Maya Angelou
From Wikipedia, the free encyclopedia
Marguerite Annie Johnson nada en Saint Louis (Missouri) o 4 de abril de 1928 e finada en Winston-Salem o 28 de maio de 2014 foi unha autora, poeta, bailarina, actriz e cantante estadounidense coñecida como Maya Angelou. Publicou sete autobiografías, tres libros de ensaio, varios libros de poesía e unha importante cantidade de obras teatrais, filmes e espectáculos de televisión de gran relevancia durante máis de cincuenta anos. Angelou recibiu ducias de premios e máis de cincuenta títulos honoríficos.[1]
Converteuse en escritora e poeta despois de ter diferentes ocupacións durante a súa mocidade, incluíndo cociñeira, prostituta, bailarina e actriz de clubs nocturnos, membro do elenco do musical Porgy and Bess, coordinadora da Conferencia Sur de Liderado Cristián e xornalista en Exipto e Ghana durante a descolonización de África. En 1982 converteuse en profesora de estudos americanos na universidade de Wake Forest en Winston-Salem, Carolina do Norte. Participou activamente no movemento polos dereitos civís, traballando con Martin Luther King, Jr. e Malcolm X. A mediados da década de 1990 realizou arredor de oitenta aparicións ao ano no circuíto de discursos, o que continuou a facer ata os oitenta anos. En 1993, Angelou recitou o seu poema "On the Pulse of Morning" na inauguración do presidente Bill Clinton, sendo a primeira poeta que recitou o seu traballo nunha inauguración presidencial dende que o fixera Robert Frost para o presidente John F. Kennedy en 1961.
Coa publicación de I Know Why the Caged Bird Sings, falou publicamente de aspectos da súa vida persoal. Foi unha respectada voceira das persoas de raza negra e das mulleres, e a súa obra considérase unha defensa da cultura afroamericana. Houbo intentos de censura dos seus libros nas librarías estadounidenses, mais os seus traballos son amplamente empregados nas escolas e universidades. As obras máis importantes de Angelou foron etiquetadas como autobiografías de ficción, mais algúns críticos si as caracterizaron con certas autobiografías. Angelou fixo un intento deliberado de retar a estrutura común das autobiografías, criticando, cambiando e expandindo o xénero. Os seus libros céntranse en temas como o racismo, a identidade, a familia e as viaxes.