Codex Alimentarius
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O Codex Alimentarius, que significa Código sobre alimentos ou Lexislación alimentaria, no sentido máis etimolóxico da palabra “código”, é unha colección de normas alimentarias, códigos de prácticas correctas e outras recomendacións ditadas co obxectivo de asegurar que os produtos alimenticios sexan inocuos para os consumidores e que poidan comercializarse de forma homoxénea e equitativa entre os diferentes países.
A Comisión do Codex Alimentarius (CCA) foi creada pola FAO (Food and Agriculture Organization, Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) en maio de 1963, cando a 16ª Asemblea Mundial da Saúde da Organización Mundial da Saúde (OMS) aprobou un Programa Conxunto FAO/OMS para a elaboración, desenvolvemento e difusión de normas alimentarias e directrices comúns, presentadas dunha forma uniforme para poder ser aplicadas internacionalmente. Este Programa Conxunto recollía as iniciativas anteriores de buscar unha fórmula común, internacional, para garanti-la seguridade dos alimentos, como foron o Código Latinoamericano de Alimentos, de 1949, ou o Codex Alimentarius Europaeus, promovido por Austria en 1954.
Os obxectivos que se marcaron a FAO e a OMS neste Programa Conxunto foron a protección da saúde dos consumidores, establecer unhas prácticas de fabricación, comercio e transporte de alimentos claras e promociona-la coordinación entre os diferentes países.
Aínda que as Normas e directrices publicadas no Codex son recomendacións e non teñen peso legal sobre ningún país membro, o certo é que desde o seu nacemento foron recoñecidas internacionalmente e se converteron en punto de referencia mundial para os consumidores, produtores e organismos nacionais de control de alimentos, servindo de base para as normas legais que os distintos países foron publicando ó longo do tempo en materia de tecnoloxía e seguridade alimentaria.
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas para a Protección do Consumidor, celebrada en 1985, estableceu que:
- «Ó formular políticas e planes nacionais relativos ós alimentos, os gobernos deben ter en conta a necesidade de seguridade alimentaria que teñen tódolos consumidores e apoiar e, na medida do posible, adopta-las normas do Codex Alimentarius da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación e a Organización Mundial da Saúde.»
A data de hoxe (abril 2007) lévanse publicadas 384 normas, das que se manteñen vixentes 298, repartidas en catro grupos:
- Normas para produtos ou estándares: 199
- Códigos de prácticas correctas sobre fabricación, hixiene, etiquetaxe etc.: 47
- Directrices: 52
- Outras (límites de contaminantes etc): 8
Ademais da redacción de normas sobre alimentos e a súa elaboración hixiénica, a Comisión do Codex Alimentarius tamén se dedica á avaliación da seguridade dos aditivos alimentarios (con máis de 760 estudados), a establecer límites seguros de residuos para o uso de praguicidas (máis de 2.500) e de medicamentos veterinarios (máis de 150). Igualmente, estableceu niveis de referencia para diferentes contaminantes industriais e ambientais, incluídos os radionucleidos, potencialmente presentes nos alimentos. Outra liña de actuación é a redacción de métodos estandarizados de análise e de toma de mostras, co obxectivo de harmoniza-los criterios e técnicas analíticas e, como consecuencia, a interpretación dos resultados.
Remove ads
Normas para produtos
As Normas para produtos representan o grupo máis importante das normas do Codex. Os principais produtos alimenticios incluídos no Codex son os seguintes:
- carne e produtos cárnicos; sopas e caldos;
- peixe e produtos pesqueiros;
- leite e produtos lácteos;
- cereais, legumes e produtos derivados, incluídas as proteínas vexetais;
- graxas, aceites e produtos afíns;
- froitas e hortalizas frescas ou elaboradas; zumes de froita;
- azucres, produtos do cacao e chocolate e outros produtos varios.
