From Wikipedia, the free encyclopedia
Mario Monti, nado en Varese o 19 de marzo de 1943, é un economista e político italiano, foi primeiro ministro dese país, cargo ao que renunciou o 21 de decembro de 2012.
Despois de estudar o bacharelato en Milán, en 1965 licenciouse en económicas na Universidade Comercial Luigi Bocconi da mesma cidade. A finais da década dos sesenta marchou estudar aos Estados Unidos, e en concreto á Universidade Yale, onde aprendeu do Premio Nobel de Economía James Tobin.[1]. No ano 1969 volveu a Italia, onde se fixo cargo dunha praza de profesor de economía na Universidade de Trento. Ao curso seguinte pasou á Universidade de Turín[2], onde impartiu docencia durante quince anos, ata que en 1985 conseguiu a praza de profesor de economía política na Universidade Bocconi de Milán. Nesta universidade, onde el fora estudante, converteuse ademais no director do Istituto di Economia Politica.
Na década dos oitenta e dos noventa, Monti desenvolveu un labor académico asesorando os órganos políticos italianos e producindo diversos estudos académicos nos campos da inflación, o sistema crediticio e financeiro ou a débeda pública, entre outros eidos. Ademais, conseguiu o cargo de reitor da Universidade Bocconi en 1989, que desempeñou ata 1994, ano en que pasou a ser o presidente da mesma, posto de honra no que sucedeu o ex-presidente da república italiana, Giovanni Spadolini, logo do seu falecemento, e que mantivo durante as dúas décadas seguintes.
Se ben Monti non participara anteriormente na política partidaria italiana, nese mesmo 1994 foi escollido polo goberno de Silvio Berlusconi para representar a Italia na Comisión Europea que dirixía o luxemburgués Jacques Santer, a canda a radical Emma Bonino. Nesa comisión Santer, Monti recibiu o comisariado de mercado interno, servizos financeiros, fiscalidade e unión alfandegueira. Cinco anos despois, en 1999, e xa cando o mandato da Comisión expiraba, o equipo Santer dimitiu en bloque logo do escándalo vencellado a prácticas corruptas e erros administrativos por parte dalgúns comisarios, e Monti fíxoo tamén.
Porén, Monti non deixou de traballar na Comisión. Cando se forma o equipo que dirixía o tamén italiano Romano Prodi, o primeiro ministro socialdemócrata Massimo D'Alema volveuno escoller como representante italiano. Nesta etapa na Comisión Prodi ocupouse da carteira de Competencia, unha das carteiras chave en política económica. Neste período é Monti lanzou o proceso contra Microsoft, por violar as leis anticompetencia coa distribución gratuíta do navegador Internet Explorer, e cando bloqueou o acordo de fusión entre as eléctricas General Electric e Honeywell, por considerala contraria ás regras antitrust dado que lles ía proporcionar a estas empresas unha posición demasiado dominante no mercado.
En 2004 a Comisión de Prodi toca á súa fin, pero Berlusconi, que é de novo primeiro ministro, decidiu non designalo como comisario europeo. O primeiro ministro italiano propuxo a Rocco Buttiglione, pero este foi rexeitado polos demais países polas súas opinións polémicas sobre a homosexualidade e as mulleres, e finalmente a praza de Monti acabouna ocupando Franco Frattini.
Abandonada a política europea, Monti regresou á actividade académica como economista. Monti é partidario da liberalización dos mercados e do rigor no control das contas públicas[3]. Un dos resultados máis importantes na súa actividade científica é o modelo de Klein-Monti, que describe o comportamento dun banco en réxime de monopolio, e que lle valeu entre outros méritos o premio Nobel de Economía ao seu coautor Lawrence Klein. En 2004 participou da creación e dirixiu o think tank Bruegel, unha plataforma de inspiración europeísta con sede en Bruxelas e posteriormente foi o copresidente da Comisión Trilateral en representación da economía europea, un lobby fundado en 1973 por David Rockefeller[4] En 2011 era membro do comité executivo da Trilateral, e membro tamén do comité directivo do Grupo Bilderberg[5].
En 2005 converteuse en asesor internacional do grupo financeiro Goldman Sachs e membro do Research Advisory Council del Goldman Sachs Global Market Institute[6][7]. Tamén é asesor da Coca Cola Company.
En 2010 escribiu un libro branco sobre o futuro do mercado único europeo baixo o encargo do presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, onde avogaba por medidas que intensificasen o sistema de mercado único[8], mentres que en paralelo adoptaba posicións federalistas en Europa, tendentes á redución do poder dos estados membros e a unha maior descentralización.
O 9 de novembro de 2011, en plena crise política e económica en Italia, foi nomeado senador vitalicio polo presidente da República Giorgio Napolitano grazas aos seus méritos no eido científico e social[9][10]. Este nomeamento permitiulle acceder ás cámaras, co que lle abría as portas ao nomeamento como primeiro ministro no caso de que o titular do cargo, Silvio Berlusconi, se vise obrigado a dimitir para reconducir a presión da débeda sobre Italia. O domingo 13 de novembro foi nomeado primeiro ministro, que recadou o apoio das cámaras.
Dous días máis tarde, Monti presentaba o seu gabinete de ministros, onde non figuraban políticos e si empresariado e profesorado universitario sen experiencia previa na política.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.