Trofeo Teresa Herrera
torneo amistoso de fútbol xogado na Coruña / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Trofeo Teresa Herrera é un torneo futbolístico de carácter amigábel que ten lugar cada ano na cidade da Coruña, desde 1946. Dispútase dende os seus inicios no estadio de Riazor, sendo organizado primeiro polo Concello da Coruña e dende o ano 2000 polo Deportivo da Coruña.[1]
Fundación | 1946 |
---|---|
Rexión | Galicia |
Número de equipos | 2-4 |
Actual campións | Deportivo da Coruña |
Club máis exitoso | Deportivo da Coruña (24 títulos) |
Páxina web | Páxina oficial |
Trofeo Teresa Herrera 2022 |
É o torneo amigábel de fútbol que máis edicións leva celebradas no mundo de xeito ininterrompido e está considerado como un dos máis prestixiosos debido á máxima categoría que teñen os equipos que participaron na súa historia.[2] Dende a edición inicial que gañou o Athletic Club de Zarra, pasaron polo torneo entre outros o Santos de Pelé, o Botafogo de Garrincha, o Benfica de Eusébio, o Real Madrid de Amancio e Gento (ademais do de Butragueño, o dos "galácticos" ou o de Cristiano Ronaldo), o Bayern de Múnic de Beckenbauer e Müller, o Ferencvárosi de Flórián Albert, o Estrela Vermella de Džajić, o Ajax de Cruyff e Neeskens, o Mönchengladbach de Heynckes, o Fluminense de Rivellino, o Dynamo de Kíiv de Oleg Blokhin, o PSV de Koeman, o FC Barcelona de Stoichkov e Laudrup, a Sampdoria de Mancini, a Juventus de Zidane e Del Piero, o Boca Juniors de Riquelme e Palermo, ou o Milan de Cafu, Gattuso e Pirlo.
O Deportivo da Coruña non participou ata a décima edición e só o fixo en dez ocasións nos corenta primeiros anos do torneo, debido a que se buscaban equipos con máis prestixio internacional. Nos anos 90, inicio da mellor época do club, o Deportivo pasou a ser un fixo do torneo todos os anos, e acabou por converterse no equipo con máis títulos, superando ao Real Madrid.
Nos seus comezos o torneo xurdiu como unha idea para recadar fondos para os hospitais da cidade, motivo polo que leva o nome de Teresa Herrera, unha filántropa coruñesa que a finais do século XVIII doou os seus bens para a construción dun hospital público. Desde a súa primeira edición en 1946, houbo edicións do trofeo con dous, tres e catro equipos. Os partidos xóganse habitualmente no mes de agosto, formando parte do programa de festas da Coruña, aínda que non sempre é así. Durante décadas o torneo tivo unha grande afluencia de público, enchendo en numerosas ocasións o estadio de Riazor. Nos días da final, no que habitualmente se disputaban dous partidos consecutivos, as bancadas convertíanse nunha especie de festa gastronómica, con empanadas, embutidos, viño e todo tipo de alimentos.[3][4][5]
Dende 2013 dispútase tamén o Trofeo Teresa Herrera Feminino.