A relación completa das Normas do Codex, coa súa denominación oficial e as revisións que, no seu caso, se fixeran, pódese consultar na páxina web do Códex Arquivado 09 de abril de 2008 en Wayback Machine.. Nesta mesma páxina poden descargarse libremente os textos completos de tódalas Normas.
As Normas do Codex contemplan os seguintes datos:
- Ámbito de aplicación, que inclúe o nome do alimento ó que se aplica a norma e a finalidade que se lle vai dar.
- A descrición do produto, que inclúe unha definición do produto ou produtos contemplados así como unha indicación das materias primas das que proceden, en caso necesario. Comprende tamén a descrición das características de identidade do produto e de calquera ingrediente que poida conter.
- As Normas relativas ós aditivos alimentarios recollen os nomes dos aditivos (códigos identificativos e denominación química) e a cantidade máxima que se permite engadir en cada tipo de alimento.
- As Normas sobre os contaminantes determinan os límites de presenza de contaminantes autorizados nos distintos produtos para poder ser considerados como seguros.
- A hixiene inclúe referencias ós Códigos de Prácticas de Hixiene do Codex aplicables no produto de que se trate. En case tódolos casos, esíxese que o produto estea exento de microorganismos patóxenos, toxinas ou outras substancias nocivas en cantidades que poidan representar un perigo para a saúde.
- Determínanse tamén os pesos e medidas, con disposicións sobre o peso total, neto e escoado dos produtos envasados nos que se aplique.
- Respecto á etiquetaxe, inclúe disposicións sobre a denominación autorizada do alimento, sobre o uso de informacións e outros requisitos que garantan que non se engane ou induza ó erro ó consumidor respecto á natureza do alimento, así como os requisitos de enumeración de ingredientes e marcado das datas de caducidade ou de consumo preferente.
- Finalmente, inclúen unha lista dos métodos de análise e mostraxe necesarios para garantir que o produto cumpre os requisitos da norma.
Remove ads
Comités
A Comisión do Codex Alimentarius organízase nos seguintes Comités, cos cometidos que se indican:
- Comité do Codex sobre Hixiene dos Alimentos (CCFH):
- a) Redactar disposicións básicas sobre hixiene dos alimentos aplicables a tódolos produtos alimenticios.
- b) examinar, emendar, se procede, e ratifica-las disposicións sobre hixiene preparadas polos Comités do Codex nas normas para produtos.
- c) redactar disposicións sobre hixiene aplicables a determinados produtos alimenticios ou grupos de alimentos.
- d) examinar problemas específicos de hixiene que lle encomende a Comisión.
- e) propor e catalogar por orde de prioridade as áreas nas que cómpre efectuar unha avaliación de riscos microbiolóxicos.
- Comité do Codex sobre Principios Xerais (CCGP):
- Ocuparse dos asuntos de procedemento e asuntos xerais, tales como o establecemento dos Principios Xerais que definen o obxecto e a finalidade do Codex Alimentarius, a natureza das normas do Codex, a elaboración de directrices para os Comités do Codex, a elaboración de mecanismos para o exame das declaracións sobre repercusións económicas que presenten os gobernos das posibles consecuencias que poidan ter algunha das Normas; o establecemento dun Código de Ética para o Comercio Internacional de Alimentos.
- Comité do Codex sobre Etiquetaxe dos Alimentos (CCFL):
- a) Redactar disposicións de etiquetaxe aplicables a tódolos alimentos.
- b) examinar, emendar, se procede, e ratificar proxectos de disposicións específicas .
- c) resolver problemas de etiquetaxe específicos que lle encomende a Comisión.
- d) examinar problemas relacionados coa publicidade dos alimentos, especialmente os relativos ás declaracións de propiedades nutritivas e as descricións enganosas.
- Comité do Codex sobre Aditivos Alimentarios (CCFA):
- a) establecer ou ratificar niveis máximos permitidos para os distintos aditivos alimentarios.
