BASF

From Wikipedia, the free encyclopedia

BASF
Remove ads

BASF (inicialmente Badische Anilin- und Sodafabrik ; literalmente "Fábrica de Anilina e Soda de Baden"), é unha multinacional alemá e o maior produtor de produtos químicos do mundo,[1][2][3] fundada en abril de 1865 en Mannheim polo ourive e empresario Friedrich Engelhorn para producir corantes sintéticos para téxtiles.[4]

Datos rápidos Na rede ...

BASF é a maior empresa da industria química mundial, cun volume de vendas de 60.000 millóns de euros[2][3] en 2017, con 113.000 empregados da empresa, en máis de 390 unidades de produción en máis de 80 países.

En 2022, a empresa ocupaba o posto número cento nove entre as 500 empresas máis grandes do mundo, segundo unha clasificación elaborada pola revista Fortune.[5]

Remove ads

Historia

1865 até 1945

Thumb
Fábrica de BASF en Ludwigshafen en 1865.

O primeiro produto da empresa foi o corante de anilina. A seguridade e a saúde no traballo, así como a construción de vivendas para os empregados, sentaron as bases dunha ampla tradición de política social . O primeiro médico da empresa foi contratado en 1866. Pouco despois, en 1871, a empresa lanzou o colorante vermello de alizarina, derivado da raíz de rubia e utilizado principalmente para tinguir algodón. Establecéronse instalacións de produción e oficinas de vendas no estranxeiro: na cidade de Nova York en 1873; en Butyrki preto de Moscova, en 1877; e en Neuville-sur-Saône, Francia, en 1878.[6]

En 1880, o empregado de BASF, Adolf von Baeyer, sintetizou o índigo (o colorante azul que se usa nos pantalóns vaqueiros), o que permitiu a produción a escala industrial do tecido en 1897, após anos de investigación. O investimento para desenvolver a técnica de sintetización do colorante azul custou 18 millóns de marcos, máis que o capital nominal da empresa naquel momento. En 1901, realizouse outra invención pioneira: a introdución do corante idantreno cuxas principais características eran o secado rápido e a adhesión. O século XX comezou cunha nova etapa de expansión para BASF, tras a invención dun proceso para sintetizar nitróxeno para a produción de fertilizantes.

Aproveitando os descubrimentos dos químicos alemáns F. Haber e C. Bosch, a partir do século XX fíxose posible producir amoníaco a escala industrial, o que permitiu a BASF ampliar a súa carteira de produtos, que agora inclúe, por exemplo, fertilizantes. Durante a Primeira guerra mundial, BASF tamén produciu explosivos, pólvora e gases tóxicos para o exército alemán.

Despois da Primeira guerra mundial, BASF fusionouse con outras cinco empresas, incluída a coñecida Bayer, para formar unha entidade chamada IG Farben (Asociación de Intereses da Industria da Pintura). IG Farben colaborou co réxime nazi, do mesmo xeito que varias outras empresas, buscando empregar prisioneiros dos campos de concentración como man de obra escrava nas súas fábricas, pero tamén subministrando o gas utilizado nas cámaras de gas nazis. Este gas producíase orixinalmente como insecticida, pero posteriormente adaptouse para o seu uso nas cámaras de exterminio.

BASF formou parte da corporación máis poderosa de Alemaña, IG Farben, un conglomerado formado en 1925, xunto con Bayer, Hoechst e outras empresas químicas e farmacéuticas alemás, durante a Primeira guerra mundial. IG Farben tiña un monopolio case total da produción química na Alemaña nazi. Farben significa "pinturas", "colorantes" ou "cores" en alemán, e moitas destas empresas producían inicialmente colorantes, pero pronto comezaron a centrarse noutros sectores máis avanzados da industria química. A cambio do apoio á súa expansión e investimento en tecnoloxía estratéxica, o cártel doou 400.000 marcos á campaña que axudou a converter a Adolf Hitler en chanceler, ademais de desenvolver caucho sintético, combustibles de alto rendemento (usados polo exército alemán), fuelóleo e mesmo o infame Ziklon-B (o gas usado para matar a millóns de persoas nas cámaras de exterminio). Segundo a obra "IG Farben - Da anilina ao traballo forzoso", as fábricas da corporación, como outras empresas no Xapón, empregaron traballadores forzosos como cobaias nos seus experimentos con novos medicamentos e vacinas.

De 1945 en diante

Thumb
Cinta de gravación BASF.
Thumb
Cinta de casete BASF.

En 1945, as tropas aliadas capturaron o emblemático complexo de Ludwigshafen, que xa fora bombardeado por avións. As reservas químicas atopadas foron confiscadas por completo. Ese mesmo ano, IG Farben disolveuse como empresa.

Sete anos despois, en 1952, creáronse once empresas a partir do legado esfarelado de IG Farben, incluíndo nomes hoxe coñecidos como AGFA, Bayer, Hoechst AG e BASF. Na súa nova fortaleza, BASF centrouse na produción de plásticos. Non obstante, as décadas seguintes estarían marcadas por unha ampliación das súas áreas de negocio, acompañada pola expansión da empresa a un status global.

Thumb
Disquete BASF.

Desde o ano 2000, as accións de BASF tamén cotizan en Nova York[7] e, desde o 2001, a multinacional alemá converteuse no maior investidor estranxeiro no sector químico na China.

En 2002, BASF estaba composta por 114 empresas, con fábricas en 39 países, empregando a case 90.000 persoas, das cales aproximadamente o 10% traballaban en investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Ambiente e filantropía

En 2008, BASF lanzou a campaña global "Putting Future into Textiles" (Dando futuro aos téxtiles), baseada no consumo consciente, a conservación dos recursos naturais e a protección do clima. En 2014, no seu 150 aniversario, BASF adoptou unha nova posición global apoiada polo lema "We Create Chemistry" (Creamos química). Ademais, lanzou Creator Space, unha plataforma en liña para reunir á sociedade, emprendedores e científicos de todo o mundo na procura de solucións nas áreas da produción de alimentos, a urbanización e a enerxía. En canto á agricultura, desde o 2015 centrábase en mellorar a produción de alimentos para combater a fame no mundo e tamén en optimizar o uso da auga, un problema que xerou preocupación en todos os continentes. Nos seus laboratorios centralizados en Alemaña, unha ampla rede de científicos, que traballa en colaboración con universidades, está a probar novas combinacións de funxicidas, pesticidas e herbicidas para garantir que os cultivos prosperen en situacións extremas. Con este fin, estudan os impactos ambientais a varios niveis, esforzándose por avanzar cara a unha tecnoloxía cada vez máis sustentábel.

A austro-alemá Marlene Engelhorn, descendente do fundador de BASF Friedrich Engelhorn, decidiu doar o 90 % da súa herdanza, valorada en aproximadamente 4200 millóns de dólares, a causas sociais e ambientais. Para levar a cabo o seu proxecto, creou un "Bo Consello para a Redistribución" (Guter Rat für Rückverteilung), no que convidou a 10 000 cidadáns austríacos seleccionados ao chou a participar no proceso de toma de decisións. Os participantes escollidos, xunto con 15 suplentes, tiñan previsto reunirense en Salzburgo de marzo a xuño para colaborar con académicos e organizacións da sociedade civil sobre a redistribución da riqueza.[8] Engelhorn, que foi activista a favor de impostos máis altos para os ricos, denunciou a abolición do imposto de sucesións en Austria en 2008 como inxusta. A súa iniciativa busca redistribuír a riqueza e promover a xustiza fiscal e a equidade económica.[9]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads