salvación; os psíquicos, que son fortalecidos polas obras e a fe (e que son parte da igrexa); e os espirituais, que non poden decaer ou ser prexudicados por accións materiais.[69] En esencia, os seres humanos comúns: os que teñen fe, pero non teñen o coñecemento especial, non acadarán a salvación. Os espirituais, en cambio, os que obteñan este gran don, son a única clase que acabará por acadar a salvación.
No seu artigo titulado O Demiúrgo, JP Arendzen resume o punto de vista valentiniano da salvación do home. Escribe: "Os primeiros, ou homes carnais, tornarán á grosería da materia e finalmente serán consumidos polo lume; os segundos, ou homes psíquicos, xunto co Demiúrgo como o seu mestre, entrarán nun estado intermedio, nin ceo (pléroma ) nin inferno; os homes puramente espirituais ficarán completamente libres da influencia do Demiúrgo e, xunto co Salvador e Achamoth, o seu esposo, entrarán no pléroma desposuídos de corpo (hyle) e alma (psyche) ".[70] Neste forma de entender a salvación, a finalidade da Encarnación foi redimir os Espirituais dos seus corpos materiais. Ao asumir un corpo material, o Fillo tórnase o Salvador e facilita a entrada no pléroma, facendo posible para os Espirituais recibiren o seu corpo espiritual. Con todo, devindo en corpo e alma, o propio Fillo faise unha das persoas que necesitan da redención. Polo tanto, a Palabra descende ao Salvador no seu bautismo no Xordán, o cal libera ao Fillo do seu corpo e alma corruptibles. A súa redención do corpo e da alma entón aplícase aos Espirituais.[71] En resposta a esta visión gnóstica de Cristo, Ireneu selientou que o Verbo se fixo carne e desenvolveu unha soterioloxía que subliñou a importancia do Corpo material de Cristo para salvar a humanidade, como se explicou máis enriba[72].
Na súa crítica do gnosticismo, Irineu referiuse a un evanxeo gnóstico que describiu a Xudas baixo unha luz positiva, como se actuase conforme ás instrucións de Xesús. O Evanxeo de Xudas descuberto recentemente data de preto do período en que viviu Ireneu (finais do século II), e os estudosos normalmente consideran esta obra como un dos moitos textos gnósticos que amosa unha das moitas variedades de crenzas gnósticas do época.[73]
Ireneu de Lión quizais sexa o máis antigo dos Padres da Igrexa en desenvolver unha marioloxia completa. É seguro que, mentres aínda era moi novo, Ireneu vira e oíra o bispo Policarpo (morto arredor de 155) en Esmirna.[74] Ireneu define un papel directo de María na economía da salvación, presentando a María como a nova Eva, cuxa obediencia na Anunciación contrasta coa desobediencia de Eva.[75] Ireneu afirma, "aínda que Eva tivo Adán como marido, ela aínda era virxe ... Por desobedecer, Eva tornouse a causa da morte para ela mesma e para toda a raza humana. Do mesmo xeito, María, aínda que tiña marido, era virxe, e obedecendo, ela converteuse na causa de salvación para si mesma e para toda a raza humana.[76]
Esta presentación de María como a nova Eva é unha ampliación que Irineu fai da tipoloxía Adán-Cristo. Así como Cristo desfai a desobediencia de Adán, María desfai a desobediencia de Eva.[77] A súa énfase sobre o papel de María axuda Ireneu a contrarrestar as cristoloxías de tipo docetistas e adopcionistas.[78] A súa énfase sobre o papel de María na economía da salvación ademais demostra como Deus transforma o mundo material a través da Encarnación, que foi unha parte importante de conflito de Ireneu cos gnósticos.[79]
Como Ireneu, Tertuliano describe como o nacemento virxinal de Cristo é paralelo á creación de Adán da terra virxe. Tertuliano tamén di que para Deus era necesario nacer dunha Virxe, para que o que se perdeu a través dunha muller fose salvo por unha muller.[80] Isto indica que no século II e III o concepto de María como a nova Eva era coñecido tanto en Oriente como na Igrexa occidental.[81]
Os primeiros catro libros de Contra as herexías constitúen unha análise e refutación minuciosa das doutrinas gnósticas. O quinto é unha declaración de crenza positiva que contrastando as opinións gnósticas, que presenta como cambiantes e contraditorias, coa fe supostamente inquebrantable da Igrexa. Ireneu recorre ás profecías para demostrar a veracidade do cristianismo.[82]
Ireneu amosa a estreita relación entre os acontecementos previstos en Daniel 2 e 7. Roma, o cuarto reino profético, acabaría partida en dez. As dez divisións do imperio son os "dez cornos" de Daniel 7 e os "dez cornos" de Apocalipse 17. Un "corno pequeno", que suplanta tres das dez divisións de Roma, tamén é a aínda futura "oitava" da Apocalipse. Ireneu culmina coa destrución de todos os reinos do Segundo Advento, cando Cristo, a "pedra" profetizada cortada da montaña sen usar as mans, fere a imaxe tras a división de Roma.[82][83][84]
Ireneu identificou o Anticristo, outro nome do apóstata Home do Pecado, co pequeno corno de Daniel e da Besta de Xoán (Apocalipse 13). El procurou aplicar outras expresións para o Anticristo, como "a abominación da desolación", mencionada por Cristo (Mat. 24:15) e o "rei da máis feroz faciana ", na explicación de Gabriel sobre o corno pequeno de Daniel 8. Pero non está moi claro como "o sacrificio e a libación será retirado" durante a "media semana ", ou os tres anos e medio do reinado do Anticristo.[85][86][94] Baixo a noción de que o Anticristo, como un único individuo, quizais fora de orixe xudía, Ireneu imaxina que a mención de "Dan", en Xeremías 08:16, e a omisión dese nome das tribos enumeradas en Apocalipse 7, pode indicar a tribo do Anticristo. Esta suposición converteuse na base dunha serie de interpretacións que posteriormente fixeron outros.[87][88]
Tal como os outros Padres da Igrexa primitiva, Ireneu interpretou os tres "tempos" e medio do Corno Pequeno de Daniel 7 como tres ano e medio literais. Tres anos e medio do Anticristo sentado no templo son colocados inmediatamente antes da segunda vinda de Cristo.[89][90][91] Son identificados como a segunda metade de "a semana" de Daniel 9. Ireneu non di nada das setenta semanas; non sabemos se Ireneu colocou a "semana" a finais dos setenta ou se tiña un baldeiro.[92]
Ireneu é o primeiro dos Padres da Igrexa en considerar o místico número 666. Aínda que Ireneu propuxo algunhas solucións para este enigma numérico, a súa interpretación foi moi reservada. Así, afirma con cautela:
Pero saber o número correcto declarado pola Escritura, que é seiscentos sesenta e seis, déixaos esperando, en primeiro lugar, a división do reino en dez; logo, en segundo lugar, cando estes reis estean reinando e comezando a pór os seus asuntos en orde e a avanzar no seu reino, [que aprendan] a recoñecer que o que hai de vir a reclamar o reino para si mesmo, e a aterrorizar os homes de quen estamos falando, ten un nome que contén o número enriba referido, é verdadeiramente a abominación da desolación[93].
Aínda que Ireneu especulou tres nomes para simbolizar ese número místico, é dicir, Euanthas, Teitan, e Lateinos, o contentaba crer que o Anticristo xurdiría nalgún momento futuro, tras a caída de Roma e que, a continuación, o significado do número sería ser revelado.[94][95]
Ireneu afirma que o futuro reinado de tres-anos-e-medio do Anticristo, cando se sente no templo de Xerusalén, será rematado pola segunda chegada, a resurrección dos xustos, a destrución dos impíos e o milenio de reinado dos xustos. A resurrección xeral e o xuízo segue ao descenso da Nova Xerusalén ao final do reino de mil anos.[95][96][97]
Ireneu chama "herexes" aos que afirman que os salvos son inmediatamente glorificados no Reino que ven despois da morte, antes da súa resurrección. Afirma que o reino de mil anos e a resurrección son realidades, non alegorías, nas que a primeira resurrección introduce a este reino prometido onde os santos resucitados son descritos gobernantes da terra renovada durante o milenio, entre as dúas resurreccións.[98][99][100]
Ireneu mantivo a antiga tradición xudía segundo a cal os primeiros seis días da semana da creación eran típicos dos primeiros seis mil anos de historia da humanidade, coa manifestación do Anticristo no sexto período. E esperaba que o reino dos mil anos comezase coa segunda vinda de Cristo para destruír aos malvados e inaugurar, para o xusto, o reinado de Deus durante o sétimo milenio, o Sababath do milenio, como Sabbath da creación.[96][100][101][102]
Como moitos dos Padres, Ireneu non distinguiu entre a Nova Terra recreada no seu estado eterno —os mil anos de Apocalipse 20—, cando os santos están con Cristo despois da Súa segunda vinda, e as tradicións xudías do reino mesiánico. Por iso, Ireneu aplica ideas bíblicas e tradicionais ás súas descricións da terra durante o milenio, ao longo dos capítulos finais do Libro 5. Esa concepción do reinado dos santos resucitados e levados con Cristo á terra durante o milenio —popularmente coñecido como quiliasmo— foi a crenza cada vez máis predominante nesa época. Incipientes distorsións, debidas á mestura de tradicións actuais que figuran nas formas extremas de quialismo, causaron unha reacción contra as anteriores interpretacións de profecías bíblicas.[103]
Ireneu non quería un reino xudeu. Interpretou Israel como a Igrexa cristiá, a semente espiritual de Abraham.[104][105]
Ás veces as súas expresións son moi fantasiosas. Conta, por exemplo, sobre a fecundidade prodixiosa desta terra durante o milenio, despois da resurrección dos xustos, "cando tamén a creación, xa renovada e liberada, frutificará cunha abundancia de todo tipo de alimentos." Neste senso, atribúese a Cristo o dito sobre a vide con dez mil ramas, e a espiga de trigo con dez mil grans, etc., que cita de Papías de Hierápolis.[105][106]
A exexese de Ireneu non cobre todo. Respecto aos selos, por exemplo, simplemente alude a Cristo como o xinete sobre o cabalo branco. Ireneu insiste en cinco factores con maior claridade e énfase que Xustino:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.