- b) preparar listas de prioridades de aditivos alimentarios para que o Comité de Expertos en Aditivos Alimentarios avalíe os seus riscos.
- c) asignar categorías funcionais ós distintos aditivos alimentarios.
- d) recomendar especificacións de identidade e pureza dos aditivos alimentarios.
- e) examinar métodos de análise para determina-la presenza de aditivos alimentarios.
- f) examinar e elaborar normas ou códigos para cuestións como a etiquetaxe de aditivos alimentarios que se venden como tales.
- Comité do Codex sobre Contaminantes dos Alimentos (CCCF)
- Comité do Codex sobre Peixe e Produtos Pesqueiros (CCFFP):
- Elaborar normas para o peixe, os crustáceos e os moluscos frescos e conxelados, ou elaborados de calquera outra forma.
- Comité do Codex sobre o Leite e os Produtos Lácteos (CCMMP):
- Elaborar normas, códigos e textos afíns para o leite e os produtos lácteos.
- Comité do Codex sobre Froitas e Hortalizas Frescas (CCFFV):
- Elaborar normas e códigos de prácticas de carácter mundial aplicables ás froitas e hortalizas frescas.
- Comité do Codex sobre Froitas e Hortalizas Elaboradas (CCPFV):
- Elaborar normas para todo tipo de froitas e hortalizas elaboradas, incluso produtos secos, envasados, compotas e xelatinas, así como frotas e hortalizas conxeladas rapidamente.
- Comité do Codex sobre Graxas e Aceites (CCFO):
- Elaborar normas para graxas e aceites de orixe animal, vexetal e mariño, incluídos a margarina e o aceite de oliva.
- Comité do Codex sobre Nutrición e Alimentos para Réximes Especiais (CCNFSDU):
- a) Estudar problemas específicos que lle asigne a Comisión e asesorar a esta sobre asuntos xerais de nutrición.
- b) redactar disposicións xerais respecto dos aspectos nutricionais dos alimentos.
- c) elaborar normas, directrices ou textos afíns aplicables ós alimentos para réximes especiais.
- Comité do Codex sobre Métodos de Análise e Toma de Mostras (CCMAS):
- a) Defini-los criterios apropiados para os métodos de análise e mostraxe do Codex.
- b) especificar métodos de referencia para análises e mostraxe que sexan apropiados para as normas do Codex e aplicables a varios alimentos.
- c) examinar, emendar, se procede, e ratificar os proxectos de métodos de análise e mostraxe propostos polos Comités sobre produtos do Codex.
- d) elaborar plans e procedementos de mostraxe.
- e) formular procedementos, protocolos ou directrices para avalia-la competencia dos laboratorios que analizan alimentos e determinar sistemas de garantía de calidade dos laboratorios.
- Comité do Codex sobre Residuos de Medicamentos Veterinarios nos Alimentos (CCRVDF):
- a) Determina-las prioridades para o exame de residuos de medicamentos veterinarios nos alimentos.
- b) recomenda-las doses máximas para residuos de tales substancias.
- c) elaborar códigos de prácticas.
- d) examinar métodos de mostraxe e análise para determina-la presenza de residuos de medicamentos veterinarios nos alimentos.
- Comité do Codex sobre Residuos de Praguicidas (CCPR):
- a) Establecer límites máximos para residuos de praguicidas en determinados alimentos ou grupos de alimentos, incluídos produtos destinados á alimentación animal.
- b) preparar listas de prioridades de praguicidas para a súa avaliación pola Reunión Conxunta FAO/OMS sobre Residuos de Praguicidas (JMPR).
- c) examinar métodos de mostraxe e análise para a determinación de residuos de praguicidas en alimentos e pensos.
- d) establecer límites máximos para contaminantes ambientais e industriais, que teñen características químicas ou doutra índole análogas ás dos praguicidas.
