Olivia Manning
From Wikipedia, the free encyclopedia
Olivia Mary Manning, nada o 2 de marzo de 1908 e finada o 23 de xullo de 1980, foi unha novelista, poetisa e crítica británica. Os argumentos dos seus libros, ficticios e realistas, viraban ao redor de viaxes e odiseas persoais, ambientadas principalmente en Europa (sobre todo no Reino Unido e Irlanda) e Oriente Medio. Adoitaba escribir sobre experiencias propias e, en ocasións, apelaba tamén á imaxinación. Foi recoñecida polo seu ollo artístico e polas vívidas descricións presentes nos seus libros.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de marzo de 1908 Portsmouth, Reino Unido |
Morte | 23 de xullo de 1980 (72 anos) Ryde, Reino Unido (pt) |
Lugar de sepultura | Billingham Manor (en) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Unido |
Actividade | |
Ocupación | Escritora |
Período de actividade | 1937 - |
Lingua | Lingua inglesa |
Obra | |
Arquivos en |
|
Durante a súa nenez, Manning viviu en Portsmouth e Irlanda, polo que adquiriu o que describiría como «a habitual sensación anglo-irlandesa de non pertencer a ningunha parte».[1] Contraeu matrimonio con Reginald Smith («Reggie») en agosto de 1939, el era un conferenciante do British Council que posteriormente foi enviado a Bucarest (Romanía), e máis tarde a Grecia, Exipto e Palestina a medida que os nazis foron invadindo o leste de Europa.[2] As súas experiencias neste tempo foron a base para a súa obra máis famosa, as seis novelas que forman The Balkan Trilogy e The Levant Trilogy, coñecidas como Fortunes of War. Os críticos catalogaron como irregular a calidade da súa produción en xeral, pero Anthony Burgess describiu esta serie en particular, publicada entre 1960 e 1980, como «a mellor constancia escrita ficticia da guerra que fora producida por un escritor británico».[3]
Manning regresou a Londres despois da guerra e viviu alí até a súa morte; durante o resto da súa vida escribiu poesías, relatos curtos, escritos de non ficción, críticas e obras de teatro para a BBC.[4] Tanto Manning como o seu esposo foron infieis, pero xamais contemplaron a posibilidade do divorcio.[1] Manning tivo unha relación de amizade complicada coas escritoras Stevie Smith e Iris Murdoch, xa que Manning, insegura de si mesma, sentía celos do éxito das súas amigas.[1] As súas queixas constantes sobre todo o que sucedía veñen reflectidas no seu sobrenome, «Olivia Moaning» («Olivia Queixas»), pero Reggie nunca fraqueou no seu papel como o principal admirador da súa esposa, confiado de que o seu talento finalmente sería recoñecido.[5] Como ela temía, a verdadeira fama chegoulle despois da súa morte (ocorrida en 1980), cando se levou á televisión unha adaptación de Fortunes of War, en 1987.[6]
Os libros de Manning recibiron pouca atención por parte da crítica. Como ocorreu durante a súa vida, as opinións están divididas, en particular as que se basean na súa caracterización e a súa descrición doutras culturas. As súas obras tenden a minimizar os problemas de xénero e non poden clasificarse facilmente como literatura feminista. Con todo, estudos recentes resaltaron a importancia de Manning como unha escritora de ficción bélica nun tempo en que o Imperio británico estaba en decadencia. As súas obras critican a guerra, o racismo, o colonialismo e o imperialismo, e abarcan temáticas de desprazamento e de alienación física e emocional.[7]