Cangrexo común
especie de cangrexo From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O cangrexo común, ou cangrexo verde,[2] ou simplemente cangrexo,[3][4] Carcinus maenas (Linnaeus, 1758), é unha especie de crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos.
Esta especie, nativa das costas da zona nordeste do océano Atlántico (desde Islandia e Noruega até Mauritania) e o mar Báltico, colonizou hábitats semellantes en Australia, Suráfrica, Suramérica e as costas atlánticas e do océano Pacífico de Norteamérica, estando catalogada entre as 100 especies invasoras máis daniñas.[5]
Remove ads
Taxonomía
A especie foi descrita en 1758 por Linneo,[6] baixo o nome de Cancer maenas.[7]
Ao longo da historia foi coñecida polo sinónimos seguintes:[7]
- Cancer granarius Herbst, 1783
- Cancer granulatus Say, 1817
- Cancer maenas Linnaeus, 1758 (basónimo)
- Cancer pygmeus Fabricius, 1787
- Cancer rhomboidalis Montagu, 1804
- Cancer viridis Herbst, 1783
- Carcinus granulatus Smith, 1857
- Carcinus moenas (Linnaeus, 1758) (impropio)
- Megalopa montagui Leach, 1817
Nomes galegos
En Galicia, a profesora Mª C. Ríos Panisse recolle, no seu monumental Inventario,[3] os nomes de:
- cangrexo en 18 localidades,
- canghrexo en 11 máis,
- cancrexo en 8 portos (totalizando así 37 lugares para cangrexo).
Outros nomes recollidos por Ríos Panisse en diversos lugares son (entre parénteses, nº de citas): anacra (2), cancarexa (1), candrexa (2), candrexo (1), cangrexo da pedra (1), canghrexa (1), canghrexo do rei (1), canghrexo ghallegho (1), carangueixo (1), caranguexo (7), caranquexa (1), caranquexo (2), cranghexo (1), ghabato (1), ghaiba (2), lánguicho (1), nácara (1), nacra (2), vaca mona (1), xacra (1) e zampeña (1).
Rosa Ramonell, na súa Guía e mariscos de Galicia,[4] dálle a esta especie o nome principal de cangrexo, admitindo como sinónimos anacra, cangrexo, carangueixo, ghaiba e nacra.
Finalmente, Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario, optan por cangrexo, admitindo como sinónimo cangrexo verde.[2]
Nomes vulgares noutras linguas
Noutros idiomas, segundo Lahuerta e Vázquez, a especie Carcinus maenas coñécese cos nomes seguintes:[2]
- Castelán: Jaiba (Cangrejo) verde
- Francés: crabe vert
- Inglés: green crab
- Portugués: caranguejo-verde
Remove ads
Anatomía
As principais características morfolóxicas do cangrexo común son:[4][8]
- Corpo groso provisto de patas robustas.
- Casca (cacho) de forma hexagonal e superficie finamente granular, duns 6 cm de longo e 9 cm de largo,[9] porén pode ser máis grande fóra da súa área natural de dispersión, chegando até 10,1 cm de anchura na Columbia Británica.[10] e coas diversas rexións ben delimitadas mediante sucos suaves, e sen estría transversais.
- A fronte aparece algo proxectada cara a adiante, superando os ángulos orbitarios externos, e está provista de tres dentes romos entre os ollos; o bordo orbitario ten unha fisura na súa parte superior, e outra na inferior, pouco marcada.
- As marxes anterolaterais do cacho son máis curtas que as posterolaterais, e están divididas en cinco dentes ben desenvolvidos, máis ben obtusos (incluíndo o orbitario externo), moderadamente anchos e dirixidos cara á adiante.
- As marxes posterolaterais son case rectas, converxentes.
- O artello basal das antenas son fixos; as anténulas repréganse transversalmente.
- Os quelípodos son algo desiguais. A superficie dorsal do carpo presenta unha quilla pouco notoria en forma de V invertido.
- A cara dorsal do propodio ten dúas quillas lonxitudinais (a máis externa rematada usualmente nunha espiña curta e roma), mentres que a cara externa é lisa.
- Os pereiópodos do segundo ao quinto par son lisos e moderadamente grosos; os do terceiro e o cuarto par son os máis longos; o quinto par presenta o propodio aplanado e o dáctilo máis ou menos estiliforme e coas marxes sedosas.
- O abdome do macho ten os segmentos 3º, 4º e 5º soldados, mentres que son libres na femia.
- O primeiro pleópodo do macho é ancho ma metade proximal, e a distal é moito máis estreita e arqueada.

