Dragan Skočić

exfutbolista e adestrador croata From Wikipedia, the free encyclopedia

Dragan Skočić
Remove ads

Dragan Skočić, nado en Rijeka o 3 de setembro de 1968, é un exfutbolista e adestrador croata. Dende 2024 adestra o Tractor iraniano.

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...

Xogaba como centrocampista e comezou a súa carreira no Rijeka da súa cidade natal, antes de se trasladar a España para xogar no Las Palmas e no Compostela, conseguindo con este último o ascenso á Primeira División. Como adestrador traballou en equipos de Croacia, Eslovenia, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Irán.

Remove ads

Traxectoria

Como futbolista

Rijeka

Comezou a súa carreira como futbolista en 1987 no Rijeka da súa cidade natal, club no que militou durante catro tempadas, todas elas na Primeira Liga de Iugoslavia.[1]

Las Palmas

En febreiro de 1992 chegou ao fútbol español, fichando polo Las Palmas,[2][3] que loitaba pola permanencia na Segunda División, nunha convulsa tempada na que pasaron polo banco ata cinco adestradores.[4] Debutou na categoría de prata española o 23 de febreiro, saíndo de titular nunha derrota por 1-0 ante o Eibar.[5] Disputou sete partidos ata o remate da campaña, na que o equipo acabou descendendo.[4] Na seguinte tempada foi titular na maioría de partidos e contribuíu a que o equipo se proclamase campión do grupo IV da Segunda División B. Disputou un total de 36 encontros, 5 deles na promoción de ascenso na que o equipo canario fracasou no seu obxectivo de regresar a Segunda, saíndo vencedor o Hércules.[6]

Compostela

Para a tempada 1993/94 fichou polo Compostela, da Segunda División.[2] Debutou nun partido de Copa do Rei ante o Lleida e marcou o único gol do equipo galego, que perdeu 4-1, quedando eliminado.[7] A continuación disputou 9 partidos de liga co equipo de Castro Santos nunha histórica tempada que culminou co ascenso á Primeira División despois de superar ao Rayo Vallecano na promoción.

Xogou o seu primeiro partido na máxima categoría o 11 de decembro de 1994 no estadio de Sarrià ante o Espanyol, entrando nos minutos finais como substituto do francés Passi. Con todo, apenas dispuxo de minutos durante durante os seguintes dous anos, disputando só uns poucos minutos noutro partido esa tempada, mentres que na seguinte participou nun só partido de liga e dous da Copa do Rei. En decembro de 1995 o club prescindiu dos seus servizos e contratou no seu lugar ao nixeriano Festus Agu.[8]

Últimos anos

A continuación regresou a Croacia e ao Rijeka, no que xogou unha tempada na Prva HNL, a máxima categoría croata. Despois militou dous anos na segunda categoría, a Druga HNL, nas filas do Istra e do Orijent. Pechou a súa carreira nos Emiratos Árabes Unidos, despois de vestir a camisola do Al-Ittihad Kalba.[9]

Como adestrador

Rijeka

Despois da súa retirada como futbolista titulouse como adestrador e iniciou a súa carreira nos bancos como técnico do Rijeka en 2005. Na súa primeira tempada acabou subcampión por detrás do Dinamo de Zagreb e gañou a Copa de Croacia, despois de derrotar na final ao Varaždin de Zlatko Dalić. A final decidiuse pola regra do gol en campo contrario, ao gañar o o Rikeja por 4-0 na ida en Rijeka e perder 5-1 na volta en Varaždin.[10][11]

Interblock Ljubljana

Thumb
Skočić co Interblock

En 2007 fichou polo Interblock Ljubljana esloveno, club que viña de ascender á Primeira División de Eslovenia o ano anterior. Con Skočić no banco, o club gañou a Copa de Eslovenia na tempadas 2007/08, así como a Supercopa de Eslovenia e clasificouse para a fase previa da Copa da UEFA.[2]

Al Arabi

Tralo seu paso polo Interblock, tomou un ano sabático, e na tempada 2009/10 asumiu a dirección do Al-Arabi kuwaití.[12] Na súa única tempada no país, levou o club a dúas finais (Copa Príncipe Herdeiro e Copa Federación), perdendo ambas na quenda de penaltis.[2] Na Copa AFC acadou os cuartos de final, nos que caeu, tamén na quenda de penaltis, ante o Al-Karamah sirio.[13]

Al Nassr

Na tempada 2010/11 trasladouse a Arabia Saudita, onde fichou polo Al Nassr, un dos clubs de fútbol máis destacados do mundo árabe. O equipo clasificouse para os oitavos de final da Liga de Campións da AFC, pero caeu eliminado por 4-1 ante o Zob Ahan de Irán. A derrota provocou a destitución de Skočić, que foi substituído polo técnico portugués Eurico Gomes.[14]

Regreso a Rijeka

En marzo de 2012 regresou ao banco do Rijeka, substituíndo a Ivo Ištuk e converténdose no terceiro adestrador do club na tempada. Skočić herdou un equipo defensivamente fráxil que estaba a 2 puntos da zona de descenso e encargóuselle salvar a categoría. Con todo, só 43 días despois da súa chegada, e tras unha derrota por 2-0 ante o Cibalia,[15] foi cesado e substituído polo seu axudante Mladen Ivančić.[16]

Malavan

O 26 de maio de 2013 foi anunciado como novo adestrador do Malavan de Bandar-e Anzali, desembarcando así no fútbol iraniano. Dirixiu o club durante unha tempada, obtendo o sétimo lugar, o mellor resultado do equipo na liga desde 2005.[17]

Foolad

Thumb
Skočić co Foolad en 2014

O 23 de maio de 2014 foi nomeado novo adestrador do Foolad, vixente campión da Liga Pro de Irán.[18] Adestrou o equipo durante dúas tempadas, obtendo un quinto e un duodécimo posto na táboa. Deixou o club o 1 de xuño de 2016.[19]

Khooneh be Khooneh

O 16 de xaneiro de 2018 substituíu a Javad Nekounam como técnico do Khooneh be Khooneh, da Liga Azadegan, a segunda categoría iraniana.[20] Comezou con bo pé, con 13 puntos nos seus primeiros 5 partidos e a pesar de ser un equipo de segunda, conseguiu meterse na final da Copa Hazfi, onde perdeu ante o Esteghlal por 1-0.[21][22] Con todo, non conseguiu meterse nos postos de ascenso, ao quedar empatado a puntos co Nassaji Mazandaran e perder na diferenza de goles por un, despois de que ese equipo gañase 6-0 na última xornada.[23]

Sanat Naft

En xullo de 2019 volveu á primeira división iraniana para ocupar o banco do Sanat Naft.[24] Adestrou o equipo durante sete meses e ocupaba a sexta praza da táboa cando recibiu a chamada da selección iraniana.

Selección de Irán

O 6 de febreiro de 2020 foi nomeado seleccionador de Irán.[25] Debutou co combinado nacional o 8 de outubro, nun amigable contra Uzbekistán en Tashkent, que rematou en vitoria por 1-2.[26] Conseguiu 10 vitorias nos 10 primeiros partidos, incluída unha goleada por 0-10 sobre Camboxa,[27] e conseguiu a primeira praza na segunda rolda de clasificación para o Mundial de 2022. Na terceira fase quedou encadrado nun grupo con Corea do Sur, Emiratos Árabes, Iraq, Siria e o Líbano, e volveu lograr o primeiro posto despois de obter 8 vitorias en 10 partidos.[28] Deste xeito clasificou á selección iraniana para a súa sexta Copa do Mundo.[29] Con todo, para a fase final do torneo foi substituído polo portugués Carlos Queiroz.[30]

Croacia sub-21

En abril de 2023 foi nomeado adestrador da selección sub-21 de Croacia, á que dirixiu ata 2024.[31]

Tractor

En xullo de 2024 regresou ao fútbol iraniano, aceptando o cargo de adestrador do Tractor.[32] Alí dirixiu un destacado grupo de xogadores, entre eles Mehdi Hashemnejad, Amirhossein Hosseinzadeh, Tomislav Štrkalj ou Domagoj Drožđek, cos que ocupou durante toda a tempada as primeiras posicións da liga iraniana. Finalmente liderou a táboa dende a xornada 19 ata o final do campionato, levando o club de Tabriz ao seu primeiro título de liga.[33]

Remove ads

Palmarés

Xogador

Las Palmas

Adestrador

Rijeka
  • Copa de Croacia (1): 2005/06.
Interblock Ljubljana
  • Copa de Eslovenia (1): 2007/08.
  • Supercopa de Eslovenia (1): 2008.
Tractor
  • Liga Pro do Golfo Pérsico (1): 2024/25.


Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads