diferentes estruturas suspendidas no citoplasma dunha célula, con forma e función diferenciadas From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía celular, denomínanse orgánulos[1] ou organelos[2] as diferentes estruturas suspendidas no citoplasma da célula eucariota, que teñen unha forma e unhas funcións especializadas ben definidas e diferenciadas. A célula procariótica carece da maior parte dos orgánulos (xeralmente só posúe ribosomas).
Non todas as células eucariotas conteñen todos os orgánulos ó mesmo tempo, senón que algúns aparecen en determinadas células de acordo coas súas funcións.
Os termos orgánulo e organelo introducíronse xa no século XIX cando se empezaron a estudar as partes internas da célula. As subestruturas celulares cunha función específica recibiron o nome de orgánulos por analoxía co termo órgano (as unidades funcionais do corpo dun organismo pluricelular).[3] Porén, nos primeiros traballos sobre as células os autores raramente facían distinción entre "orgánulos" e "órganos".
Considérase que o primeiro[4][5][6] que usou o diminutivo de órgano para referirse ás estruturas internas da célula foi o zoólogo alemán Karl August Möbius (1884), que utilizou nunha revista científica o termo organula (plural de organulum, diminutivo latino de organum).[7] Polo contexto en que foi utilizado, está claro que se refería ás estruturas relacionadas coa reprodución dos protistas. Porén, algo despois, nunha nota a rodapé que foi publicada como unha corrección no seguinte número da revista, xustificou a súa proposta terminolóxica de chamarlle mellor a ditas estruturas de organismos unicelulares "organella" (en vez de orgánulos) porque son simplemente distintas partes dunha célula, a diferenza dos órganos dos seres pluricelulares. Por tanto, o termo orixinal orgánulos (organula) e o algo posterior organelos (organella) referíanse ás subestruturas dos organismos unicelulares.
Varios anos despois orgánulo ou o termo posterior organelo foron aceptados e utilizáronse cada vez máis para referirse ás estruturas subcelulares de todos os organismos, unicelulares e pluricelulares. Os libros de arredor de 1900 de Valentin Häcker,[8] Edmund Wilson[9] e Oscar Hertwig[10] aínda falan de órganos celulares, pero máis tarde órgano e organelos úsanse ás veces conxuntamente como sinónimos; por exemplo Bengt Lidforss publicou textos en 1915 (en alemán) nos que falaba de "órganos ou organelos" (Organe oder Organellen).[11]
Arredor de 1920, o termo organelo utilizouse para referirse a estruturas propulsoras ("complexos organelos motores", por exemplo, flaxelos e a súa ancoraxe basal[12] e outras estruturas de protistas ciliados como os cilios).[13] Alfred Kühn falaba dos centríolos como organelos da división.[14]
Max Hartmann no seu libro de 1953 utiliza o termo para referirse aos esqueletos de protistas intracelulares ou extracelulares (película, cunchas ou cubertas, paredes celulares).[15]
Máis tarde, foi emerxendo a definición, hoxe moi usada,[16][17][18][19] de organelo, na cal só as estruturas rodeadas por membranas se consideraban organelos. Porén, a definición orixinal e máis xeral de unidade subcelular funcional aínda coexiste coa máis restrinxida (só os rodeados de membrana).[20][21]
En 1978, Albert Frey-Wyssling propuxo, con moi escaso éxito, que organelo se restrinxise só ás estruturas que converten enerxía, como os centrosomas, ribosomas, e nucléolos.[22]
Actualmente pode atoparse en diversos textos o termo organelo/orgánulo usado con diferentes significados: algúns consideran orgánulo só os que conteñen ADN (mitocondrias e cloroplastos de orixe endosimbótica),[23][24][25] pero para a maioría son todos os "compartimentos celulares", polo que deben estar rodeados de membrana, aínda que o uso do termo para referirse a partes da célula non rodeadas de membrana (ribosomas, por exemplo) é tamén común.[26] Nalgúns textos fálase de orgánulos/organelos rodeados de membrana e non rodeados de membrana.[27] Tamén se ve ás veces organela en vez de organelo.
