Liña de alta velocidade Madrid-Zaragoza-Barcelona-Fronteira francesa
From Wikipedia, the free encyclopedia
A liña de alta velocidade Madrid-Zaragoza-Barcelona-Fronteira francesa é unha liña de alta velocidade da rede de ferrocarril en España, pertencente á Rede de Interese Xeral xestionada pola empresa pública estatal Adif. A infraestrutura está deseñada para unha velocidade de 350 km/h, se ben actualmente a velocidade comercial máxima alcanzada polos trens é de 310 km/h,[1] que permite a conexión por AVE entre as cidades de Madrid e Barcelona nun tempo de dúas horas e media.[2]
A liña ten unha lonxitude total de 804 quilómetros. Comeza na estación de Madrid-Puerta de Atocha e finaliza tras a estación de Figueres-Vilafant, onde ten continuidade cunha sección internacional ata Perpiñán que conecta as redes ferroviarias de España e Francia. A liña intérnase nas cidades de Barcelona, coas estacións de Barcelona-Sants e Barcelona-La Sagrera (actualmente en construción), e Xirona. Ademais, ten dúas variantes que permiten saíndo da liña acceder ás estacións de Zaragoza-Delicias e Lleida-Pireneos, e dispón de tres estacións en plena liña: Guadalaxara-Yebes, Calatayud e Camp de Tarragona.
Ademais dos servizos internos da liña (AVE para os de longa distancia e Avant para os de media distancia), existen cambiadores de ancho no ámbito de Zaragoza que permiten saír da liña, ademais dun ramal en ancho internacional que finaliza en Huesca. Mediante cambio de ancho en Zaragoza utilizan esta liña os trens entre Madrid e Navarra e A Rioxa, e entre Barcelona e o norte de España. Ademais, unha conexión coa LAV Madrid-Sevilla permite conexións Cataluña-Andalucía sen entrar en Madrid.
A liña foi inaugurada en varios tramos comezando dende Madrid. En outubro de 2003 abriuse ata Lleida, en decembro de 2006 chegouse ata Tarragona, en febreiro de 2008 ata Barcelona e en xaneiro de 2013 completouse a liña alcanzando Figueres e a fronteira francesa.