Patrimonio da Humanidade en España
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en España, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. España aceptou a Convención o 4 de maio de 1982, facendo o seu conxunto histórico elixible para a súa inclusión na lista.[3]
Os lugares de España inscribíronse por primeira vez na lista na 8ª reunión do Comité do Patrimonio da Humanidade, celebrada en Buenos Aires, Arxentina en 1984. Nesa sesión, engadíronse cinco sitios: a "Mesquita de Córdoba"; "a Alhambra e o Generalife, en Granada"; a "Catedral de Burgos"; o "Mosteiro e lugares do Escorial, Madrid"; e o "Parc Güell, Palau Güell e Casa Milà, en Barcelona"[4] engadíronse cinco sitios en 1985, e outros catro en 1986. Ademais de 1984, 1985, e 1986 (tres primeiros anos de España como membro), 2000 viu a maioría dos novos lugares inscritos, con cinco dese ano. En 2023, España conta con 50 lugares en total inscritos na lista, cuarto soamente detrás da China, Italia e Alemaña. Destes 50 lugares, 43 son culturais, 4 son naturais, e 3 son mixtos (cumpren ambos os criterios culturais e naturais), segundo determinan os criterios de selección da organización.
O sitio Pireneos – Monte Perdido compártese con Francia, mentres que os sitios de arte rupestre prehistórica do val do Côa e de Siega Verde son compartidos con Portugal. Ademais diso, Almadén inscríbese xunto Idrija en Eslovenia. Das 17 comunidades autónomas de España, Castela e León ten a maioría dos lugares, con seis exclusivos e dous lugares compartidos.[5]
Ademais, España estableceu un acordo coa UNESCO coñecido como os Fondos Fiduciarios españois. O acordo foi asinado o 18 de abril de 2002 entre Francisco Villar, o embaixador español e Delegado Permanente ante a UNESCO, e o Director Xeral da UNESCO, Kōichirō Matsuura. O fondo ofrece 600 000 euros anualmente a un programa elixido. Os programas inclúen axudar a outros Estados membros, en particular en América Latina, con proxectos tales como os procesos de designación de expertos e a avaliación dos sitios tentativos.[6] España exerceu a presidencia do Comité de Patrimonio Mundial en 2008 e 2009, e en 2009 foi sede a 33ª reunión do Comité en Sevilla, Andalucía.[6]