Orgánulo | Función | Estrutura | Organismos | Notas |
---|---|---|---|---|
cloroplasto | fotosíntese | posúe dobre membrana | plantas, protistas | contén algúns xenes |
retículo endoplasmático | síntese e embalaxe de proteínas e certos lípidos | pode asociarse con ribosomas na súa membrana | eucariontes | |
aparato de Golgi | transporte e embalaxe de proteínas | sacos achandados rodeados por membrana citoplasmática | a maioría de eucariontes | nas plantas coñécense como dictiosomas |
mitocondria | produción de enerxía | compartimento de dobre membrana | a maioría de eucariontes | contén algúns xenes |
vacúolos | almacenaxe, transporte e homeostase | sacos de membrana vesicular | plantas e fungos | |
núcleo | mantemento de ADN e ARN, e expresión xenética | rodeado por membrana dobre | todos os eucariontes | contén o xenoma |
Orgánulo/compoñente | Función | Estrutura | Organismos |
---|---|---|---|
acrosoma | axuda ó espermatozoide a fusionarse co óvulo | compartimento de membrana simple | moitos animais |
autofagosoma | vesícula que almacéna material citoplasmático e orgánulos para a súa degradación | compartimento de dobre membrana | todas as células eucariotas |
centríolo | fixación do citoesqueleto | microtúbulos de proteínas | animais |
cilio | movemento | microtúbulos de proteínas | animais, protistas, algunhas plantas |
glioxisoma | transformación de lípidos en azucre | compartimento de membrana simple | plantas |
hidroxenosoma | produción de enerxía e hidróxeno | compartimento de dobre membrana | algúns eucariontes unicelulares |
lisosoma | ruptura de grandes moléculas | compartimento de membrana simple | a maioría dos eucariontes |
melanosoma | almacén de pigmentos | compartimento de membrana simple | animais |
mitosoma | sen caracterizar | compartimento de dobre membrana | algúns eucariones unicelulares |
miofibrila | contracción muscular | filamentos entrelazados | animais |
nitroplasto | fixación do nitróxeno | compartimento de dobre membrana | certas algas |
nucléolo | produción de ribosomas | proteínas-DNA-RNA | a maioría dos eucariontes |
parentosoma | sen caracterizar | sen caracterizar | fungos |
peroxisoma | oxidación de proteínas | compartimento de membrana simple | todos os eucariontes |
ribosoma | produción de proteínas a partir de ARN | ARN-proteínas | eucariontes e procariontes |
vesícula | varias funcións | compartimento de membrana simple | todos os eucariontes |
Atendendo á súa xénese, os orgánelos clasifícanse en dous grupos:
Son orgánulos incorporados á célula eucarionte inicialmente como bacterias endosimbiontes. Os orgánelos de orixe endosimbiótico teñen o seu propio xenoma, a súa propia maquinaria de síntese proteica, incluídos ribosomas, e multiplícanse por bipartición, de maneira que se se extirpan experimentalmente dunha célula non poden volver a se formar.
Os procariotas non son estruturalmente tan complexos coma os eucariotas, e pensábase inicialmente que non tiñan estruturas internas limitadas por membranas lipídicas similares a orgánulos membranosos. No pasado víanse como organismos con moi pouca organización interna; pero, pouco a pouco, empezaron a coñecerse detalles da súa estrutura interna que fixeron mudar esta visión. Unha idea inicial incorrecta desenvolvida na década de 1970 era que contiñan pregamentos internos da membrana chamados mesosomas, pero estes foron despois identificados como artefactos producidos polas substancias químicas utilizadas na preparación das células para a microscopía electrónica.[28]
Porén, as investigacións máis recentes revelaron que polo menos algúns procariotas teñen microcompartimentos asimilables a orgánulos, tales como os carboxisomas. Estes compartimentos subcelulares teñen 100 - 200 nm de diámetro e están rodeados por unha cuberta proteica.[29] Outros dos orgánulos descubertos son o magnetosoma, rodeado de membrana,[30][31] e as estruturas similares a un núcleo de Planctomycetes, que están limitadas por membranas lipídicas.[32]
Orgánulo/Macromolécula | Función principal | Estrutura | Organismos |
---|---|---|---|
carboxisoma | fixación do carbono | compartimento con cuberta proteica | algunhas bacterias |
clorosoma | fotosíntese | complexo captador de luz | bacterias verdes do xofre |
flaxelo | movemento no medio externo | filamento proteico | algúns procariotas e eucariotas |
magnetosoma | orientación magnética | cristal inorgánico, membrana lipídica | bacterias magnetotácticas |
nucleoide | contén o ADN, transcrición do ARN | ADN-proteínas | procariotas |
plásmido | intercambio de ADN | ADN circular | algunhas bacterias |
ribosoma | tradución do ARN en proteínas | ARN-proteínas | eucariotas, procariotas |
tilacoide | fotosíntese | proteínas e pigmentos do fotosistema | principalmente cianobacterias |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.