Moeda de 20 dólares de 1933
From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda de 20 dólares de 1933 (coñecida tamén como dobre aguia de 1933) é a moeda de ouro de 20 dólares Saint-Gaudens emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada pola Ceca de Filadelfia no derradeiro ano da súa serie, 1933, en plena Gran Depresión. Trátase dunha moeda mítica da numismática estadounidense, por mor da súa rareza, xa que, malia a súa tiraxe inicial de 445.500 pezas, ningunha delas saíu á circulación e ordenouse a súa refundición, da que só sobreviviron uns poucos exemplares.[2]
20 dólares de 1933 [1] | |
---|---|
A/: a Liberdade en pé, camiñando, cun facho e unha póla de oliveira. Detrás raios e ao fondo á esquerda o Capitolio. 46 estrelas arredor. Data. Marcas de ceca e de gravador.
Lenda: LIBERTY / 1933. |
R/: aguia voando cara á esquerda, sobre os raios dun Sol que está no exergo.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / TWENTY DOLLARS / IN GOD WE TRUST |
|
Aínda que a orde de refundición das pezas cuñadas prevía que se conservasen unicamente dous exemplares, sábese que outros 20 foron rescatadas da fundición con ánimo de fraude e chegaron clandestinamente ás mans de coleccionistas. Nove destas moedas foron recuperadas posteriormente e destruídas, o que a converte nunha das moedas máis raras do mundo, con só 13 exemplares coñecidos, dos cales só un é de propiedade privada, o coñecido como espécime Farouk ou espécime Weitzman.[3] Dise que o Servizo Secreto dos Estados Unidos investiga informes sobre a hipotética existencia doutros espécimes, xa que a súa posesión en mans privadas sería ilegal.[4]
As dúas moedas recuperadas oficialmente da fundición pasaron a formar parte da Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos; as dez recuperadas consérvanse no Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos de Fort Knox, e a única moeda legalmente en mans privadas vendeuse en 2002 ao coleccionista privado Stuart Weitzman,[5] —que permaneceu no anonimato naquel momento— por 7,59 millóns de dólares, o segundo prezo máis alto pagado nunha poxa por unha moeda estadounidense naquel momento.[6] A moeda vendeuse novamente a un comprador anónimo nunha poxa en xuño de 2021 por 18,9 millóns de dólares, o que a converteu na moeda máis cara xamais vendida,[7] tal e como consta no Guinness World Records.[8]
Da tiraxe total inicial, unha pequena cantidade de pezas fora enviada tamén á Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, e finalmente estas pezas acabaron sendo tamén destruídas e refundidas, logo do proceso de análise ao que foron sometidas.[1]