Liga Árabe
organización de estados árabes / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Liga Árabe (en árabe:الجامعة العربية al-Jāmiʻa al-ʻArabiya), oficialmente chamada Liga de Estados Árabes (جامعة الدول العربية Jāmiʻat ad-Duwal al-ʻArabiya), é unha organización política internacional de estados árabes da África do Norte, o Corno de África e Asia Occidental.
الجامعة العربية (ar) | ||||
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Poboación | ||||
Lingua oficial | árabe | |||
Xeografía | ||||
Comparte fronteira con | ||||
Datos históricos | ||||
Fundador | Exipto, Iraq, Xordania, Líbano, Arabia Saudita, Siria e Iemen | |||
Creación | 22 de marzo de 1945 | |||
Organización política | ||||
Órgano lexislativo | Parlamento Árabe (pt) , | |||
Moeda | Dinar alxeriano | |||
Páxina web | leagueofarabstates.net | |||
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Foi fundada no Cairo o 22 de marzo de 1945 por seis estados, Exipto, Iraq, Transxordania (renomeada posteriormente como Xordania), Líbano, Arabia Saudita e Siria.[1] O Iemen uniríase o día 5 de maio de 1945. Na actualidade ten 22 membros (incluíndo Siria, aínda que a súa participación quedou en suspenso en novembro de 2011 como consecuencia da represión do goberno durante a insurrección en curso e a guerra civil.[2]) e catro observadores.
O seu obxectivo principal é:
- Servir ao ben común de tódolos países árabes, asegurar mellores condicións para tódolos países árabes, garantir o futuro de tódolos países árabes e cumprir os desexos e expectativas de tódolos países árabes.[3]
A través de institucións como a Organización da Liga Árabe para a Educación, a Cultura e a Ciencia (ALESCO do inglés Arab League Educational, Cultural and Scientific Organization) e o Consello Económico e Social do Consello da Unidade Económica Árabe (CUEA do inglés Council of Arab Economic Unity), a Liga Árabe facilita programas políticos, económicos, culturais, científicos e sociais destinados a promover os intereses dos países árabes.[4][5] A organización serviu aos Estados membros como un foro para coordinar as súas posicións políticas, para deliberar sobre asuntos de interese común, para resolver algúns conflitos árabes e para limitar outras, como a crise do Líbano de 1958. A Liga serviu como plataforma para a elaboración de documentos históricos promovendo a integración económica. Un exemplo é a Carta Árabe de Acción Económica Conxunta, que establece os principios para as actividades económicas na rexión.
Cada estado membro ten un voto no Consello da Liga, mentres que as decisións só obrigan a aqueles estados que votaron a favor. Os obxectivos da Liga en 1945 eran reforzar e coordinar os programas políticos, culturais, económicos e sociais dos seus membros, e mediar nas disputas entre eles ou con terceiras partes. Ademais, a sinatura dun acordo sobre cooperación mutua en defensa e economía o 13 de abril de 1950, comprometeu aos asinantes a tomar medidas de coordinación en defensa militar. En marzo de 2015, o Secretario Xeral da Liga Árabe anunciou o establecemento dunha Forza Militar Conxunta co obxectivo de contrarrestar o extremismo e outras ameazas nos estados árabes. A decisión tomouse mentres a Operación Tormenta Decisiva estaba intensificándose no Iemen. A participación no proxecto é voluntaria e o exército intervén só a petición dun dos estados membros. A crecente militarización da rexión e o incremento dos movementos terroristas son as razóns detrás das cales está a creación desta forza militar conxunta, ou JAF (do nome en inglés: Joint Arab Force), financiada polos países ricos do Golfo Pérsico[6].
Nos primeiros anos da década dos setenta do século xx, o Consello Económico da Liga dos Estados Árabes suxeriu a creación de Cámaras de Comercio conxuntas árabes e europeas. Isto levou, baixo o decreto K1175/D52/G da Liga de Estados Árabes, á decisión dos gobernos árabes de establecer a Cámara de Comercio Anglo Árabe co mandato de "promover, impulsar e facilitar o comercio bilateral" entre o mundo árabe e o seu maior socio comercial, o Reino Unido.
A Liga Árabe xogou un rol similar no deseño de currículos escolares, no avance do papel da muller nas sociedades árabes, promovendo a saúde infantil, fomentando programas para a mocidade e deportivos, preservando o legado cultural árabe e impulsando intercambios entre os estados membros[Cómpre referencia]. Establecéronse campañas de alfabetización, producíronse obras intelectuais e a moderna terminoloxía técnica trasladouse aos estados membros. A Liga fomenta medidas contra o crime e o abuso das drogas, e implícase en temas laborais, especialmente entre os traballadores árabes emigrantes[Cómpre referencia].