Coloración
A coloración de Carcinus maenas varía enormemente, desde unha cor maxenta até unha verde abrancazada. Esta variación ten unha compoñente xenética, pero débese en gran parte a factores ambientais locais.[11][12]
En particular, os individuos que se atrasan na écdise (muda) adquiren unha coloración máis avermellada. Os individuos vermellos son máis fortes e máis agresivos, e son menos tolerantes en situacións de tensión ambiental, como baixa salinidade ou hipoxia ambiental.[13]
Remove ads
Hábitat e ecoloxía
Carcinus maenas pode vivir sobre todo tipo de estratos: rochosos, areosos, lamacentos, tanto abrigados como batidos polas ondas, en zonas tipicamente mariñas ou en estuarios, e mesmo, temporalmente, en ambientes hipersalinos. Soporta, por tanto, grandes variacións de salinidade, e tamén condicións estresantes debidas a contaminación por efluentes industriais e urbanos.[8]
A especie realiza nestes medios desprazamentos e migracións complexas:[14]
- migracións de marea: individuos grandes, especialmente os machos, cara á parte superior da preamar seguindo a marea. Descenden cara á baixamar coa marea. O xuvenís, as femias e algúns machos non participan ou participan pouco nestes movementos.[15][16]
- migracións estacionais: en inverno os individuos grandes adoitan refuxiarse baixo o nivel do mar na baixamar. Regresan á zona intermareal en primavera e durante o verán.
- migración ligada á reprodución: nos estuarios as femias ovadas migran cara ao mar.[17]
Outros movementos poden estar ligados á muda, á idade etc. Na zona infralitoral, Carcinus amenas acantóase a profundidades de menos de 10 m, aínda que se poden encontrar en fondos de até 200 m.[18]
O cangrexos "verdes" presentan unha resistencia superior á dos "vermellos" ante as variacións dos parámetros do medio (especialmente á salinidade) e da contaminación. Así, encóntranse adoito en estuarios, mentres que os cangrexos vermellos son específicos de ambientes máis francamente mariños.[12][19].
A pesar do seu pequeno tamaño e ao seu débil medio de locomoción, as larvas e as poslarvas (megalopas) realizan desprazamentos de grande amplitude en mar aberto. Logran situarse en diferentes alturas na columna de auga e así aproveitar as correntes que as afastan da costa ou as acercan. Estes cambios no nivel (migracións verticais) requiren soamente desprazamentos duns poucos metros.
As larvas zoea I efectúan unha migración vertical ascendente na columna de auga durante a marea (marea descendente) e deste xeito afástanse da costa e dispérsanse.[20] Pola contra, as megalopas (poslarvas) son abundantes na superficie cerca da orela, no momento do abalo (subida da marea), particularmente na noite. Ademais estas megalopas están daquela na fase final do seu estadio. Poden entón instalarse no fondo, nas partes altas da preamar, e mudar rapidamente ao estado de xuvenís (estadio cangrexo I).[21] Estes comportamentos das zoeas e megalopas favorecen os intercambios xenéticos entre poboacións, reducen as "perdas" de larvas e permiten a instalación de xuvenís en lugares compatíbeis coa vida dos adultos.
Os cangrexos xuvenís ocupan as partes altas zona intermareal que no son cubertas en todas as mareas. Nas súas mudas, nas cales os animais deben absorber auga para estirar a súa nova cutícula, efectúanse principalmente nos momentos de preamar e máis particularmente nas mareas vivas, é dicir, cando teñen máis probabilidade de ser cubertos pola auga.[22]
Remove ads
Alimentación, predadores e parasitos
O cangrexo común é esencialmente carnívoro, e ataca a unha gran variedade de presas (cnidarios, anélidos, crustáceos, moluscos, equinodermos, peixes etc.). Tamén pode ser ocasionalmente caníbal e preeiro. Pola súa parte, é a presa de numerosas especies no curso do seu ciclo vital (animais filtradores, comedores de plancto, xibas e luras, numerosos peixes, aves mariñas e mesmo o home). Esta especie, debido á súa abundancia e á súa ampla distribución nas costas, desempeña un papel importante na ecoloxía de ambientes costeiros.[14]
C. maenas sofre a acción de varios parasitos, dos que o máis visíbel é a saculina (Sacculina carcini) que se presenta baixo a forma dun saco de cor amarela ou máis ou menos apardazada aloxada no espazo entre o cefalotórax e o abdome do animal.