- Comité do Codex sobre Sistemas de Inspección e Certificación de Importacións e Exportacións de Alimentos (CCFICS):
- a) Elaborar principios e directrices relativos ós sistemas de inspección e certificación de importacións e exportacións de alimentos, a fin de harmonizar métodos e procedementos que protexan a saúde dos consumidores, que aseguren unhas prácticas comerciais equitativas e que faciliten o comercio internacional de produtos alimenticios.
- b) elaborar directrices e criterios respecto do formato, as declaracións e o idioma dos certificados oficiais que os países poidan esixir, buscando unha harmonización internacional.
Remove ads
Comités de expertos
A maior parte do traballo do Codex realízase a partir de estudos de grupos de traballo constituídos por científicos, laboratorios, institutos e universidades dos Estados membros, que asesoran os Comités de traballo mencionados no apartado anterior ou que se integran nos Comités de Expertos. Estes comités son independentes da Comisión pero o seu asesoramento resulta fundamental á hora de adoptar decisións e contribúen á credibilidade científica do labor da Comisión, que segue o principio de garanti-la independencia do asesoramento científico respecto da práctica da xestión de riscos.
Entre outros, existen os seguintes Comités de Expertos:
- Comité Mixto FAO/OMS de Expertos en Aditivos Alimentarios (JECFA), establecido en 1955 para examinar aspectos químicos, toxicolóxicos e doutro tipo dos aditivos alimentarios, contaminantes e residuos de medicamentos veterinarios nos alimentos destinados ó consumo humano.
- Reunión Conxunta FAO/OMS sobre Residuos de Praguicidas (JMPR), establecida en 1963 para recomenda-los límites máximos de residuos (LMR) de praguicidas e contaminantes ambientais en determinados produtos alimenticios.
- Consultas mixtas FAO/OMS de expertos sobre avaliación de riscos microbiolóxicos (JEMRA), establecidas no 2000 para asesorar á Comisión sobre hixiene dos alimentos e os aspectos microbiolóxicos da inocuidade dos alimentos.
Organización
A Comisión está integrada por 176 países, a abril de 2007. A relación completa de tódolos países membros pódese consultar na web oficial do Codex Alimentarius Arquivado 16 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.. Cada país membro nomea os seus representantes ante a Comisión, así como un Punto de Contacto que serve de enlace cos cidadáns dese país. En España, este punto de contacto é a Axencia Española de Seguridade Alimentaria (Ministerio de Sanidad y Consumo, Alcalá 56, 28071 Madrid).
O Secretariado da Comisión do Codex Alimentarius é nomeado conxuntamente polos directores xerais da FAO e da OMS. A sede oficial atópase nas oficinas da FAO en Roma (Viale delle Terme di Caracalla, 00100 Roma, Italia). O Programa Conxunto FAO/OMS para Normas alimentarias está financiado pola FAO nun 75 % e pola OMS no 25 % restante.
Normalmente a Comisión reúnese cada dous anos, alternativamente na sede da FAO e na sede da OMS (en Xenebra), pero ocasionalmente pode celebrar períodos de sesións especiais ou extraordinarios. Ás sesións plenarias asisten os representantes de cada país, designados polos seus gobernos, e resulta normal que tamén formen parte das delegacións representantes da industria, de organizacións de consumidores e de institucións académicas. Habitualmente. varias organizacións gobernamentais e ONG internacionais asisten tamén como observadores.
A última reunión da Comisión, no seu 29º período de sesións, celebrouse en Xenebra (Suíza), entre os días 3 e7 de xullo de 2006.
Tódolos textos publícanse en inglés, francés e español e están dispoñibles libremente na súa páxina web Arquivado 07 de abril de 2007 en Wayback Machine..
Remove ads
Ligazóns externas
- ¿Qué es el Codex Alimentarius? (Roma 2005)
- Web oficial, en castelán Arquivado 07 de abril de 2007 en Wayback Machine.
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads