Leonardo DiCaprio
actor e produtor estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Leonardo Wilhelm DiCaprio, nado nos Ánxeles (California) o 11 de novembro de 1974[1], é un actor e produtor estadounidense. Foi nomeado a cinco Premios Óscar e dez Globos de Ouro. Na 88ª edición dos Óscar gañou o Óscar ó mellor actor polo seu papel no filme The Revenant. Gañou dous Globos de Ouro ó mellor actor dramático polas súas interpretación nos filmes The Aviator (2004) e The Revenant (2015), e o Globo de Ouro ó mellor actor de comedia ou musical por The Wolf of Wall Street (2013). Tamén foi nomeado ós Screen Actors Guild, Satellite Awards e ós British Academy of Film and Television Arts.[2]
DiCaprio comezou a súa carreira aparecendo en varios anuncios comerciais de televisión antes de converterse nunha personaxe recorrente de series de televisión como Santa Barbara ou Growing Pains de comezos dos anos 1990. A súa estrea nun gran filme foi This Boy's Life (1993) xunto con Robert De Niro. DiCaprio gañou recoñecemento polo seu papel seguinte en What's Eating Gilbert Grape (1993), así como por protagonizar The Basketball Diaries (1995) e Romeo + Juliet (1996). Acadou a fama internacional polo seu papel como Jack en Titanic (1997) de James Cameron.
Dende a década do 2000, DiCaprio recibiu aclamacións da crítica polo seu traballo en filmes como Catch Me If You Can (2002), Gangs of New York (2002), Diamante de sangue (2006), Infiltrados (2006), Revolutionary Road (2008), Shutter Island, Orixe (2010) e Django Unchained (2012).[3] DiCaprio posúe a súa propia produtora chamada Appian Way Productions. Un comprometido defensor do medio ambiente, DiCaprio recibiu louvanzas de grupos ecoloxistas polo seu activismo.