escritor e avogado galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xosé Luís Franco Grande, nado en Tebra (Tomiño) o 17 de febreiro de 1936[1] e finado en Vigo o 31 de marzo de 2020,[2] foi un escritor, lexicógrafo, poeta e avogado galego. Foi membro do Consello da Editorial Galaxia e membro de número da Real Academia Galega dende 1998. Da súa obra destacan títulos como Vieiro choído, Entre o si e o non ou o Diccionario galego-castelán.
Xosé Luís Franco Grande no Abril Oteriano 2018 | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de febreiro de 1936 Tebra, España |
Morte | 31 de marzo de 2020 (84 anos) Vigo, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | avogado , escritor |
Membro de | |
Lingua | Lingua castelá, lingua galega e lingua francesa |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Fillos | Rosalía (1967) e Navia (1973) |
A súa infancia e primeira xuventude transcorreron en Tebra, onde os seus pais eran mestres de primeiro ensino. O seu pai era Avelino Franco[3]. Estudou o bacharelato no Instituto Santa Irene de Vigo, onde coincidiu con Bernardino Graña.[4][5] O seu imaxinario popular dos seus eidos nativos tingue a totalidade da súa obra literaria. Intimista, pero tamén descritivo, aborda con lirismo a paisaxe da súa infancia, superando, segundo estudosos da súa obra "a tódolos escritores da súa xeración". A súa vila natal, Tomiño estará presente de forma directa ou indirecta en todas as súas obras. Nesta contorna xeográfica recolleu moitas variantes dialectais que incorporou na súa obra Diccionario galego-castelán.[6]
Comezou Filosofía e Letras e despois licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Alí coñeceu a Ramón Lugrís que o poñerá en contacto con outros galeguistas[7] Comezou a exercer a profesión de avogado na Coruña (con Sebastián Martínez-Risco) e despois en Vigo[5] e ata a súa xubilación en xuño de 2001 foi asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, logo Caixanova.[8] Foi varias veces galardoado nas Festas Minervais e obtivo tamén o Premio Eduardo Pondal do Centro Gallego de Buenos Aires[9].
Para entender o papel de Franco Grande nas letras galegas é imprescindible saber que el e a súa xeración son a ponte entre a Xeración Nós, moitos deles mortos, e outros, os sobreviventes sometidos á crueldade da represión franquista. A Xeración Galaxia, como se deu en chamar a estes sobreviventes do galeguismo da posguerra, conforma unha nova xeración de mozos forxados na Universidade compostelá na continuación do labor regaleguizador iniciado no primeiro terzo do século XX.[6] Franco Grande tivo unha participación decisiva no traballo que desenvolveu a Editorial Galaxia. O seu libro Os anos escuros relata con migalleira análise ese proceso no que van xurdindo novos valores, tanto no ámbito literario como na dinamización cultural e política.
A obra literaria de Franco Grande abrangue tódolos campos, iniciándose durante a súa etapa de estudante en Compostela, onde obtén en cinco ocasións o primeiro premio e a flor natural nas Festas Minervais. Con 19 anos de idade, o Centro Gallego de Buenos Aires outorgoulle o Premio Eduardo Pondal polo seu libro de poemas Brétemas do vieiro (inédito);[10] en 1957 publicou a peza teatral Vieiro choído.[9] O seu libro de poemas Entre o si e o non (1967) foi galardoado co Premio Nacional de Literatura "Rosalía de Castro".[11] No 1968 publicou a súa obra de vital importancia para a lingua galega, o Diccionario Galego-Castelán publicado pola Editorial Galaxia o 25 de outubro de 1968. Unha obra que había ser necesaria, imprescindible, un par de anos máis tarde cando se incorpora o estudo da lingua galega no sistema educativo. Ese dicionario foi un instrumento de vital importancia para que varias xeracións de galegos e galegas tivesen a oportunidade de coñecer a lingua galega.[12] Esta obra foi reeditada moitas veces ata completar un total aproximado de medio millón de exemplares vendidos. Os dicionaristas adoitan falar do "Franco Grande" como unha denominación que marcou unha época. Pertence a Xeración das Festas Minervais e ó movemento literario Escola da Tebra.[10]
Son salientables os milleiros de colaboracións como articulista nos medios de comunicación, sempre defendendo a identidade galega e as súas manifestacións culturais (La Noche, Ínsula, Aturuxo, Vida Gallega, Grial, La Voz de Galicia, Boletín da Real Academia Galega etc.).
Escribiu artigos en revistas especializadas sobre Sebastián Martínez-Risco, Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Pondal, Xaime Isla Couto, Camilo Gonsar, Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Landeira Yrago…[13]
Foi autor de varias pezas teatrais, e cultiva tamén o ensaio e a crítica literaria. A proposta de Ramón Piñeiro, Marino Dónega e Domingo García-Sabell, ingresou na Real Academia Galega en 1978, pronunciando o 3 de xullo de 1998 o discurso de ingreso O antigo réxime nunha familia do Baixo Miño,[14][15] que foi respondido por Luz Pozo Garza.[16] No ano 2021, a Real Academia Galega conmemorou o Día da Poesía coa súa obra.[17]
No 1968 publicou a súa obra de vital importancia para a lingua galega, o Diccionario Galego-Castelán publicado pola Editorial Galaxia o 25 de outubro de 1968. Unha obra que había ser necesaria, imprescindible, un par de anos máis tarde cando se incorpora o estudo da lingua galega no sistema educativo. Ese dicionario foi un instrumento de vital importancia para que varias xeracións de galegos e galegas tivesen a oportunidade de coñecer a lingua galega.[12] Esta obra foi reeditada moitas veces ata completar un total aproximado de medio millón de exemplares vendidos. Os dicionaristas adoitan falar do "Franco Grande" como unha denominación que marcou unha época.
O labor do tomiñés non só se limitou a traballar no campo da literatura. Dirixiu un espazo radiofónico -Raíz e Tempo-[18] que emitía semanalmente na emisora "La Voz de Vigo" nunha franxa horaria de moita audiencia; participou como fundador da Asociación Cultural de Vigo, a única asociación de marcado carácter galeguista creada na década dos anos sesenta; neste período Cintia, unha cantautora catalá, gravou na discografía Digsa, o poema "Venceremos Nós" (Joan Baez, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras). Anos despois converteuse no himno das mobilizacións estudantís que se produciron en Santiago de Compostela no 1968 contra o franquismo. Foi conferenciante e participou na creación do Partido Socialista Galego na clandestinidade.[6] Formou parte do consello reitor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional.[19]
Casou con María dos Anxos Barreiro e tivo dúas fillas, Rosalía (avogada) e Navia (xornalista),[20] e catro netos. O seu nome aparecerá nas "listas de sangre" do 23F, como un dos 500 nomes galegos que debían ser represaliados no caso de que triunfase o golpe de Tejero.[21]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.