Remove ads
Reprodución
O machos pelexan entre si pola posesión das femias. O seu tamaño é un factor importante no seu éxito: os grandes machos "vermellos" teñen unha taxa de éxitos maior que a dos cangrexos "verdes".[12] Pola contra, a perda dunha pinza, especialmente a máis grande, é un hándicap.[23][24]
O desenvolvemento da cópula pode resumirse así:[14] O macho, que ten a cutícula dura, selecciona a femia uns días antes da muda. A parella empeza entón a precópula; o macho cabalga á femia, cuxa superficie dorsal aplica contra a súa cara ventral, e a mantén fixa grazas ao seu segundo par de patas, e conserva a súa mobilidade así como o uso defensivo dos seus quelípodos (pinzas). Cando a femia muda a súa casca, e a súa nova cutícula é daquela moi branda, o macho xíraa 180 °. A parella está entón en posición de cópula, con ambas as caras ventrais enfrontadas. O macho introduce os seus estiletes copuladores nos orificios xenitais da femia e inxecta o seu espermatóforo, que contén os espermatozoides, que son inmóbiles.
Este comportamento proporciona protección á femia nun momento no que é particularmente vulnerábel (coa cuncha branda), o que fai aumentar as súas posibilidades de sobrevivir e participar, polo tanto, no éxito reprodutivo da especie. A atracción que exerce sobre os machos é o resultado da emisión dunha substancia química (feromona) na urina da femia. Esta molécula podería xerarse nunha pequena glándula situada no segmento distal da uretra.[25]
Os espermatozoides poden conservarse nas espermatecas das femias durante varios meses antes de que se produza a fecundación dos óvulos e a desova. No momento da desova, os ovos (moitos, acercándose aos 200.000 nas femias grandes), constitúen unha masa de cor amarela ou alaranxada, fixada aos pleópodos; gradualmente van tornándose grises, en parte debido ao desenvolvemento dos ollos negros do embrión.

A eclosión libera unha larva denominada prezoea,[26] que muda despois de poucos minutos para dar lugar á primeira zoea (zoea I) á que seguen tres estadios do mesmo tipo: zoea II, zoea III e zoea IV. As larvas zoea, planctónicas, nadan grazas aos movementos da rama externa dos dous primeiros pares de maxilípedos.
A zoea IV muda para dar lugar a unha larva megalopa (tamén chamada poslarva) que se parece, a grandes trazos, a un cangrexo, pero que nada grazas aos seus pleópodos. A megalopa, inicialmente planctónica, transfórmase despois doutra muda nun pequeno cangrexo, o chamado estadio xuvenil I, no que a anchura do cefalotórax é duns 5 mm, e que xa é bentónico.
A totalidade do desenvolvemento larval, desde a eclosión até o estadio xuvenil I, dura ao redor de 60 días á temperatura de 12 °C.
No canal da Mancha e zonas veciñas pódense encontrar individuos reprodutores todo o ano, pero as cópulas teñen lugar sobre todo á fin do verán, e as femias ovíxeras obsérvanse sobre todo en inverno e na primavera.[27]
Os xuvenís aparecen en zonas lodosas principalmente de xuño a setembro, no mar de Wadden.[15]
Remove ads
Utilización
O cangrexo común é unha especie comestíbel, pero de baixa calidade. En Galicia non se comercializa.[4]
Porén, nalgúns países é aínda hoxe é obxecto de pesca artesanal mediante o emprego de cangrexeiras.[8] Nalgunhas zonas é apreciada como ingrediente na preparación de salsas e sopas (especialmente da de mariscos).
Úsase tamén como engado, por exemplo, da robaliza (Dicentrarchus labrax). E tamén da dos cornos Buccinum undatum e Charonia lampas, que son fontes de quitina, polo que a pesca destes moluscos desenvolveuse nas últimas décadas.
Remove ads
En Galicia
En Galicia é moi común en todo o país, abundando na zona intermareal, nas pozas das rochas en marea baixa, praias, sobre fondos de area a pouca profundidade, e baixo os polígonos de bateas.[8]
A primeira cita en augas galegas data de 1933 na ría de Ferrol.[28]
Galería
- Precópula. O macho monta á femia, que aínda non mudou.
- Cópula. O macho, vermello, e a femia, que acaba de mudar, acóplanse pola cara ventral.
- Femia provista dunha posta recente.
- Exuvia[Cómpre referencia] (exoesqueleto despois nunha muda).
- Abdome dun macho.
- Abdome dunha femia, en librea vermella.
- Macho con librea verde. Cara ventral. O animal mudou recentemente.
- Macho con librea vermella, vista ventral.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads